Xusto Beramendi recibe a Medalla de Ouro do Museo do Pobo Galego

Desde Nós Diario:
“Coincidindo coa asemblea do padroado do Museo do Pobo Galego (MPG), o sábado 27 de maio entregóuselle ao historiador Xusto Beramendi, un dos seus fundadores, a Insignia de Ouro da entidade.
O padroado, na súa intervención, recoñeceulle que “os factores considerados para conceder as anteriores insignias de ouro concorren no caso do Dr. Beramendi González”.
Lembraron, ademais, por unha parte, que, “xunto cos xa finados Carlos García Martínez e Rafael Baltar Tojo concibiron a idea de crear o MPG, recollendo arelas históricas do galeguismo e valéndose da plataforma do COAG, ao que estaban vencellados laboral e profesionalmente.”
Por outra, recordaron que “ao longo de moitos anos asumiu responsabilidades de xestión no propio MPG, primeiro como secretario, logo como presidente da Xunta Reitora, e finalmente como presidente do padroado”.
Tiveron en conta desde o padroado, tamén, que “até o último momento levou o leme de MPG para non desviarse dos obxectivos de medre e anovamento” polo que “coherente coas súas ideas, en maio de 2022 para non perpetuarse no cargo renunciou á presidencia do padroado e desbotou a idea de presentarse á reelección”.
Após participar na fundación do Museo do Pobo Galego, exerceu como secretario do padroado entre os anos 1976 e 1986.
Posteriormente, foi nomeado presidente da Xunta Reitora en 2000. Un posto que ocupou até 2011, ano no que foi escollido presidente do padroado.
En abril de 2022 anunciou a súa decisión de retirarse e escolleuse á profesora Concha Losada, daquela vicepresidenta, como nova presidenta.”

Justo Beramendi: “Fraguas foi un militante galeguista moi activo ata o 36”

Entrevista a Justo Beramendi na Real Academia Galega:
“(…) – Real Academia Galega (RAG): A relación que vostede mantén co Museo do Pobo Galego tamén vén daquel momento fundacional, no ano 1976. Como foi a incorporación de Fraguas?
– Justo Beramendi (JB): A xunta de goberno do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia deunos, ás persoas que daquela estabamos na súa comisión de cultura, vía libre para intentar constituír o padroado que tiña como obxectivo a creación do museo. Daquela comisión formabamos parte dous ausentes, desgraciadamente, Rafael Baltar e mais Carlos García Martínez, María Xosé Fernández Cerviño e eu mesmo. O que fixemos foi recrutar as persoas que pensamos que poderían formar parte do padroado, entre elas, por suposto, todos os galeguistas históricos que aínda vivían, e foi así como don Antonio Fraguas foi unha das persoas que fomos buscar. (…)
– RAG: Co gallo do centenario do nacemento de Fraguas, o Museo do Pobo Galego editou en 2005 un volume conmemorativo no que vostede analiza un aspecto da súa vida que segue a ser pouco coñecido, o seu activismo político galeguista antes de 1936. Por que sucede isto?
– JB: Porque nunca foi un dirixente, o único cargo orgánico que tivo foi o de secretario xeral do Partido Galeguista da Estrada, por iso o chamei o soldado fiel. Era fundamentalmente un militante de base, pero moi, moi activo, e sobre todo tiña moi claro cales eran as necesidades do país e do nacionalismo. Supeditaba todo na súa actuación política a iso, aínda que ás veces houbese cousas coas que non estaba moi de acordo.
– RAG: Por exemplo?
– JB: Isto queda moi claro cando nos anos 30 o Partido Galeguista afonda a división entre esquerda e dereita, ou entre filorrepublicanos demócratas e politicamente laicos, como Castelao e Bóveda, e os politicamente católicos. Fraguas é un home moi relixioso, pero a pesar diso mantense fiel ao que decida a maioría do partido, a esquerda, en contra do que fan íntimos amigos seus e colaboradores na primeira radio de Galicia, como Xosé Mosquera, O vello dos contos.
– RAG: Tamén foi moi activo na campaña a prol do Estatuto de Autonomía.
– JB: Si, coma todos os militantes, se hai Estatuto de Autonomía de Galicia en 1936 é grazas ao Partido Galeguista. A pesar de ser un partido minoritario, centra todas as súas enerxías desde a súa fundación cara á consecución da autonomía de Galicia, incluso os escindidos participan na campaña do referendo activamente. (…)”