Entrevista de Ramón Nicolás a Ramón Caride no seu blogue, Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Publica para primeiros lectores Catro amigos pillabáns e A pomba dona Paz: subxacen aí os mesmos valores da súa obra?
– Ramón Caride (RC): A pesar de seren libros cun forte compoñente gráfico e dirixidos ás primeiras etapas lectoras, son distintos: A pomba… é un libro feito expresamente para celebrar o Día Escolar da Paz e poñer de relevo cousas como a tolerancia, a ecoloxía e a convivencia nas aulas; mentres que Catro amigos… é máis ben un libro de aventuras protagonizado por animais. No fondo, non obstante, comparten os mesmos valores. (…)
– RN: Exogamia 0.3 tamén foi un título ben acollido por crítica e lectores.
– RC: É un libro de relatos para pensar e debater sobre a explotación infantil, as consecuencias da industria nuclear, os avances biomédicos ou a emigración clandestina. Está construído a partir de informacións xornalísticas e de avances recentes publicados en revistas científicas, buscando un dobre obxectivo: a máxima actualidade e a maior diversidade de técnicas narrativas. A súa excelente recepción demostra que os novos lectores non teñen apriorismos á hora de ler. En contra do que se di ás veces, creo que non debemos rebaixar o nivel de esixencia e precisión nos textos para adolescentes. Continuarei esta serie con Endogamia 0.2, xa redactado.
– RN: Non descoida a lírica: que achega A chuvia humana á súa obra anterior?
– RC: A chuvia humana é, esencialmente, un libro de micropoemas, epigramas ou aforismos, que de todo hai. Como tal, cun nivel de concisión extremo e extensión mínima. Creo que contén fortes doses de humor corrosivo e crítica social, como corresponde á que nos está a caer enriba a todos (e non é chuvia, precisamente). (…)”
Arquivos da etiqueta: Ramón Nicolás
Buenos Aires: conferencia de Ramón Nicolás sobre Celso Emilio Ferreiro
O mércores 25 de abril, ás 20:30 horas, nos locais da Federación de Asociaciones Gallegas de la República Argentina, no salón Arturo Cuadrado (Chacabuco 955), emprazado no barrio de San Telmo en Buenos Aires, Ramón Nicolás falará de Celso Emilio Ferreiro, tanto da edición bilingüe de Longa noite de pedra como das novas achegas que incorpora na vindeira biografía que aparecerá en Xerais en datas próximas baixo o título de Celso Emilio Ferreiro no rodicio dos días. No apartado musical participarán María do Ceo e mais o seu grupo musical.
Santiago: XXII Xornadas de Lingua e Literatura
Está aberto o prazo de matricula das XXII Xornadas de Lingua e Literatura. A actividade ten servido, ao longo dos derradeiros 22 anos, como lugar de intercambio de experiencias, de presentación de recursos ou como foro de debate dos principais problemas que afectan á docencia de Lingua e Literatura, sen esquecer nunca a problemática sociolingüística. As Xornadas terán lugar os próximos días 20 e 21 de abril na Facultade de Ciencias da Educación (Xoán XXIII, s/n) de Santiago de Compostela.
PROGRAMA
Venres 20
– 16:30 h. Entrega de material.
– 17:00 h. Inauguración.
– 17:00 h. Conferencia: Celso Emilio Ferreiro á luz dunha biografía. Ramón Nicolás Rodríguez, profesor e crítico literario.
– 18:30 h. Correlingua: O alumnado como protagonista dunha ferramenta normalizadora.
– 19:00 h. EL Producións artísticas, compañía de teatro residente no Tal-Teatro Arte Livre de Vigo. Representación da obra de teatro: Lorca e as flores de Venus, de Marga do Val.
Sábado 21
– De 10:00 a 11:00 h. Seminarios:
* A autora fala da súa obra. Olga Novo, escritora.
* O cartel como elemento normalizado. Pilar Ponte, profesora de lingua e literatura galegas.
* Proposta didáctica para traballarmos nas aulas coas SMS e outros soportes comunicativos. Estefanía Mosquera Castro, filóloga.
– De 11:15 a 12:15 h. Seminarios:
* O autor fala da súa obra. Miro Villar, escritor.
* Presenza das mulleres na literatura galega. Mercedes Queixas Zas, profesora de lingua e literatura galegas e crítica literaria.
– Proxecto Ríos de Lingua e Cultura. Iniciativa de recollida e divulgación de nomes populares asociados aos ríos. Virxinia Rodríguez Álvarez, presidenta de ADEGA, coordinadora do Proxecto Ríos.
