Malpica: I Feira do Libro de Poesía “Paco Souto”

Emoción, poesía e evocación do compromiso na homenaxe nacional a Paco Souto

Desde Sermos Galiza:
“(…) Sete meses despois, centos de persoas encheron o Teatro Colón da Coruña na primeira homenaxe nacional a Paco Souto nun espectáculo colectivo organizado pola Deputación da Coruña e coordinado pola poeta Rosalía Fernández Rial e que foi apresentado pola vicepresidenta da institución, Goretti Sanmartín, e pola viúva do poeta Emma Abella.
O tributo -convocado sob a lenda de “Atesourando a palabra”- reuniu unha nutrida representación das artes polas que Paco Souto profesaba un maior cariño: as plásticas, a poesía, a música… Rosalía Fernández Rial contou para este evento con poetas como Miguel Mato Fondo, Marta Dacosta, Xosé Iglesias, Lino Braxe, María Xosé Fernández ou Paco de Tano; artistas plásticas como Viki Rivadulla, Peter Kramer, Peter Schneider, Mon Lendoiro, Chiña ou Abraham Vila, e músicos como Serxio Moreira, Aida Saco e Fran Barcia, ou figuras do eido audiovisual como o cineasta Xosé Bocixa.
Elas e eles tomaron a palabra para, desde o afecto e a admiración, evocaren a figura dun escritor que, alén de producir a súa propia obra, foi un importante promotor da cultura na Costa da Morte, o seu territorio, nas diferentes artes. Gabaron non só o Paco Souto poeta, mais tamén o Paco Souto activista político comprometido desde o nacionalismo coa causa das clases populares e dos direitos nacionais de Galiza.
“Foi un grande axitador cultural, coa súa continua vontade para promover actos e iniciativas culturais. Paco Souto foi a personificación do verbo dar”, sobranceou Rosalía Fernández Rial, quen louvou a súa actitude “voluntariosa e colaborativa”. (…)”

Malpica: actos arredor do XII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, en homenaxe a Paco Souto

Entrevista a Rosalía Fernández Rial e presentación de Sacar a bailar en Carballo, o sábado 19

DesdeRosalía Fernández Rial 2013 La Voz de Galicia:
Rosalía Fernández Rial (Carballo, 1988) non para estes días. O xoves 17 presentou en Compostela o seu novo poemario, Sacar a bailar, e mañá [sábado 19 de novembro] fará outro tanto na súa vila natal (Pazo da Cultura de Carballo, 19:30 h.). Ademais, xa está na imprenta a súa seguinte obra, Aula sen paredes, e a próxima semana participará en dous simposios da Real Academia Galega e da Facultade de Ciencias da Educación de Santiago.
– La Voz de Galicia (LVG): Un título moi suxerente Sacar a bailar.
– Rosalía Fernández Rial (RFR): Si, desde logo. Sacar a bailar é unha compilación de poesía e o título vén precisamente porque me din conta de que era unha especie de acto subxacente a todo o percorrido. Hai unha certa festividade poética de xeito transversal en toda a obra.
– LVG: ¿Cal é o porqué deste libro?
– RFR: Trátase de, por unha banda volver a vista atrás, aos inicios, que están moi vinculados a Carballo e a Lumieira, pero dalgún xeito tamén é unha continuación cara adiante. É como repasar a traxectoria para coller impulso cara o futuro. Remata cuns poemas inéditos que apuntan novas liñas. E o acto de sacar bailar tamén implica o tránsito da poesía escrita cara a acción, cara a poesía de carácter máis escénico.
– LVG: A escena cada vez está máis presente na súa actividade.
– RFR: Esa interrelación do poético na escena, da poesía dentro do teatro, do teatro poético, é unha evolución que veu acontecendo desde o principio, pero que agora se acentuou notablemente. Esas dúas facetas fóronse fusionando ata dar lugar a ese Sacar a bailar, por iso tamén este repaso artístico chega no momento preciso; necesitaba esa revisión en espiral, era o momento de facelo.
– LVG: ¿Busca que os lectores sintan algo concreto ou sérvelle simplemente con que sintan?
– RFR: Estou de acordo coa segunda idea. Penso que os libros, as obras, as pezas artísticas en xeral, unha vez que transcenden do persoal ao público pasan a ser máis dos receptores que do emisor. E ás veces ten unha visión moito máis obxectiva, con máis perspectiva, calquera persoa que sinta algo con ela que o autor. A min o que me gustaría sería que o lector se sentise como se o sacaran a bailar, que o poeta ao danzar coas palabras convidase ao lector ou lectora a bailar cos versos e a sentir. Simplemente sentir xa é absolutamente marabilloso.
– LVG: Onte presentou o libro en Santiago e mañá xa o traerá a Carballo.
– RFR: Claro que si, Hai que volver sempre á casa, ás orixes, como dicía Manuel María. Mañá estaremos en Carballo e ademais teremos o toque musical de ELO, ese conxunto musical que teño con Serxio Moreira. Todas as persoas que se acheguen serán benvidas. (…)”