Comezou esta semana a en Bilboarte a rodaxe de Crac, dirixida por Lázaro Louzao, unha peza de experimentación video-poética baseada na obra poética co mesmo nome de Gonzalo Hermo. As relacións afectivas, o propio eu, a identidade, o lugar que ocupamos, a relación-confrontación entre corpo e espazo plásmanse nunha peza onde a danza, a performance e a poesía constrúen o diálogo.
Arquivos da etiqueta: Crac
Santiago: VII Encontro de Escritoras/es Novas/os: Da palabra á acción, o sábado 24 de novembro
O sábado 24 de novembro, no Auditorio da Cidade da Cultura, e con entrada de balde até completar aforo, celébrase o VII Encontro de Escritoras/es Novas/os, baixo o lema Da palabra á acción, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua galega, co patrocinio da Deputación Provincial da Coruña e a Fundación Cidade da Cultura.
Pódese acceder aquí ao blog do Encontro, e aquí á sección Palabra Audiovisual, na que están os vídeos achegados por diversos creadores/as.
Este ano, o formato consiste na organización de grupos de traballo sitos en diferentes cidades galegas -formados por escritoras e escritores novas/os e creadores doutras disciplinas como poden ser a danza, as artes plásticas ou a música-, grupos que na actualidade xa están inmersos nun proceso de creación desenvolvido ao longo dos últimos meses, e que rematará o día da celebración do Encontro, cando teñan a oportunidade de mostraren as súas propostas creativas e falárennos de como as desenvolveron.
Con esta iniciativa, o VII Encontro de Escritoras/es Novas/os tratará de ser unha pequena plataforma dende a que mostrar ao vivo os diferentes xeitos de creación dun espectáculo escénico interdisciplinar, partindo das orixes ata a presentación ante o público e tendo como punto de partida o texto e a palabra. Unha oportunidade de achegarnos aos procesos de creación colectiva, rachando a soidade á que normalmente estamos acostumados e debatendo sobre eles, non só dende unha visión teórica senón tamén práctica.
MAÑÁ
– 10:00 h. Chegada e presentación.
– 10:30 h. Mostra do traballo grupo 1: Bingo-me, se teño sorte.
Sinopse: Caixas de zapatos. Stop. O azar xógase en cada número. Stop. Neve, serra eléctrica ou cafeteira. Non se sabe. Stop.
Integran o grupo:
* María Rosendo é feminista, taberneira e poeta. De corpo Nómade, na actualidade vai migrando polos equinocios na cidade de Compostela. Sabe que na forza das mulleres está o camiño da emancipación.
* Roberto Casteleiro é educador social, músico, e dalle con contar algunha cousa nos seguintes proxectos musicais: Koroiev, Fagot y Popota, Korokati, Primrose e Federico Testa.
* Borja Fernández é actor e frontman no grupo de rock absurdo ES UN ÁRBOL. Colabora habitualmente con colectivos de artes escénicas coma Voadora, Chévere, Orquesta Metamovida, Pistacatro, Pt. Excéntricas, entre outros.
– 11:15 h. Mesa redonda sobre o proceso artístico e conversa co público. Interveñen: María Rosendo, Roberto Casteleiro e Borja Fernández.
– 12:00 h. Pausa/café.
– 12:30 h. Mostra do traballo grupo 2: Escola do Resentimento.
Sinopse: Poesía, música e danza fúndense nun devir espontáneo e natural sobre a construcción dun espazo imaxinario froito da investigación nos ámbitos da fala, o son e o movimento corporal a partir dos textos de poemario CRAC (Gonzalo Hermo, 2012). O resultado é unha combinación das especialidades de cada un dos integrantes do proxecto. Mais non todo é o que parece…
Integran o grupo:
* Gonzalo Hermo é licenciado en Filoloxía Galega pola USC e actualmente traballa no Instituto da Lingua Galega. Os seus textos viron a luz en Revista das Letras, Andar21 ou Dorna. En 2010 gaña o 1º premio na modalidade de poesía do certame Xuventude Crea co poemario Crac editado por Barbantesa. É membro das Redes Escarlata.
* Begoña Cuquejo é licenciada en psicoloxía e fórmase en danza contemporánea, butoh e creación escénica. Funda trasPediante e dirixe o Festival de danza e artes do corpo de rúa en Ourense, corpo(a)terra. Premio injuve por Habelas 2010, traballa noutras producións como trans-hito, nin1mm, Baleadas, planificar a caída. Foi directiva de Danesga no 2008 e 2009.
* Ariel Ninas é un artista sonoro que traballa entre a música tradicional e a vangarda experimental, principalmente coa zanfona onde toca na OMEGA, Ulobit ou Aia. Desenvolve a súa actividade profesional na producción e comunicación con aCentral Folque. No seu último proxecto en solitario desenvolve o concepto de Música para peto para instrumentos miúdos.
