Rosalía de Castro. Autógrafos poéticos amplía a colección Clásicos da Academia

Desde a Real Academia Galega:
“A Fundación Barrié e a Real Academia Galega presentaron en rolda de prensa Rosalía de Castro. Autógrafos poéticos. A obra, que xunta todos os manuscritos poéticos coñecidos a día de hoxe de Rosalía de Castro, foi dada a coñecer nun acto no que interviñeron o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, o presidente da Fundación Barrié, José Mª Arias Mosquera, e o secretario da RAG e responsable da edición, Henrique Monteagudo.
O título ve a luz dentro da colección Clásicos da Academia, unha iniciativa da RAG e a Fundación Barrié dentro da cal xa se publicou anteriormente, en tres volumes, a Obra Completa de Manuel Antonio. Clásicos da Academia pretende poñer nas mans de investigadores e lectores en xeral as obras máis salientables da nosa literatura mediante formatos nos que se prima a lexibilidade e a calidade de edición ademais do rigor filolóxico.
O presidente da Fundación Barrié, José María Arias, declarou que o novo volume da colección é un “deses traballos que unha vez feitos a todo o mundo lle parecen inevitables, necesarios”. “Esta colectánea achega versos e fragmentos que permiten completar a obra poética da autora e entender mellor algúns dos poemas coñecidos”, salientou o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero. Na mesma liña, o editor do volume, Henrique Monteagudo, advertiu que os materiais recompilados “permiten botar unha ollada nova sobre os procesos de creación, edición e difusión da obra poética de Rosalía, procesos mal coñecidos e que presentan moi significativos interrogantes, como pode ser o propio papel de Manuel Murguía”.
Rosalía de Castro. Autógrafos poéticos acomete por primeira vez un estudo sistemático de todas as mostras escritas que se conservan asinadas ou atribuídas a Rosalía, fixando os trazos das distintas caligrafías utilizadas pola autora. Conxúgase así o interese social polas pegadas gráficas da autora máis representativa de Galicia co indubidable interese filolóxico.
O volume ofrece a colleita dos autógrafos poéticos da autora que sobreviviron á queima dos orixinais da súa obra literaria que ela mesma ordenou pouco antes do seu pasamento, á que se sumou logo a destrución das cartas que lle enviara ao seu home, Manuel Murguía. Son en total uns noventa textos localizados en distintos arquivos públicos (o da propia RAG, a Fundación Rosalía de Castro, a Fundación Penzol, o Arquivo Municipal da Coruña, a Deputación da Coruña e o Museo de Belas Artes da Coruña) e fondos particulares. (…)”