– 12:30 h. Mesa redonda: Música e literatura. Xurxo Souto, Sés, Leo de Leo e Arremecaghona e Miguel Mosquera de Ataque Escampe.
– 13:30 h. Presentación do proxecto xornalístico Sermos Galiza. Presentación da rede socioeducativa Belvís.
– 16:00 h. Conferencia: Cicatrices de ferro nas palabras. A obra poética de Valentín Paz Andrade. Carlos Callón Torres e Paulo Filgueiras Fachal, profesores de lingua e literatura galegas.
– 17:30 h. O grupo de teatro da Sociedade Cultural MEDULIO (Ferrol) representa o espectáculo O mundo segundo Rosalía de Castro, como homenaxe e celebración dos 175 anos do nacemento da nosa escritora fundacional. Consiste na escenificación de poemas rosalianos pertencentes a Cantares Gallegos e Follas Novas. Este espectáculo demostra a potencialidade da poesía de Rosalía para a escena e a súa impresionante actualidade, alén de indicar camiños e suxestións para o profesorado e o alumnado achegarse a ela.
Matrícula:
– Socios/as da AS-PG e afiliados/as da CIG-Ensino: 15 €
– Desempregados/as: 36€
– Normal: 60€
Inscrición: Na páxina da AS-PG ou en CIG-Ensino, apartado de formación.
Homologación: Está solicitada a homologación á Consellería de Educación por 10 horas lectivas. Para a obtención do certificado será necesario acreditar unha asistencia de, cando menos, o 85% da totalidade da actividade.
Santiago: Celso Emilio e a dignidade da terra, no ciclo Galicia, ceo das letras
O sábado 14 de abril, dentro do Ciclo Galicia, ceo das letras. Sábados de autor, que se desenvolven na Biblioteca da Cidade da Cultura, terá lugar esta actividade amadriñada pola Fundación Celso Emilio Ferreiro: Celso Emilio Ferreiro e a dignidade da Terra, autor dalgún dos títulos que deixaron unha máis fonda pegada na literatura galega contemporánea, como Viaxe ao país dos ananos, Onde o mundo se chama Celanova, O soño sulagado, e sobre todo Longa noite de pedra, estandarte profusamente musicado desde a nova canción galega dos anos 60’ ate os nosos días. En 2012 conmemoramos o centenario do seu nacemento. O programa é o seguinte:
– 12:00 h. Relatorio, por Ramón Nicolás Rodríguez. Profesor e crítico literario. Realizou diversos traballos sobre Celso Emilio Ferreiro e ten a piques de publicar unha biografía sobre o celanovés.
– 13:00 h. Labregos do Tempo dos Sputniks (35 minutos). Tres colosos do punk (O Leo), do hip hop (García Mc -Dios Ke Te Crew-) e do ska (Vero –Xenreira-) conflúen nunha das bandas máis poderosas da escena musical galega actual, en tributo aos versos de Celso Emilio.
Presenta: Luís Ferreiro, fillo do poeta e presidente da Fundación Celso Emilio Ferreiro.
Para acceder á actividade é preciso reservar previamente aquí.
Valentín Paz Andrade (telexornal)
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“(…) Vía blogue de Carlos Callón, este imaxinativo e útil vídeo sobre Valentín Paz Andrade: unha verdadeira alfaia feita no CPI dos Dices en Rois. Parabéns a quen o levaron a cabo con tanto bo facer.
Pontedeume: charla-coloquio sobre Celso Emilio Ferreiro, con Ramón Nicolás e Luís Ferreiro
O xoves 15 de marzo, ás 20:00 horas, no Centro de Maiores (Rúa Ferreiros, 20) de Pontedeume, terá lugar unha charla-coloquio sobre Celso Emilio Ferreiro, coa presenza de Ramón Nicolás e Luís Ferreiro, fillo do escritor. O acto está organizado pola Lonxa Literaria do Ateneo Eumés Fernán Martís, e, dentro del, leranse poemas de Viaxe ao país dos ananos.
Vinte e seis obras finalistas compiten polos Premios AELG 2012, que chegan á súa XIII edición
Os 417 socios e socias da AELG xa escolleron os finalistas aos premios á mellor obra publicada no 2011 nas modalidades de ensaio, poesía, narrativa, tradución, teatro, blog literario, literatura infanto-xuvenil e traxectoria xornalística. Nestes dous últimos casos tamén participan na elección os asociados de Gálix e os membros do Colexio de Xornalistas respectivamente.
