Carral: entrega do Premio de Poesía Concello de Carral a Roi Vidal e presentación do Libro das mentiras, de Emma Pedreira

O venres 25 de maio, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Carral (Rúa do Paleo, 17), entrégase o Premio do XV Certame de Poesía Concello de Carral a Roi Vidal Ponte, tendo lugar tamén a presentación do Libro das mentiras, de Emma Pedreira, gañador da edición do 2011. No acto, xunto aos autores, participa José Luis Fernández Mouriño e Miguel Anxo Fernán-Vello.

Roi Vidal Ponte gaña o XV Certame de Poesía Concello de Carral

Roi Vidal Ponte (Santiago de Compostela, 1982), coa súa obra Teatro resultou gañador do Concurso de Poesía Concello de Carral do presente ano. O xurado resalta da obra gañadora a súa linguaxe coidada e provocativa, con moita propensión ao minimalismo, xogando cos silencios e creando rasgaduras sen chegar ao melodrámatico. O libro mantén en todo momento atrapado ao lector, convertíndoo nun espectador activo, nun vouyeur. Formaron parte do xurado deste edición do certame Emma Pedreira, Antía Otero e Luciano Rodríguez Gómez, baixo a presidencia da Concelleira de Cultura, Isabel López Pérez, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. Ao certame presentáronse un total de 40 libros. O premio de Carral está dotado con 2000 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior. O acto de entrega do premio terá lugar o 25 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2012. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, Libro das mentiras de Emma Pedreira. Para a publicación do libro o Concello de Carral contou coa colaboración económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Santiago: presentación de Canibalismo, de Marcos Abalde

O venres 21 de xaneiro, a partir das 19:30 h., na Biblioteca Pública Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII, s/n.) de Compostela, preséntase o libro Canibalismo, de Marcos Abalde, publicado por Estaleiro Editora. No acto, acompañando ao autor, participan Iria Sobrino e Roi Vidal. O texto obtivera o XI Premio de Teatro Josep Robrenyo convocado pola Associació d’Investigació i Experimentació Teatral (AIET), entre obras orixinais escritas en calquera das linguas oficiais do Estado.

Coñécense os Premios Xuventude Crea 2010 de poesía, relato e teatro

Xa se coñecen os premiados das modalidades de poesía e narrativa dos Premios Xuventude Crea 2010, convocados pola Xunta de Galicia.

No apartado de Poesía, os premiados son:
1º Premio: Gonzalo Hermo González, pola obra Crac.
2º Premio: Jacobo Llamas Martínez, pola obra Terapia gestáltica.
3º Premio compartido: Roi Vidal Ponte, pola obra Pop.
3º Premio compartido: Celia Parra Díaz, pola obra Código morse.
O xurado está formado por: Presidenta: Yolanda Otero Balsa; Vogais: Luis Blanco Vila, Noemí Martínez Ferreiro; David Pérez González; e Secretaria: María Jesús López Cernadas.

No apartado de Relato, os premiados son:
1º Premio: Enrique Bernárdez Reigosa, pola obra Xetréceme.
2º Premio: Lorena Rivero Rodríguez, pola obra Barlovento.
3º Premio compartido: Tito Pérez Pérez, pola obra O derradeiro lobo cerval.
3º Premio compartido: Elena Rojo Joga, pola obra O día que voltou a moda dos dinosaurios.
O xurado está formado por: Presidenta: Yolanda Otero Balsa; Vogais: Luis Blanco Vila; Noemí Martínez Ferreiro; Anxos García Sumai; e Secretaria: Consuelo Méndez Mouzo.

No apartado de Teatro, os premiados son:
1º Premio: Mequetrefes Teatro, pola obra In-comunicando.
2º Premio: Non si? Teatro, pola obra Xogando Shakespeare.
3º Premio compartido: Asociación Cultural Bicodobrelo, pola obra Matilde.
3º Premio compartido: Teatro da Falúa, pola obra The Falua’s Rocky Horror Show.

A Coruña: remata o ciclo Escrita(s) na Galería Sargadelos

Remata o ciclo Escrita(s) coa mesa De corpos e palabras. Tendencias escénicas para o século XXI. 20 anos de teatro contemporáneo na Galiza (1989-2009) na que intervirá o escritor Roi Vidal Ponte. As características que definen a estética contemporánea no teatro occidental e como esta estética ten ou non repercusión, aceptación e seguimento nas compañías e públicos do sistema teatral galego serán algunhas das cuestións que se aborden. Será na Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real, 56) mañá xoves 18 de xuño a partir das 20:00.