Desde Sermos Galiza:
“(…) No A Fondo desta semana -na quinta feira nos quiosques do país, na cuarta feira xa na nosa loxa- adentrarémonos nese perfil poliédrico que encarnaba Francisco Carballo: teólogo, historiador, nacionalista, político, sindicalista, promotor cultural e dono de tantas outras facetas fundidas nun mesmo crisol, como a de ter sido durante anos o presidente do consello de administración de A Nosa Terra, ben como compoñente do grupo promotor de Sermos Galiza. O caderniño de Sermos convértese así en homenaxe á persoa, ao intelectual e ao activista, falecido en novembro do pasado ano.
O A Fondo reúne a colaboración de persoas próximas a Carballo nas súas diferentes vertentes. O investigador Santiago Prol, organizador da homenaxe a Francisco Carballo en Maceda o pasado decembro, ganduxa as verbas deste intelectual na fronteira do eclesial e sempre na cerna do debate político e social, para tecer con elas unha caste de autorretrato. O texto fai así unha rápida panorámica vital, dende o seu nacemento en Maceda, os anos nun frío seminario da posguerra, o seu contacto co independentismo en Euskadi como superior da orde de San Vicente de Paúl en Barakaldo e a súa etapa como reitor do teologado en Salamanca, até a súa volta a Galiza, as súas investigacións como historiador, os intensos anos de activismo cultural e sindical en Vigo ou o seu paso pola primeira liña da vida política, como candidato da coligazón BN-PG por Ourense nas eleccións de xuño do 77. (…)
O historiador Anselmo López Carreira destaca o papel de Carballo na construción nacional a partir da súa investigación ao redor do pasado de Galiza. Defíneo como un historiador influenciado pola escola marxista e a dos Annales, que prioriza, fronte á historia d@s poderos@s, a investigación crítica ao redor das dimensións políticas, económicas, sociais e culturais. E lembra como mesmo chegou a ser sancionado por tal papel, procesado por cualificar de asasinato a morte de Moncho Reboiras. (…)”
Arquivos da etiqueta: Santiago Prol
Maceda: homenaxe nacional a Francisco Carballo, o sábado 27 de decembro
Desde Sermos Galiza:
“(…) A homenaxe do 27 de decembro terá lugar no Salón Multiusos de Maceda ás 17:00 horas, e está organizada polo Concello de Maceda. Ademais do alcalde Xabier Oviedo, intervirán o portavoz nacional do BNG -organización na que militou desde a súa fundación- Xavier Vence, o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez Iglesias, o presbítero Manuel Peleteiro, o ex-alcalde de Maceda Bieito Seara, a súa sobriña Milagros Calvo máis o editor e xornalista Xan Carballa e o investigador Santiago Prol, autores do libro de conversas con Francisco Carballo publicado por A Nosa Terra, xornal e editorial ao que estivo intensamente vinculado. Na homenaxe ademais de diversas actuacións musicais proxectarase o vídeo “Francisco Carballo, sempre no corazón”, no que se recollen imaxes e intervencións. Á homenaxe pódense adherir entidades, organizacións e persoas que deberán comunicalo ao Concello de Maceda para seren reseñadas no acto. (…)”
Xan Carballa: “Francisco Carballo é unha das figuras máis relevantes do nacionalismo”
Entrevista de Carme Vidal a Xan Carballa en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Participa na homenaxe do sábado en Maceda. Convoca a figura ampla e xenerosa que era Carballo?
– Xan Carballa (XC):
Ten esa vontade. En vida fixéronselle varias homenaxes e esta quere ser un acto de recoñecemento a todo o que el foi. As intervencións buscarán tocar todos os perfís. Xavier Vence falará do seu compromiso político, a familia estará representada pola sobriña, Cesáreo Sánchez visitará a súa faceta como escritor e home de letras e eu recollerei o seu papel no asociacionismo cultural, no xornalismo e de nucleación do grupo de historiadores que el promoveu. O concello de Maceda é quen organiza e, ademais do actual alcalde, Bieito Seara afondará na relación do concello con Carballo, de cando se lle fixeron distintos recoñecementos como veciño que era, entre eles, darlle nome á biblioteca. Santiago Prol, que se encargou da organización, conducirá o acto e lerá as distintas adhesións que se están a recibir.
– SG: Como valoraría a dimensión da figura de Francisco Carballo?
– XC: Sen dúbida é unha das figuras máis relevantes do nacionalismo e do cristianismo progresista. Ten tamén un valor fundamental como investigador da historia da Igrexa e a Idade Moderna ao igual que como promotor do intento de aglutinar a vontade de difusión da historia de Galiza. Nunha entrevista de 2007 falábame de destecer relato falso do poder e ese era o obxectivo das súas investigacións. Era un historiador contracorrente, autor dunha investigación rigorosa mais tamén ben contada. Humanamente, era un home dunha sociabilidade enorme, un dos modelos que se podía utilizar porque era quen de poñerse en todos os rexistros. Sendo un intelectual mostrábase como un cidadán comprometido.
– SG: Nos obituarios escritos arredor del, a palabra “xeneroso” foi a máis repetida.
– FC: Nas moitas horas de entrevistas que lle gravamos, estes días topei ao azar cun texto no que dicía que lle emocionaba o recoñecemento que atopaba nos que con el compartira a vida mais que non lle importaba a proxección pública. Non busca cartos nin fama mais si ese recoñecemento dos seus. Dicía que non botara a semente nas pedras senón no rego e que, felizmente, medrara. (…)”
Maceda: presentación dun libro de Santiago Prol
O libro Nobres vencellados ao Castelo de Maceda de Santiago Prol preséntase mañá ás 8 da tarde na Torre da Homenaxe do Castelo de Maceda. Podedes ler aquí un artigo do xornal Galicia Hoxe sobre o devandito libro.
Preséntase en Maceda o libro de Santiago Prol Benigno Álvarez, un comunista na Galiza dos anos 30
«O vindeiro venres, 13 de xuño de 2008 terá lugar a presentación do libro de Santiago Prol Benigno Álvarez, un comunista na Galiza dos anos 30, presentado conxuntamente polo concello de Maceda e Edicións A Nosa Terra.No acto intervirán Xabier Oviedo (Alcalde de Maceda), Afonso Eiré (Conselleiro Delegado de Promocións Culturais Galegas), Bieito Seara (Director Xeral de Acción Social da Vicepresidencia da Xunta), Francisco Carballo (historiador) e Santiago Prol (autor do libro).
A cita será ás 20:00 h. na Torre da Homenaxe do Castelo de Maceda. Tamén se inaugurará unha exposición baixo o título “Benigno Álvarez: A mirada de transparencias cordiais” que estará aberta o público dende ó 13 ao 20 de xuño de 2008 no Castelo de Maceda.»