As obras gañadoras daranse a coñecer na Cea das Letras, un dos actos máis importantes na vida da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, que terá lugar o vindeiro 5 de maio en Santiago de Compostela.
Así pois, da conxunción de votos emitidos nunha primeira quenda resultaron finalistas:
Narrativa:
– Extramunde, Xavier Queipo, Xerais.
– Laura no deserto, Antón Riveiro Coello, Galaxia.
– Non hai noite tan longa, Agustín Fernández Paz, Xerais.
Ensaio:
– Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, Carlos Callón, Xerais.
– Rosalía de Castro. Estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe), Francisco Rodríguez, Asociación Socio-Pedagóxica Galega.
– Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de Mª do Carme Kruckenberg, Mercedes Queixas Zas, Galaxia.
Poesía:
– balea2, Estevo Creus, Positivas.
– Leopardo son, Pilar Pallarés, Espiral Maior.
– Todas as mulleres que fun, Andrea Nunes Brións, Corsárias.
Teatro:
– A función do tequila, Manuel Guede, Deputación da Coruña.
– Chegamos despois a unha terra gris, Raúl Dans, Xerais.
– Fábula galénica, Inácio Vilariño, Baía.
Mellor traxectoria de Xornalismo Cultural en 2011:
– Anxo Tarrío.
– Bieito Iglesias.
– Iago Martínez.
– Ramón Chao Rego.
– Santiago Jaureguizar.
Literatura Infanto-Xuvenil:
– Fantasmas de luz, Agustín Fernández Paz, Xerais.
– Noutra dimensión, Marica Campo, Galaxia.
– O meu gato é un poeta, Fran Alonso, Xerais.
Tradución:
– Os trobadores de Occitania, Darío Xohán Cabana, Edicións da Curuxa.
– Sonetos de Shakespeare, Ramón Gutiérrez Izquierdo, Xerais.
– Versos escollidos (de Wisława Szymborska), Lucía Caeiro, Positivas.
Mellor Blog Literario:
– As crebas, Miro Villar.
– Caderno da crítica, Ramón Nicolás.
– Criticalia, Armando Requeixo.
Na segunda fase, xa en andamento, os asociados e asociadas decidirán as obras gañadoras.
Alén destas categorías, os Premios AELG constan doutros dous galardóns outorgados pola Asemblea de Socios e Socias da AELG: o premio para a Institución que se caracterizase pola súa contribución á divulgación da literatura galega, que este ano será para os Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino e Servizos de Normalización Lingüística dos concellos; e mais o Premio AELG 2012 Escritor Galego Universal, outorgado pola Asemblea ao escritor José Luis Sampedro, galardón que o distingue como autor que combina a excelencia literaria co compromiso ético que o converte en referente na defensa da dignidade humana; a AELG agarda contar coa súa presenza na Cea das Letras.
María Reimóndez: “Experimento co estilo”
Entrevista de Ramón Nicolás a María Reimóndez no blogue Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Coincide en que O club da calceta e Pirata únense por unha común preocupación pola identidade e polo papel da muller?
– María Reimóndez (MR): Creo máis ben que ambas as dúas se ocupan do poder. O club da calceta achégase ao poder no cotián e sobre todo ás formas de violencia sutil ás que nos enfrontamos as mulleres cada día dende un punto de vista optimista onde a unión na diversidade supera as dificultades. Pirata intérnase como ben di na identidade de xénero, de clase e de orientación sexual nunha viaxe pola Idade de Ouro da pirataría, pero nela hai tamén un cuestionamento da historia patriarcal e do papel que deixou, silandeiro, ás mulleres en xeral e ás lesbianas/bisexuais en particular.
– RN: E onde radicarían as diferenzas destas novelas?
– MR: As diferenzas destas dúas novelas creo que falan bastante das miñas inquedanzas como autora. Son unha persoa moi curiosa e gústame moito experimentar co estilo narrativo. Á parte das diferenzas obvias (unha é contemporánea, outra traslada un tema contemporáneo a outro tempo e lugar) creo que a diferenza central é a forma na que están escritas.
– RN: Igualmente escribe para xente máis nova, cal é súa experiencia neste ámbito?
– MR: Sen dúbida marabillosa. A literatura infantil é un espazo para falar de cousas importantes pero dun xeito diferente onde a imaxinación non ten fronteiras. Ademais, divírteme moito escribir para un colectivo tan esixente como entusiasta! (…)”.
Ramón Nicolás: “Sorprende a amizade entre Celso Emilio e Cela”
Entrevista a Ramón Nicolás en Dioivo:
“O crítico literario e investigador Ramón Nicolás publicará a finais de maio a súa agardada biografía de Celso Emilio Ferreiro. A obra atópase en proceso de maquetación e a Editorial Xerais pretende lanzalo ás librarías galegas a finais de maio e iniciar as presentacións na Feira do Libro do Vigo. Polo momento, a obra de Nicolás non ten un título definitivo, mais a editorial manexa como provisional Celso Emilio Ferreiro. No rodicio da vida. Esta será unha biografía de gran dimensión, apoiada nunha ampla documentación e que busca diferenciarse doutras obras xa realizadas sobre a vida do poeta celanovés. “Non quixen facer unha biografía literaria como a que realizou o profesor Xesús Alonso Montero. Neste libro sacrifico o que sería tecer interpretacións sobre as obras literarias para centrarme no seu mundo, na súa vertente máis persoal e vital”, explica Ramón Nicolás. (…) A estrutura do libro responde a unha biografía ao uso baseada nunha diversa documentación, pero o autor permitiuse certas licenzas para ir un pouco máis alá. “Trátase dunha biografía canónica, con moitos documentos e que segue unha liña cronolóxica. Pero, ao mesmo tempo, intercálase algún capítulo que relata momentos da vida de Celso Emilio Ferreiro cun xeito ficcional”, admite Ramón Nicolás (…).
Para elaborar a biografía, Ramón Nicolás -investigador que leva anos furando na vida e obra de Celso Emilio- mergullouse nun amplo conxunto de documentos, gran parte cedidos pola Fundación Celso Emilio Ferreiro. Entre eses pegadas do pasado, o biógrafo tamén tivo acceso á correspondencia do escritor. “Consultei o epistolario que el tiña, conservado no seu arquivo. Aí había unha gran serie de cartas que revelan moitas cousas do seu ámbito privado”, explica Nicolás, quen puido acceder principalmente ás cartas recibidas por Celso Emilio, xa que o poeta non adoitaba facer copias das que el enviaba. A través da correspondencia, Ramón Nicolás realiza unha análise da evolución ao longo dos anos das relacións que mantivo con determinados persoeiros. Cunqueiro, Luís Seoane ou Fernández del Riego foron algunhas das persoas coas que máis carteou. Non obstante, un nome que destaca entre todos pola longa relación e a sorprendente amizade é o de Camilo José Cela. “Como investigador, a relación entre Cela e Celso Emilio foi a que máis me sorprendeu. As cartas comezaron a finais dos corenta. Estableceuse unha amizade perenne, sen ningún conflito pese as diferenzas de carácter ideolóxico e político que mantiñan”, explica Nicolás. (…)”.
Marcos Calveiro: “Os personaxes mandan”
Entrevista de Ramón Nicolás a Marcos Calveiro en Qué leer, desde o seu blogue, Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): O seu O pintor do sombreiro de malvas, co que conseguiu numerosos premios, segue reeditándose. Cal cre que foi clave do seu éxito?
– Marcos Calveiro (MC): Supoño que a emoción. Unha historia emotiva e emocionante polo que me comentan os lectores. Unha historia na que tiven un guía extraordinario que nunca volverei ter: o propio Van Gogh coas súas palabras e os seus cadros. Gran parte do éxito débolla a el, á súa sensibilidade como artista e como persoa.
– RN: Centauros do norte foi a súa última publicación. Que pesa máis nela: a revisión histórica, o cinema, a acción?
– MC: O pasado, a miña propia memoria de infancia: a dun neno que quedaba pasmado diante do televisor vendo un western tras outro. O Sétimo de Cabalaría, Xerónimo, O xeneral Custer, O derradeiro mohicano, Shane, o Mississipi, as dilixencias, Grupo Salvaxe, A febre do ouro, Liberty Valance…
– RN: Reclamou con frecuencia a relevancia da literatura infantil e xuvenil galega, por que?
– MC: As cifras e os datos, ás veces fríos, avalan neste caso a miña reclamación: a LIX é o máis traducido, exitoso, e premiado da literatura galega, pero aínda non se lle dá a importancia que debería ter. Só hai que ver a repercusión nos medios de calquera premio ou publicación de LIX para decatarse da súa escasa relevancia social en moitos casos. Cando publiquei a miña primeira novela para público adulto houbo moitos que descubriron que era escritor, cando xa levaba varias obras de LIX publicadas e premiadas.
A LIX é o primeiro elo na formación lectora, sen ela non habería futuro, os lectores, como os dinosauros, extinguiríanse. (…)”