– 13:15 h. Mesa redonda sobre o proceso artístico e conversa co público. Interveñen: Gonzalo Hermo, Begoña Cuquejo e Ariel Ninas.
TARDE
– 16:30 h. Mostra do traballo grupo 3: Medo.
Sinopse: Medo non se trata dun espectáculo baseado no terror senón na experimentación artística sobre o concepto do medo e da fobia. Trátase dunha mostra en imaxe, música e palabra na que tres artistas de diferentes campos exploran o medo tanto dende o punto de vista íntimo como dende o plano máis social do concepto (as fobias).
Integran o grupo:
* Daniel Landesa é licenciado en filoloxía galega para desgracia da súa conta corrente e orgullo da parede onde seus país colgaron a orla. Creativo, enquisador, comercial de desparafusadores, bolseiro, desempregado, xefe de comunicación, amo de casa, docente, chaqueta vermella en elcorteingles, adestrador deportivo, conferenciante, borracho gracioso ou pai de familia son parte do seu currículo profesional ademáis de narrador, escritor con vocación poética e membro de Poetas da Hostia.
* Andrea Costas é mestra e na súa labor creativa emprega linguaxes como instalación, vídeo ou performance, e fotografía. As súas pezas foron mostradas en varias exposicións e a súa obra premiada en certames como Novos Valores (2001), Injuve (2002), Artes Plásticas Ourense (2007). Aparte dos libros de fotografía Formas de Ser (CEF, 2002) e Persoal e transferible (CEF, 2006), é co-autora xunto a Yolanda Castaño do libro Cociñando ao pé da letra (Galaxia, 2011).
* mdmme é músico dende os quince anos e na actualidade compaxina a súa actividade performática con varias liñas de investigación relacionadas co son, espazo público, arte e medio rural e o labor docente dende o ano 2000 no proxecto pedagóxico Orquesta 3xploratoria. É coordinador do espazo Alg-a Lab e director do programa de investigación sobre arte e medio rural Verbenas Periféricas.
– 17:15 h. Mesa redonda sobre o proceso artístico e conversa co público. Interveñen: Daniel Landesa, Andrea Costas e mdmme.
– 18:30 h. Palabra e movemento: o espello da imaxe.- Mostra de videopoemas, pezas de videoarte e videodanza.
Vigo: presentación de Crac, de Gonzalo Hermo
O venres 27 de xaneiro, ás 20:30 horas, na Asociación Cultural Bou Eva (Tercio de Fóra, 11) de Vigo, preséntase Crac, de Gonzalo Hermo, publicado por Barbantesa. No acto participarán Chus Pato, Oriana Méndez, Fran Cortegoso, Alicia Fernández (que recitará poemas do libro) e o propio autor.
Santiago: presentación de Crac, de Gonzalo Hermo
O mércores 18 de xaneiro, ás 19:30 horas, na Biblioteca Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII) de Santiago de Compostela, preséntase Crac, de Gonzalo Hermo, publicado por Barbantesa. No acto participarán Chus Pato, Oriana Méndez, Fran Cortegoso, Alicia Fernández (que recitará poemas do libro) e o propio autor.
Coñécense os Premios Xuventude Crea 2010 de poesía, relato e teatro
Xa se coñecen os premiados das modalidades de poesía e narrativa dos Premios Xuventude Crea 2010, convocados pola Xunta de Galicia.
No apartado de Poesía, os premiados son:
1º Premio: Gonzalo Hermo González, pola obra Crac.
2º Premio: Jacobo Llamas Martínez, pola obra Terapia gestáltica.
3º Premio compartido: Roi Vidal Ponte, pola obra Pop.
3º Premio compartido: Celia Parra Díaz, pola obra Código morse.
O xurado está formado por: Presidenta: Yolanda Otero Balsa; Vogais: Luis Blanco Vila, Noemí Martínez Ferreiro; David Pérez González; e Secretaria: María Jesús López Cernadas.
No apartado de Relato, os premiados son:
1º Premio: Enrique Bernárdez Reigosa, pola obra Xetréceme.
2º Premio: Lorena Rivero Rodríguez, pola obra Barlovento.
3º Premio compartido: Tito Pérez Pérez, pola obra O derradeiro lobo cerval.
3º Premio compartido: Elena Rojo Joga, pola obra O día que voltou a moda dos dinosaurios.
O xurado está formado por: Presidenta: Yolanda Otero Balsa; Vogais: Luis Blanco Vila; Noemí Martínez Ferreiro; Anxos García Sumai; e Secretaria: Consuelo Méndez Mouzo.
No apartado de Teatro, os premiados son:
1º Premio: Mequetrefes Teatro, pola obra In-comunicando.
2º Premio: Non si? Teatro, pola obra Xogando Shakespeare.
3º Premio compartido: Asociación Cultural Bicodobrelo, pola obra Matilde.
3º Premio compartido: Teatro da Falúa, pola obra The Falua’s Rocky Horror Show.