No II Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro

Artigo publicado por Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia:
“O pasado sábado día 26 de outubro tivo lugar en Mondoñedo a xuntanza do xurado que había de proclamar os gañadores do II Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, convocado polo Concello de Mondoñedo e patrocinado pola Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo. Con tal motivo, reunímonos nas dependencias da Biblioteca da cidade a profesora e investigadora Áurea Ramil, o estudoso e docente Xosé María Felpeto Enríquez e mais o que subscribe esta crónica baixo a coordinación do técnico de Cultura do concello Gil Ares.
Logo dunha moi animada sesión que se estendeu por espazo de case dúas horas, o xurado conseguiu ir peneirando en sucesivas roldas os sesenta e catro traballos presentados ata ficar co tríade gañador.
Destarte, acordou por unanimidade outorgar o 1º Premio a dona Carmen Pereiras Pérez (Cartelle, 1959), quen se fixo co galardón polo conxunto poético titulado De esmagar descalza, que presentou baixo o lema A metralla dos reloxos. O 2º Premio foi parar a mans de don Paulino Peña Álvarez (Vilardevós, 1960), quen o conseguiu con Nas dársenas do estío, achegado co lema Os vagalumes perforan a noite. Finalmente, o 3º Premio recalou en don Jacobo Llamas Martínez (Lugo, 1980), que asinou o texto Elexías perdidas co lema Fame nas vértebras.
Cómpre salientar tanto a alta participación no concurso coma a calidade dun número importante dos traballos presentados, que obrigaron ao xurado a escolmar entre orixinais de moi diversos estilos e temáticas mais de indubidable valía. (…)
O vindeiro sábado día 9 de novembro, nun acto solemne no Salón Nobre do Concello de Mondoñedo, terá lugar a entrega de galardóns deste II Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, á que acudirán a felicitar aos distinguidos as autoridades municipais e da Deputación, amais de diversos representantes da vida cultural mindoniense e outra veciñanza.
Con motivo desta entrega, realizarase tamén unha ofrenda floral no Cemiterio Vello de Mondoñedo diante da tumba do escritor que dá nome ao certame, acto que coordinarán os membros do Grupo Literario Manuel Leiras Pulpeiro.”

Coñécense os Premios Xuventude Crea 2010 de poesía, relato e teatro

Xa se coñecen os premiados das modalidades de poesía e narrativa dos Premios Xuventude Crea 2010, convocados pola Xunta de Galicia.

No apartado de Poesía, os premiados son:
1º Premio: Gonzalo Hermo González, pola obra Crac.
2º Premio: Jacobo Llamas Martínez, pola obra Terapia gestáltica.
3º Premio compartido: Roi Vidal Ponte, pola obra Pop.
3º Premio compartido: Celia Parra Díaz, pola obra Código morse.
O xurado está formado por: Presidenta: Yolanda Otero Balsa; Vogais: Luis Blanco Vila, Noemí Martínez Ferreiro; David Pérez González; e Secretaria: María Jesús López Cernadas.

No apartado de Relato, os premiados son:
1º Premio: Enrique Bernárdez Reigosa, pola obra Xetréceme.
2º Premio: Lorena Rivero Rodríguez, pola obra Barlovento.
3º Premio compartido: Tito Pérez Pérez, pola obra O derradeiro lobo cerval.
3º Premio compartido: Elena Rojo Joga, pola obra O día que voltou a moda dos dinosaurios.
O xurado está formado por: Presidenta: Yolanda Otero Balsa; Vogais: Luis Blanco Vila; Noemí Martínez Ferreiro; Anxos García Sumai; e Secretaria: Consuelo Méndez Mouzo.

No apartado de Teatro, os premiados son:
1º Premio: Mequetrefes Teatro, pola obra In-comunicando.
2º Premio: Non si? Teatro, pola obra Xogando Shakespeare.
3º Premio compartido: Asociación Cultural Bicodobrelo, pola obra Matilde.
3º Premio compartido: Teatro da Falúa, pola obra The Falua’s Rocky Horror Show.