O VIII Concurso de microrrelatos premia nove historias dende Galicia a Polonia

Desde a Real Academia Galega:
“O VIII Concurso de microrrelatos que organizan a Real Academia Galega e PuntoGal xa ten gañadores. Lugo, Barcelona e Varsovia son os lugares desde onde participaron as tres persoas premiadas na categoría de adultos: Santiago Argüeso Galván (1997), gañador do primeiro galardón, e Damián Fernández Rodríguez (1986) e Rebeca Lema Martínez (1986), que se fixeron co segundo e o terceiro, respectivamente. Na modalidade xuvenil os dous primeiros premios son para as veciñas de Guitiriz Yanira Ansede Iglesias (2008) e Mencía Rodríguez Lorenzo (2009). O terceiro, para a coruñesa María Conde Alba (2008). Da Coruña é tamén Ana López Canosa (2013), gañadora do primeiro da categoría infantil, na que Laura Álvarez Barrio (2013), veciña de Redondela, conseguiu o segundo e a luguesa Irene Suárez Rodríguez (2015) o terceiro.
Entre as case mil historias presentadas dun máximo de 200 palabras, os xurados recoñeceron ademais como finalistas seis textos de Marisa Vidal Collazo (1966), natural de Corme e veciña de Santiago de Compostela; Sara Jul Rivas (1972), de San Cibrao (Cervo); o compostelán Anxo Rey López (2010); Itxaso Illarramendi González (2010), veciña de Vigo; Airela Ónega Ferreiro (2015), de Lugo; e Xoel Villar Castro (2014), de Castrelo de Miño, gañador do terceiro premio na mesma categoria na edición do ano pasado.
A RAG, PuntoGal e Luzes, revista que colabora na organización do concurso, entregarán os premios o venres 18 de xullo nun acto aberto a todo o público que se celebrará no salón de actos da Fundación Luis Seoane (rúa San Francisco, 27 – A Coruña). As historias gañadoras poderán lerse nunha edición especial en liña que se publicará nas páxinas web das entidades convocantes e relatos.gal, e tamén, canda as finalistas, en Luzes.

Categoría de persoas adultas
Natural e veciño de Lugo, Santiago Argüeso Galván fíxose co primeiro premio de adultos coa historia titulada “O cadro”, 169 palabras que conmoven co ollada que ofrecen sobre a perda daquilo que marca a cotiandade dunha vida, destacou o xurado desta categoría, composto polo académico de número Víctor F. Freixanes; o presidente de PuntoGal e tamén académico Manuel González, a académica correspondente Débora Campos, a xornalista Yolanda Virseda e o director xeral de PuntoGal, o xornalista Darío Janeiro.
Santiago é filólogo de formación e nestes momentos traballa nunha cadea de supermercados, aínda que a docencia é a súa vocación. Lector apaixonado, a escritura está tamén presente no seu día a día. Escribe desde que era un pícaro, de relatos a “simulacros de obras teatrais”. “Incluso algunha idea de novela paseou e pasea pola miña cabeza, mais todo isto sempre sen pretensións de chegar a maiores”, confesa. Ata o momento publicara algúns pequenos poemas soltos e artigos en revistas universitarias e nunca se presentara a un certame literario.
Damián Fernández Rodríguez gañou o segundo premio con “Lagamei Lalo”, un relato de 106 palabras. Naceu en Ourense, medrou en Pontevedra e agora vive en Barcelona, onde traballa no ámbito da tradución, en procesos de calidade lingüística para empresas tecnolóxicas. “Escribo dende hai anos, tanto microrrelatos coma textos máis longos, por gusto persoal e por explorar outras formas de expresión”, conta. O segundo premio nesta convocatoria é o seu primeiro galardón literario e conségueo cun relato “moi especial” para el. O xurado sinala que esta historia ilustra a importancia das palabras e de formular ben as preguntas, e tamén dalgún xeito un tempo en que non se está disposto a sufrir, moito máis que a vida implique sufrimento.
Rebeca Lema Martínez mereceu o terceiro premio coa historia titulada “Tan duro”, un texto de 144 palabras no que constrúe con humor un personaxe que non é o que inicialmente o lector pensa. Con raíces familiares en Laxe, naceu na Coruña, viviu tamén en Vigo e Santiago de Compostela, e desde 2013 reside na capital de Polonia, onde exerce a docencia. En 2022 saíu do prelo o seu libro de relatos Historias de amor para nefelibatas e tamén escribe novelas baixo pseudónimo, unha delas xa publicada e outras dúas en camiño.
Marisa Vidal Collazo, finalista na mesma categoría con “Seur”, é docente de Física e Química e conta tamén con varias obras nas librarías, unha delas de carácter colectivo como parte das Comadres das Letras e outras coas asociacións Encrucillada e Mulleres Cristiás Galegas. En 2022 publicou o seu primeiro libro en solitario, Eu son Exeria. Lectura feminista dunha viaxe no século IV. A mención do xurado do concurso da Real Academia Galega e PuntoGal súmase aos recoñecementos que recibiu por outros relatos nos certames que organizan  Buserana, o Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia e a Biblioteca da Deputación da Coruña.
Tamén resultou finalista “F+G=0”, de Sara Jul Rivas, profesora de Matemáticas. Hai uns meses Sara apuntouse coa súa filla a un obradoiro de escritura con Antía Yáñez e foi así como se animou a concursar nunha edición na que, destaca o xurado, se constata o aumento progresivo do nivel, edición tras edición.

Xuvenil
Nas categorías xuvenil e infantil o xurado compuxérono os académicos correspondentes Xosé María Lema e Ana Romero Masiá; a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, e a filóloga Cristina Ríos en representación de PuntoGal; e mais o editor e xornalista César Lorenzo. De acordo coa súa escolla, os dous primeiros premios para persoas de 12 a 17 anos son para dúas alumnas do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz.
Yanira Ansede Iglesias é a gañadora do primeiro xuvenil co relato titulado “No tempo esquecido”. Conta que non escribe moito, pero que ten moitas historias na cabeza, e gústanlle os coches e o fútbol. “Xogo dende os 4 anos e son afeccionada do Dépor”, explica. Mencía Rodríguez Lorenzo conseguiu o segundo galardón xuvenil con “A chave”. Naceu nunha familia que lle inculcou o amor á lectura, e tamén á escritura, na que se iniciou en 2016 cando, cadrando coas Letras Galegas de Manuel María, a súa avoa paterna a agasallou cun exemplar d’Os soños na gaiola. “A noite que nunca olvidarán” valeulle a María Conde Alba (2008), veciña da Coruña, o terceiro premio. Estuda o bacharelato internacional no Colexio Eirís e conta que lle gusta o piano dende os catro anos e pasar o tempo libre coas amizades.
O xurado destacou así mesmo como finalistas os relatos “Esculcando na memoria”, de Anxo Rey López, alumno de terceiro da ESO do IES Antonio Fraguas de Santiago de Compostela, que salienta que se presentou ao concurso animado pola súa profesora Lupe García Prieto; e “Éxtase”, de Itxaso Illarramendi González, alumna da Compañía de María de Vigo, apaixonada da lectura e da escritura e gañadora xa, malia a súa mocidade, dunha morea de premios. O último deles consistiu na súa inclusión na Lista de honra de prata do Premio Jordi Sierra 2025.

Infantil
A coruñesa Ana López Canosa, alumna de sexto do CEIP Zalaeta, é a gañadora do primeiro premio infantil con “A negrura da noite”. Gústalle a ler e escribir desde moi pequena, comezou a facelo a carón da súa avoa e levou xa algún outro premio literario, tanto escribindo poesía coma contos. A lectura e a escritura son tamén parte da vida de Laura Álvarez Barrio, alumna de sexto do CEP Santa Mariña de Redondela, gañadora do segundo premio infantil con “O libro do tempo esquecido”. Ademais dos libros, nos que atopa mundos e xentes inimaxinables e fantásticos, gústalle debuxar.
Irene Suárez Rodríguez, alumna de 9 anos do CEIP das Mercedes de Lugo, é a autora de “O murmurio da montaña”, o conto distinguido co terceiro premio. Ela é outra devota da lectura, encántalle ademais a música e pasar tempo coas amigas. No mesmo colexio lugués estuda Airela Ónega Ferreiro, de 10 anos, outra apaixonada da lectura e tamén de falar, confesa. O seu relato “Desexos voadores” é un dos finalistas canda “Indisciplina planetaria”, de Xoel Villar Castro, de 11 anos. Na edición anterior Xoel mereceu o terceiro premio deste concurso, e agora colleita un novo éxito para o CEIP de Castrelo de Miño neste concurso.”

Lois Ladra avanza o seu proxecto á fronte do Museo do Pobo Galego: da recuperación integral de Bonaval á descentralización do museo

Desde Nós Diario:
“Acadar unha ampliación significativa dos recursos económicos e humanos destinados ao centro, consolidar o crecemento experimentado ao longo dos últimos anos, levar a cabo as obras de recuperación integral do conxunto monumental de San Domingos de Bonaval e concluír a montaxe das novas salas de historia coa vista posta no cincuenta aniversario da institución, en 2027. Son as principais liñas mestras do novo proxecto para o Museo do Pobo Galego co que Lois Ladra vén de asumir a Dirección da entidade.
A súas propostas foron, canda a súa formación no ámbito da antropoloxía e a súa experiencia profesional, un dos aspectos que a comisión seleccionadora tivo en conta á hora de elixir Ladra a través dun concurso de méritos con máis de vinte candidaturas. Así o apuntou esta terza feira a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, na presentación de Lois Ladra, quen releva a Manuel Vilar Álvarez á fronte do museo, após a xubilación deste.
Lois Ladra (A Coruña, 1972) asumiu o cargo o pasado 2 de outubro co “orgullo de incorporarse á Dirección dunha entidade que representa o mellor deste país e un exemplo de como a sociedade civil pode organizarse para crear un centro referencial coma este”.
O novo director debullou tamén outros aspectos que merecerán especial interese nesta nova etapa da entidade, entre eles, a “descentralización do museo, para tentar chegar a todos os recunchos do país”, así como “o fortalecemento das relacións culturais e patrimoniais con Portugal e coa lusofonía”, mais sen deixar atrás os “firmes e sólidos valores fundacionais do Museo do Pobo Galego”, así como a experiencia acumulada no estudo, defensa e activación cultural do patrimonio etnolóxico do pobo galego, destacou.
Neste sentido, Ladra avogou tamén por alentar a “necesaria adaptación aos novos tempos, actualizando o discurso museolóxico e as instalacións museográficas”. Así, resumiu, o obxectivo será “celebrarmos con orgullo este medio século de vida, creando as condicións necesarias para que o Museo do Pobo Galego, tomando prestadas as fermosas palabras de Cunqueiro, poida seguir existindo mil anos máis como faro, luz e guieiro da nosa cultura e da nosa identidade como sociedade milenaria, plural, rica, dinámica, inclusiva e diversa”.
Lois Ladra é licenciado con grao en Xeografía e Historia na especialidade de Prehistoria e Etnoloxía pola Universidade Complutense de Madrid. Ten ademais un mestrado en Arqueoloxía pola Universidade do Porto (Portugal) e unha Licenciatura en Antropoloxía Social e Cultural. A súa experiencia laboral está ligada ao estudo, defensa e activación do patrimonio cultural, tanto en traballos desenvolvidos para diversas administracións públicas como en empresas españolas e portuguesas, así como no terceiro sector.
Antes de asumir a Dirección da institución Ladra xa formaba parte como asociado do Museo do Pobo Galego e viña colaborando na revista Adra desde o ano 2010.”

Compostela: Homenaxe a Dorothé Schubarth

Xusto Beramendi recibe a Medalla de Ouro do Museo do Pobo Galego

Desde Nós Diario:
“Coincidindo coa asemblea do padroado do Museo do Pobo Galego (MPG), o sábado 27 de maio entregóuselle ao historiador Xusto Beramendi, un dos seus fundadores, a Insignia de Ouro da entidade.
O padroado, na súa intervención, recoñeceulle que “os factores considerados para conceder as anteriores insignias de ouro concorren no caso do Dr. Beramendi González”.
Lembraron, ademais, por unha parte, que, “xunto cos xa finados Carlos García Martínez e Rafael Baltar Tojo concibiron a idea de crear o MPG, recollendo arelas históricas do galeguismo e valéndose da plataforma do COAG, ao que estaban vencellados laboral e profesionalmente.”
Por outra, recordaron que “ao longo de moitos anos asumiu responsabilidades de xestión no propio MPG, primeiro como secretario, logo como presidente da Xunta Reitora, e finalmente como presidente do padroado”.
Tiveron en conta desde o padroado, tamén, que “até o último momento levou o leme de MPG para non desviarse dos obxectivos de medre e anovamento” polo que “coherente coas súas ideas, en maio de 2022 para non perpetuarse no cargo renunciou á presidencia do padroado e desbotou a idea de presentarse á reelección”.
Após participar na fundación do Museo do Pobo Galego, exerceu como secretario do padroado entre os anos 1976 e 1986.
Posteriormente, foi nomeado presidente da Xunta Reitora en 2000. Un posto que ocupou até 2011, ano no que foi escollido presidente do padroado.
En abril de 2022 anunciou a súa decisión de retirarse e escolleuse á profesora Concha Losada, daquela vicepresidenta, como nova presidenta.”

A profesora Concha Losada substituirá Xusto Beramendi á fronte do Padroado do Museo do Pobo Galego

Desde Nós Diario:
“A profesora universitaria Concha Losada, actual vicepresidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, substituirá o historiador Xusto Beramendi como máximo dirixente da institución.
Losada presentou unha única candidatura de consenso, na que tamén figuran os nomes de María Xosé Fernández, Lino Lema ou Francisco Sanjiao.
Beramendi, cofundador do padroado nos anos setenta e presidente desde 2011, anunciou o pasado mes de abril a súa decisión de “retirarse”.
A asemblea de elección da nova presidencia terá lugar o 28 de maio. Co seu nomeamento, Concha Losada converterase na primeira muller en ocupar a presidencia do Padroado do Museo do Pobo Galego.
Após participar na fundación do Museo do Pobo Galego, exerceu como secretario do padroado entre os anos 1976 e 1986. Posteriormente, foi nomeado presidente da Xunta Reitora en 2000. Un posto que ocupou até 2011, ano no que foi escollido presidente do padroado.
No acto no que anunciou que se retiraba, Beramendi fixo referencia aos futuros retos aos que se enfrontará o padroado e o Museo do Pobo Galego: completar o programa museístico, ampliar o cadro de persoal e completar o relevo xeracional.”

Compostela: intervención de Concha Losada Vázquez no programa Parladoiros no Museo

O luns 13 de novembro, de 18:15 a 19:30 horas, no Museo do Pobo Galego, terá lugar unha nova sesión do programa Parladoiros no Museo, coa intervención de Concha Losada Vázquez, arredor de Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade. Arquivo dixital de fondos de patrimonio oral do Museo do Pobo Galego. Prégase puntualidade, por tratarse dun luns o Museo permanece pechado ao público.