Entrevista de Ana Triñáns a Rodrigo Osorio en Nós Diario:
“- Nós Diario (ND): En que consiste Orixe orzánica das sereas todas?
– Rodrigo Osorio (RO): É unha construción ou máis ben un artefacto que ten dúas partes, o discurso de Urbano Lugrís na RAG en 1953 e a contestación a ese discurso, e a segunda parte é un estudo da súa vida e da súa obra, que é o que asino eu como Rodrigo Osorio, mais todo é inventado.
Lugrís nunca ingresou na Academia e os dous discursos, o del e o de Leandro Carré Alvarellos, son ficticios, igual que o estudo, e a vida que se conta tamén é unha invención porque a premisa da que parte a historia, que non está claramente explícita no libro, é que non houbo golpe de Estado en 1936 e como afectou iso na vida concreta de Urbano Lugrís.
Tamén hai consecuencias accesorias, claro, unha república federal no Estado español, un presidente da Xunta xa en 1953, hai mulleres na RAG nesa altura, María Casares é a directora do Centro Dramático Nacional nos anos 70… Non habendo golpe franquista non houbo mortes nin exilio.
– ND: Como xorde a obra? Hai nela unha mensaxe ou só un xogo?
– RO: Xorde pola admiración por Lugrís, cuxa obra coñecín en 1998, nunha mostra comisariada por Antón Patiño. Tempo despois, vin vivir á Coruña e coincidín con Xurxo Souto nun obradoiro no que se fundou In nave civitas, que entre outras cousas organiza o Día Lugrís no cabodano do autor.
Unha das cousas que chama a atención é que agora a difusión da súa figura está centrada na súa faceta de pintor, pero previamente a iso tivo unha vida distinta, comeza a pintar tras o golpe de Estado e pregúntome que pasaría se non houbese guerra, se desenvolvería a súa carreira doutro modo… Máis que unha mensaxe quero transmitir un sentimento.
Cada vez que vexo como foi a nosa sociedade até 1936 sinto unha mágoa enorme porque non quixeron que seguise a ser así. Non sabemos o que tería pasado pero si que foi truncado de modo violento e brutal por non estar de acordo coa xente que actuaba con liberdade do lado da cultura e da xustiza. (…)
– ND: O discurso xira arredor das sereas e dos homes mariños, lembra a Xurxo Souto…
– RO: A influencia de Xurxo Souto é fundamental. Fago referencia a Xerónimo del Hoyo que dá fe da existencia no século XVII dos homes mariños… Iso vén directamente das historias de Xurxo. Pero o que fai Lugrís é inventar no seu discurso como é que as sereas deixan de ser o que eran en Grecia, mulleres con ás, e pasan a ter cola de peixe.
Vai buscando e inventando fontes e lendas, o mago Bren e Larma, a muller que acabou dirixindo as sereas… A ligazón dunha e doutra lenda unida á imaxinación de Lugrís que vai cobrando forma ao longo do discurso, porque tamén é escritor, de contos, de poemas… E foi fillo do seu tempo en canto á escrita, contemporáneo de Cunqueiro, de Nabokov, de Borges…
Aí está todo un xogo coa realidade e coa ficción, porque as cousas que inventamos son tan importantes como as vemos á hora de construír a realidade… Urbano Lugrís tiña iso integrado e esa foi unha das asas ás que me agarrei para armar a historia. Son, digamos, dúas historias inventadas, a que idea Lugrís e a que creo eu con Lugrís, unha dentro da outra.”
Arquivos da etiqueta: Rodrigo Osorio
Melide: encontro galego portugués No Caminho das Artes: poesía, arte e música
A Coruña: recital poético-musical na reapertura da Libraría Sisargas
O venres 19 de decembro, ás 20:30 horas, terá lugar un recital con poesía e música na reapertura da Libraría Sisargas no seu novo emprazamento (Rúa San Roque, 7), na Coruña. Participan, na parte poética, Dores Tembrás, Francisco X. Fernández Naval, Xosé Iglesias, Jose Montero, Rodrigo Osorio, Teresa Ramiro, Rosalía Fernández Rial e Ramiro Torres, e na parte musical César Morán. Previamente ao recital haberá unha actuación de Xurxo Souto.
Arteixo: Cuadrante de sombras, recital con poesía e música
O sábado 22 de novembro, ás 21:00 horas, na Taberna-Café-Museo A Baiuca (Travesía de Arteixo, 213, frente ao concello) de Arteixo, terá lugar Cuadrante de sombras, un acto presentado por Paco Souto onde acompañarán poeticamente o Transfusión oceánica de Xosé Iglesias (publicado pola A. C. Caldeirón), Xosé Abeledo, Iolanda Aldrei, María José Fernández López, Alfredo Ferreiro, Modesto Fraga, Xurxo Gago, Mercedes Leobalde, Tati Mancebo, Miguel Mato, Juan Alberto Moure, Serafín Mourelle, Rodrigo Osorio, Marité Prieto, Mercedes Queixas, Teresa Ramiro, Viki Rivadulla, X. H. Rivadulla Corcón, Paco de Tano e Ramiro Torres. Tamén participará musicalmente Bieito Romero e amigos músicos.
Melide: I Roteiro de Música e Poesía
Sairá da Praza do Convento ás 11:30 horas e, previa visita ao Museo, levarán música e versos á Praza das Coles, Castelo, A Moa, San Pedro, Biblioteca municipal Xosé Vázquez Pintor, Parque Rosalía de Castro e cruceiro e capela de San Roque.
Algúns dos participantes serán: Xosé Vázquez Pintor, Antom Laia, Xulio Álvarez, Xosé Iglesias, Yeiko, Chago Prado, François Davo, María José Fernández López, Ánxela López, Rodrigo Osorio, Paco Veiga, Soqui Cea, Xosé García Rodríguez, Teresa Ramiro e Diego QS, entre outros. Haberá música a cargo de Xurxo Souto, Carlos Da Aira, Pepiño Blanco, etc.