Francisco Carballo e os paratextos na web da AELG

Artigo de Santiago Prol na páxina web do autor:
“O 29 de novembro cúmprense 8 anos do pasamento de Francisco Carballo, un dos grandes fillos sobranceiros de Maceda. Deixounos [con 89 anos] lonxe da terra, no seu exilio último en Santa Marta de Tormes [Salamanca]. Agora ben, descansa na campa de Asadur [Maceda], pois esa era a súa vontade [coa axuda necesaria da súa sobriña Milagros Calvo Carballo, que fixo valer a súa arela derradeira diante das autoridades dos PP Paúis en Salamanca].
Reparamos hoxe nos paratextos que tiveron a ben inserir na web da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Alí atopamos máis de cen documentos que axudan a mergullarnos aínda máis na súa traxectoria [artigos, capas, cartelaría, críticas e reseñas, entrevistas, extractos da obra, fotobiografía, homenaxes, obra divulgativa, outras novas do autor na prensa, presentación de libros propios, relatorios…].
Exhumamos outra volta un deses paretextos da nosa autoría. Xestouse co gallo da homenaxe que lle fixemos en Maceda, o 4 de agosto de 2000, cando tiña 75 anos de idade. Apareceu imprentado no semanario A Nosa Terra o día anterior. Pasaron 22 anos. Resiste ben o paso do tempo, polo que aínda temos moito que facer a prol da súa dignificación. ¡Que lle sexa leve a terra! ¡Beizón!:

“A Galicia oficial ningunea a Francisco Carballo. Non lle concede medallas a quen escribe Castelao contra a manipulaciónA Universidade oficial apenas recoñece a Francisco Carballo. Non nomea doutor honoris causa a quen impulsa unha historiografía autenticamente Nosa e promove toda unha escola de historiadores. A Igrexa oficial omite a Francisco Carballo. Ignora con teimosía un dos seus máis prestixiosos especialistas. A Literatura oficial non considera canónico a Francisco Carballo. Non inclúe nas súas escolmas ningún dos seus ensaios. O Xornalismo oficial non lle concede premios a Francisco Carballo. Sabe que non se vende aos poderes de turno. Amósase Francisco Carballo incómodo para os folclorizantes. Asina manifestos e adhesións con outros intelectuais. Publica ensaios comprometidos co Noso País. Reescribe a Historia oficial que nos contaron. Insire certeiros artigos no xornal A Nosa Terra. Non claudica. Faino cunha dignidade exemplar. E sempre, sempre dende a mesma trincheira: a dos bos e xenerosos”.

Maceda: homenaxe nacional a Francisco Carballo, o sábado 27 de decembro

DesdeFrancisco Carballo Sermos Galiza:
“(…) A homenaxe do 27 de decembro terá lugar no Salón Multiusos de Maceda ás 17:00 horas, e está organizada polo Concello de Maceda. Ademais do alcalde Xabier Oviedo, intervirán o portavoz nacional do BNG -organización na que militou desde a súa fundación- Xavier Vence, o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez Iglesias, o presbítero Manuel Peleteiro, o ex-alcalde de Maceda Bieito Seara, a súa sobriña Milagros Calvo máis o editor e xornalista Xan Carballa e o investigador Santiago Prol, autores do libro de conversas con Francisco Carballo publicado por A Nosa Terra, xornal e editorial ao que estivo intensamente vinculado. Na homenaxe ademais de diversas actuacións musicais proxectarase o vídeo “Francisco Carballo, sempre no corazón”, no que se recollen imaxes e intervencións. Á homenaxe pódense adherir entidades, organizacións e persoas que deberán comunicalo ao Concello de Maceda para seren reseñadas no acto. (…)”