A Coruña: Creación, Lingua e Identidade, conferencia de Mariasun Landa nos IV Encontros Cidade da Coruña

O mércores CARTAZ IV ENCONTRO CIDADE DA CORUÑA6 de abril, ás 20:00 h., no Salón de Actos da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, terá lugar a segunda conferencia dos IV Encontros Cidade da Coruña, baixo o lema Ser Escritor, Ser Escritora, organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña e a colaboración da Real Academia Galega. Mariasun Landa fará un percorrido pola súa extensísima obra guiada polo título Creación, Lingua e Identidade, nun acto presentado por Mercedes Queixas.
Nada en Rentería en 1949, Mariasun Landa Etxebeste licenciouse en Filosofía en París en 1973 e en Filosofía e Letras pola Universidade de Valencia. Exerceu como profesora de Educación Básica durante varios años, así como no Servizo de Euskaldunización do Profesorado (IRALE-Goberno Vasco). Actualmente é profesora titular de Didáctica da Literatura na Escola Universitaria do Profesorado de Donostia (UPV / EHU). Colaborou en numerosas revistas e xornais do País Vasco, pero o seu labor creativo céntrase sobre todo na literatura infanto-xuvenil en lingua vasca. Autora de máis dunha trintena de títulos para nenas e nenos, grande parte da súa obra foi traducida a castelán, catalán, galego, así como a outras linguas extrapeninsulares: inglés, francés, alemán, grego, árabe, coreano albanés,… Entre algúns dos premios literarios que recibiu, destacan o premio de maior tradición na literatura vasca, o Lizardi de Literatura Infantil en éuscaro co conto Txan Fantasma en 1982 (do que existe versión en galego, Chan, a pantasma) e o Premio Euskadi de Literatura Infanto-xuvenil en 1991 coa obra Alex. En 2003 gañou o Premio Nacional de Literatura Infanto-xuvenil do Ministerio de Cultura coa obra Un crocodilo debaixo da cama escrita orixinalmente en lingua vasca (Krokodiloa ohe azpian). O seu libro Iholdi foi incluído na lista de honra do IBBY en 1992, e Un crocodilo debaixo da cama en 2006. Elefante corazón de paxaro foi seleccionado para a lista dos White Raven de 2001 que elabora a recoñecida Biblioteca Internacional do Libro Infanto-xuvenil de Múnic.

IV Encontros Cidade da Coruña: Ser Escritor, Ser Escritora

Do mércores 30 de marzo ao venres 29 de abril, os Encontros Cidade da Coruña chegan á sua cuarta edición co lema Ser Escritor, Ser Escritora, organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña e a colaboración da Real Academia Galega.

Teremos oportunidade de asistir a catro conferencias, todas no Salón de Actos da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11) ás 20:00 h.:

Mércores 30 de marzo: Ser Escritora e Africana, Ana Paula Tavares
Mércores 6 de abril: Creación, Lingua e Identidade, Mariasun Landa.
Mércores 13 de abril: Vagar nos lindes. Tirar da pel, Ana Romaní.
Venres 29 de abril: Da natureza e a xeración do pensamento. Linguaxe poética, Antonio Gamoneda.

Ser escritor/escritora significa un determinado xeito de se realizar na escrita.
Ser escritor/escritora significa unha forma de asumir publicamente unha voz que pregunta, cuestiona, compromete e ofrece á sociedade aquela perspectiva alternativa ou mesmo oculta.
O ser do escritor/escritora non obedece ás convencións ou imposicións alleas ás súas conviccións -coas que busca no inexplorado do ser humano-, co que se comunica co ser dos outros, co que coñece o propio ser.
Ser escritor/escritora é ser voz e dar a coñecer o seu consciente ou subconsciente persoal ou colectivo.
Ser escritor é ser dun idioma e dun tempo.