Milagros Torrado Cespón e Laura Pérez Delgado gañan o IV Premio de Álbum Ilustrado ‘Alberte Quiñoi’ por “Paio e o Gatipedro”

Desde Galaxia:
“Na Estrada, ás 11 h do 27 de marzo, na Sala de Xuntas da Casa do Concello da Estrada, reúnese o xurado para escoller a obra gañadora desta VI edición do Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi, coas persoas que deseguido se relacionan:
Paula Carballeira Cabana, dramaturga e Premio Nacional de Literatura Dramática; Mariano Casas Gil, docente e artista plástico; Sara Valcárcel Maceira, responsable de Comunicación e coordinadora de Novos Proxectos de Editorial Galaxia; Armando Requeixo Cuba, crítico literario; e Rosa María Herraiz Cabanas, exercendo como secretaria.
Despois de valorar os orixinais presentados e de levar a cabo distintas seleccións e contraste de opinións, previas á xuntanza do día de hoxe, o xurado acordou, por unanimidade conceder o VI Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi á obra titulada Paio e o Gatipedro, que se presentou baixo o pseudónimo “Roquets”. Unha vez aberta a plica, esta resultou ser da autoría de Milagros Torrado Cespón e Laura Pérez Delgado.
O xurado quixo destacar neste álbum ilustrado a súa capacidade para poñer no centro o folclore galego, facendo protagonista ao Gatipedro. Rescata elementos da tradición oral galega para contar unha historia, tenra, envolta nun mundo de ensoñación, contada cunha linguaxe propia.
Unha historia para os máis pequenos, pensada para compartir en familia, arroupando os afectos.
Destaca a súa estética coidada, cunha excelente paleta de cor, na que historia e imaxe camiñan da man.
Unha proposta que nos convida a soñar e acompañar a Paio na súa procura.”

Un porquiño polo San Martiño, de Macarena García Vicente e Iria Bermúdez Rozas, gaña a V edición do Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado

Desde Galaxia:
“Na Estrada, na Sala de Xuntas da Casa do Concello da Estrada, reuniuse o xurado para escoller a obra gañadora desta V edición do Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi. O xurado estivo composto por Sandra Lodi, ilustradora e gañadora do premio na edición pasada coa obra Papóns, recoñecida tamén co Premio Follas Novas na categoría de Libro Ilustrado; Xosé Tomás, ilustrador e docente; Sara Valcárcel, responsable de Comunicación e Novos Proxectos de Editorial Galaxia; Armando Requeixo, crítico literario; e Carlos Loureiro, que actuou como secretario.
Despois de valorar os orixinais presentados e de levar a cabo distintas seleccións e contraste de opinións, previa á xuntanza do día de hoxe, o xurado acordou, por unanimidade, conceder o V Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi á obra titulada Un porquiño polo San Martiño, que se presentou baixo o pseudónimo “Lacón e grelos”. Unha vez aberta a plica, esta resultou ser da autoría de Macarena García Vicente e Iria Bermúdez Rozas.
O xurado quixo destacar neste álbum ilustrado varios motivos que merecen ser valorados. En primeiro lugar, presenta unha estética moi coidada, tanto no tratamento visual como na elección dos elementos gráficos, o que contribúe a unha experiencia lectora sólida e atractiva.
Ademais, pon en valor o respecto e o coidado animal dun xeito honesto e sensible, sen caer na procura do riso nin na lexitimación dos excesos. Este respecto aos animais é en grande medida reforzado polo ton afectivo e introspectivo que expresa a obra, xunto á riqueza e profundidade do conxunto.
Cómpre salientar tamén a coherencia entre o texto e as ilustracións, ambos elementos están ben integrados e funcionan como un todo, apoiándose mutuamente e reforzando a mensaxe que a obra quere transmitir.
Destacouse a expresividade da obra, feita cun coidado sentido do humor; poñéndose en valor o tratamento da morte. A ilustración reforza, tamén, a esfera psicolóxica do porquiño protagonista, amosando diferentes arestas emocionais.”

Sandra Lodi gaña o IV Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi

Desde Galaxia:
“Na Sala de Xuntas da Casa do Concello da Estrada, reúnese o xurado para escoller a obra gañadora desta III edición do Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi, formado por Luz Beloso, Sara Valcárcel Maceira, Luís Davila, Armando Requeixo Cuba, e Carlos Loureiro Rodríguez, exercendo como secretario.
Despois de valorar os orixinais presentados e de levar a cabo distintas seleccións e contraste de opinións, previas á xuntanza do día de hoxe, o xurado acordou, por unanimidade conceder o Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi á obra titulada Papóns, que se presentou baixo o pseudónimo “avoa”. Unha vez aberta a plica, esta resultou ser da autoría de Sandra López Díaz (Sandra Lodi).
O xurado quixo destacar neste álbum ilustrado que é unha obra moi atractiva visualmente cun uso dos planos e das cores impecable. Unha narrativa coherente e ben encetada; que pon en valor o mundo rural e os afectos entre avoa e neta. Un vínculo de transmisión cultural e familiar imprescindible que amosa de forma tenra e fermosa.
Tamén salientan como a autora representa os corpos, son mulleres reais, reproduce o noso pobo á perfección. A ilustración é orixinal e dinámica, cun estilo propio, cunha composición e perspectiva coidadas.
A relación que amosa co medio e cos animais é sensible e acertada. Forma parte da realidade das nenas e nenos que tiveron a sorte de criarse nese ambiente privilexiado no que imaxinar e crear as súas propias historias.
Un álbum que pon en valor a necesidade de preservar e protexer a natureza. De respectar os animais e darlles o seu propio lugar. Unha historia de xenerosidade que pon o foco no protagonismo que xogarán as novas xeracións como exemplo de conciencia. Un traballo colectivo que todas as persoas deben exercer en conxunto.
Será un deses libros que perduren no tempo.”

Rianxo: presentación de O libro secreto da filosofía, de José Carou

Rianxo: Actos Castelao 2024

Pontevedra: Culturgal 2023, actividades do 3 de decembro

Este é o programa do Culturgal 2023. As actividades do 3 de decembro son: