Manuel López Rodrígue gaña o XXXVI Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón

“O poeta Manuel López Rodríguez obtén coa súa obra As palabras do sur o XXXVI Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, convocado polo Concello de Dodro.
O xurado do certame decidiu, de forma unánime, concederlle o galardón ao traballo As palabras do sur pola consistencia do proxecto, tanto a nivel estrutural como polo que respecta a cada poema en particular, así como unha complexidade que dá pé a varios niveis de lectura.
Esta edición do premio estivo coordinado pola poeta Elvira Ribeiro e formaron parte do xurado as escritoras Chus Nogueira, Lorena Souto e Brenda Mondelo, xunto co alcalde e o concelleiro de Cultura de Dodro, Francisco Xabier Castro Tourís e Ramón Abuín Gómez.
O acto oficial de entrega do certame terá lugar o vindeiro, 9 de decembro, no CPI de Dodro. As palabras do sur de Manuel López Rodríguez será publicada no ano 2024, nunha editorial de recoñecido prestixio.”
A foto do autor é de Ogalego.gal, publicada na Wikipedia.

Antón Blanco gaña o Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón

Desde Fervenzas Literarias:
“Antón Blanco Casás é o gañador da XXXII edición do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón que convoca o Concello de Dodro, polo seu poemario Voz do arqueiro. Así o decidiu por unanimidade o xurado, reunido o sábado da semana pasada na Casa de Cultura, tras valorar “a construción e a sintaxe e xunto cunha escolla léxica moi coidada. Voz do arqueiro posúe unha arquitectura interna coherente”.
Coordinado nesta edición por Xabier Castro Martínez, director do Centro PEN Galicia, o xurado estivo composto por Alicia Fernández Rodríguez, Estevo Creus Andrade, Elvira Ribeiro Tobío, Xabier Xil Xardón, e presidido Ramón Abuín Gómez, tenente de alcalde do Concello de Dodro. Actuou como secretario Xoán Xosé Vicente Franco, concelleiro de Cultura e Patrimonio.
Previo ao fallo, os membros do xurado, acompañados polo alcalde de Dodro, Xabier Castro, Manuel Lorenzo Baleirón, irmán de Eusebio e os poetas Paulino Vázquez, Anxo Angueira e David Pérez Iglesias rendiron un tributo poético cos poemas de Alba Cid e Hilde Domin ademáis dunha ofrenda floral no cemiterio de San Xián de Laíño, onde repousan os restos de Eusebio Lorenzo Baleirón.
O premio será entregado o próximo sábado ás 17:30 h. nun acto no CPI Eusebio Lorenzo Baleirón.”