Artigo de Daniel Salgado en Nós Diario:
“Cada libro é único. Precisa dunha diagramación concreta, dunha cuberta singular, dun papel diferente. A súa caixa tamén varía. E cómpre acompañalo, desde o escritorio da autora até a presentación en sociedade. Máis ou menos velaí resumida a filosofía de Apiario, a editorial promovida polas poetas Dores Tembrás (Bergondo, 1979) e Antía Otero (A Estrada, 1982) que vén de celebrar o seu quinto aniversario. (…)
Esa preocupación polo obxecto conduciu ás dúas poetas á maior aprendizaxe, entende Tembrás, deste lustro á fronte da editorial: “Soubemos do delicado que é o proceso de edición, o control que precisa. Porque se non mantés ese control, todo pode torcerse”. A pé de obra, da relación coa escritora ao persoal do prelo, das artistas gráficas ás librarías, acompañan cada paso dos libros. No debe, “a cantidade de horas que invistes”, considera Otero. Con ese método sucedeu o que, a primeira vista, podía parecer improbábel: unha editorial especializada en poesía, nada no máis cru da crise, sobreviviu e foi, se non medrando, si avanzando aos poucos. (…)
Nestes cinco anos “pasaron moitas cousas”. Maiormente positivas, pero non só. “Non falaría de dificultades, pero si batemos con cuestións máis sutís”, relata Tembrás. Refírese a certas actitudes machistas, aínda que as coloca en contexto: “A sociedade é como é, e o noso proxecto ten moi en conta o feminismo. E axiña o compensou todo o pulo e o alento que recibimos das lectoras. Esoutros asuntos pasaron a ser irrelevantes”.
A xeito de balanzo provisional, Antía Otero fica co orgullo polo publicado: “Non editamos un só título que non amemos, polo que non sintamos veneración”. E Dores Tembrás imaxina como lles prestaría publicar algún día as estadounidenses Louise Glück ou Sharon Olds.”