O
venres
26 de agosto, ás 22:30 horas, na Praza do Cabo da Vila, en Muxía, terá lugar unha performance-presentación de Catálago, obra que conta coa participación literaria de Rosalía Fernández Rial e Paco Souto e as artes plásticas de Chiña e Mon Lendoiro.
Arquivos da etiqueta: Rosalía Fernández Rial
Hibridar o imaxinario II, por Rosalía Fernández Rial
Desde
a web de Rosalía Fernández Rial:
““Para hibridar o imaxinario cómpre xogar á corda coas fronteiras. Sempre coa intensidade precisa, a golpe de ilusión. Xusto aí, no non-lugar aprenderemos a fusionar a lingua infinda da arte literaria con todas as demais, sen restrición ningunha. Vés brincar?”
Difundimos a mensaxe cal Anunciación dun circo literario, artístico. Entre a distorsión musical dos megáfonos ambulantes e os brincos da poesía acróbata, lanzamos un convite para perder o medo a danzar. C’mon, C’mon! Voilà!
Esta semana conquistamos a metade xusta dese proceso colectivo cun obxectivo común: HIBRIDAR O IMAXINARIO.
Tras varias sesións de esforzo compartido, catarse dramática e intensidade laboral, estamos en condicións de afirmar que atopamos unha nova vía de traballo. Unha metodoloxía interdisciplinar, cooperativa, cognitiva e integral. Un exercicio de experimentación que cuestiona os lindes entre os eidos do literario, o musical, o plástico e o escénico, trasladándoos a unha outra dimensión creativa e vital.
Cómpre ser prudentes e agardar ao desenvolvemento completo do Obradoiro antes de extraer conclusións definitivas e difundilas. Mais por agora atrevémonos a adiantar o máis sincero dos agradecementos ás entidades e participantes que están a facer isto posible, pois a singradura percorrida non podía ser máis produtiva, esperanzadora e feliz.
Seguiremos informando.”
Escola de Escritoræs: Obradoiro de creación literaria a cargo de Rosalía Fernández Rial, Hibridar o imaxinario (do 2 de agosto ao 6 de setembro)
A
Escola de Escritores-as da AELG presenta un novo Obradoiro de creación literaria co título “Hibridar o imaxinario”, nesta ocasión impartido pola escritora Rosalía Fernández Rial e con Paco Souto como autor convidado.
Este obradoiro é posíbel grazas ao patrocinio da Deputación Provincial da Coruña, a Consellaría de Cultura e a colaboración do Concello de Carballo e a Biblioteca Pública Municipal Rego da Balsa.
Comezará o 2 de agosto e desenvolverase ao longo de 10 sesións de dúas horas cada unha os días 2, 4, 9, 11, 18, 23, 25 e 30 de agosto, e o 1 e 6 de setembro.
Ata o 26 de xullo está aberto o proceso de inscrición para as 25 prazas, gratuítas, para maiores de 16 anos, que se adxudicarán por orde de solicitude (biblioteca@carballo.gal / 981 758 580).
A Escola de Escritoras e Escritores da AELG centra os seus esforzos en impartir, por concellos de todo o país, obradoiros con formatos e destinatarios diversos, nos que se abordan diferentes xéneros literarios e contidos. Trátase dunha iniciativa que, cos autores/as como guías, ten o obxectivo de transmitir a experiencia apaixonante do acto creador, tentando concienciar á sociedade do imprescindíbel que é a estimulación creativa na escrita e o seu papel complementario na formación do individuo. O proxecto aposta por ofrecer á mocidade un sistema lingüístico, literario e cultural propio no que asentar as súas raíces.
Carballo: actividades do venres 22 na Praza dos Libros
Continúa
esta nova edición da Praza dos Libros, organizada polo Concello de Carballo, que terá lugar no Xardín Municipal do 21 ao 24 de xullo, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h. Dentro dos actos previstos para o venres 22, destacamos os seguintes:
– 18:30 h. Concerto infantil de Oviravai a partir do libro-disco As andanzas de Paio, publicado por Galaxia.
– 20:00 h. Presentación do poemario Adagio por outono, de Modesto Fraga, publicado por Alvarellos, que obtivo o XLI Certame Literario Concello de Vilalba. No acto o autor estará acompañado por Henrique Alvarellos.
– 21:00 h. En pé preséntase o poemario Contra-acción, de Rosalía Fernández Rial, publicado en Neopàtria, coa música de Serxio Moreira, compoñendo unha experiencia interdisciplinar, urbana, bailable.
Rosalía Fernández Rial: “Na cabeceira da miña cama están Manuel Antonio, Rosalía de Castro e Lois Pereiro”
Entrevista
a Rosalía Fernández Rial en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Escrebe poesía máis mestúraa con musica e con pezas audiovisuais. Que lle engaden o vídeo e a música á súa escrita?
– Rosalía Fernández Rial (RFR): O que lle engaden é unha perspectiva interdisciplinar e a concepción de que a arte é unha e múltiple. O que importa máis é esa idea poética que logo ten diversos medios e linguaxes á súa disposición para se expresar. Un concepto que permite adaptar formatos distintos. Nese senso creo moito no diálogo entre as linguaxes que poden enriquecer a mensaxe e facer que chegue de maneira máis intensa ao lector ou espectador.
– SG: O feito de que un poema estea pensado para ser mesturado coa música fai que teña unhas características específicas ou é simplemente un poema ao que logo se lle adapta unha música que se lle adecue?
– RFR: A concepción musical para min ten moita importancia na composición do poema, é dicir, máis alá de que logo leve música para min o poema ten un compoñente musical imprescindíbel. Busco moito a musicalidade propia da palabara. A poesía é palabra, mais esa palabra é música, pois o poema ten ritmo e rima. Eu penso que desde esa concepción musical da poesía existe unha maior predisposición do poema para ser logo musicado. (…)
– SG: A musicalidade sempre estivo presente na lírica…
– RFR: Precisamente estaba a pensar na lírica medieval galega. Cando empezo co meu grupo a facer un espectáculo interdisciplinar musicando os poemas e facendo espectáculos baseados na arte contemporánea, nunca podemos esquecer que non somos outra cousa que xograres contemporáneos. A lírica medieval galega, para min, foi vangarda tamén no seu día.
– SG: Falando das referencias culturais, cal sería a autora ou autor que máis lle inflúe?
– RFR: Hai autores imprescindíbeis da literatura galega, cos que durmo ao meu carón. Na cabeceira da miña cama están Manuel Antonio, Rosalía de Castro e Lois Pereiro, quen nesta xeración de poetas novos e novas tivo unha repercusión fundamental. (…)”
Rosalía Fernández Rial presenta Contra-acción
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“Poemas sobre a acción, as artes de acción e a performance. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Compostela: presentación de Contra-acción, de Rosalía Fernández Rial
Compostela: programa da IX Xornada dos Clubs de Lectura, 2016
A IX Xornada dos Clubs de Lectura terá lugar na Sala Obradoiro do Palacio de Congresos de Santiago de Compostela.



