Santiago: Encontro Zambrano-Dieste: o legado de dúas figuras insubornables, o 18 de outubro

O xoves 18 de outubro, no Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar, Santiago de Compostela), terá lugar o Encontro Zambrano-Dieste: o legado de dúas figuras insubornables, organizado por esta entidade. A recuperación da memoria vén sendo xa un lugar común que deixa de ter sentido se non serve como espazo de transformación. María Zambrano Alarcón (1904-1991), unha das figuras claves da filosofía do século XX, e Rafael Dieste (1899-1981), escritor da xeración do 27, son dúas persoas comprometidas e enraizadas na cultura popular. A súa relación intelectual iníciase na Segunda República e estréitase a través da súa participación nas Misións Pedagóxicas e noutras iniciativas culturais. Pensar as súas relacións e producións é pensar tamén no futuro. Zambrano e Dieste asomen non só o peso da nosa memoria histórica senón tamén a necesidade de repensar as súas motivacións e as súas achegas.
A inscrición é gratuíta. O número de prazas é limitado (100 persoas). As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición. Entregarase diploma acreditativo de asistencia á xornada. Para obter o diploma é preciso asistir ao 75% das sesións. Dita inscrición pode realizarse aquí. O programa pode descargarse nesta ligazón.
Coordinadores: María Xosé Agra Romero e Ramón Maiz.
Presentan: María Xosé Agra Romero, Ramón Maiz e Ramón Villares.
Relatoras/es: María Xosé Agra Romero, Xosé Luís Axeitos, Arturo Casas, Xosé Díaz Díaz, María Leyra Fernández-Labandera, Ramón Maiz e Carmen Muñoz.

Mudar o xeito no que pensamos a cultura

“Un ambicioso proxecto que ao longo de catro anos achegou ao noso país pensadores de renome internacional. Debates a múltiplas bandas, autores traducidos por vez primeira ao galego e a tentativa de modificar o xeito no que se concibe a idea de cultura no noso país. O Consello da Cultura presentaba o pasado venres un volume de 700 páxinas que fecha a primeira etapa do ciclo O(s) sentido(s) da(s) cultura(s), pero o proxecto continúa. Unha intervención de Félix Duque, a falar sobre O neohumanismo da non cidade abría en febreiro de 2007 este ciclo. Desde entón, un bo feixe de pensadores pasaron pola sede do Consello da Cultura Galega, deixando os seus relatorios e que agora ven a luz nun só volume. Ramón Máiz coordinou este ciclo, que pretende “abordar o concepto de cultura desde a pluralidade no mundo de hoxe. Hai debates moi recentes en Antropoloxía, Socioloxía, a relación de cultura e cidade, a cultura e a nación ou o multiculturalismo”, sinala a resumir algunhas das propostas que se recolleron no encontro. En palabras de Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura, a actividade “reflicte un estilo intelectual e un modo de actuar institucional”. (…)” Desde Cultura Galega.

Santiago: presentación de A arte do imposible, de Ramón Máiz

O martes 13 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6), de Santiago de Compostela, terá lugar a presentación de A arte do imposible, de Ramón Máiz, publicado en Galaxia, obra que recibiu o Premio Ramón Piñeiro 2010. No acto, o autor estará acompañado por Víctor F. Freixanes e Xan López Facal.

Santiago: presentación de A nacionalización do pasado irlandés: 1845-1937, de Xavier R. Madriñán

O luns 28 de marzo, a partir das 20:00 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro A nacionalización do pasado irlandés: 1845-1937, de Xavier R. Madriñán, publicado pola Xunta de Galicia. O acto contará coa presenza de Ramón Villares, Ramón Maíz e o autor.

Ramón Máiz gaña o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio con A arte do imposible

A obra A arte do imposible, da que é autor Ramón Máiz Suárez, resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2010, que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través do Centro Ramón Piñeiro para a investigación en humanidades, e Editorial Galaxia coa colaboración de Gas Natural Fenosa. O ensaio premiado nesta X edición do Premio Ramón Piñeiro, que está dotado con 6.000 euros, será publicado por Editorial Galaxia o próximo ano. Sete orixinais presentáronse a esta edición. O xurado valorou moi especialmente o novidoso do ensaio e o tratamento dalgúns dos temas centrais da ciencia política actual cun enfoque tamén relacionado co caso de Galicia. Ademáis de entrar no debate sobre a formulación do poder, na obra premiada reflexiónase a prol da dignidade e o valor da política como xestión do poder que vén dende abaixo; cun enfoque que reivindica a paixón como raiz común descoñecida da política fronte ao hiperracionalismo. A nova aparece recollida en Galaxia, Cultura Galega, Xornal, Galicia Hoxe, La Opinión, Galiciaé e El País.