Invisibles: a cara máis “útil do teatro” fronte ao maltrato e o silencio”

Artigo de Alberto Ramos en Praza Pública:
“A arte, como brazo armado da realidade, sempre atopará artillería pesada na fauna e no seu reino. Entre as bestas, adormecen as metáforas perfectas para explicármonos cunha exactitude máis propia da biofísica que da literatura. Por iso, non hai mellor coiraza contra os agravios que a pel do rinoceronte. Nin mellor imaxe có cardume que, guiado polas correntes, nos cerca a conduta como colectivo social. E mesmo hai quen asegura que “se metes unha ra na auga moi quente, porá todas as súas enerxías en pegar un chimpo para salvar a vida; pero se a metes en auga fría e logo vaslla quentando, morre na auga fervendo sen decatarse do perigo”.
Así funcionan os mecanismos do maltrato e dese xeito explícao unha das protagonistas de Invisibles, libro no que a xornalista Montse Fajardo recompilou sete historias reais de vítimas da violencia de xénero. Eses relatos, editados en 2017 por Edicións Matriarcas e o Concello de Pontevedra, gañarán formas e volumes na escena grazas a Redrum Teatro que, en coprodución coa Concellería de Igualdade de Pontevedra e o Centro Dramático Galego, estrea a súa adaptación escénica. Baixo a dirección de Marián Bañobre e coa interpretación de Mela Casal, Sheyla Fariña e Nieves Rodríguez, Invisibles estréase no Teatro Principal de Pontevedra o vindeiro xoves 15 de novembro, tras celebrar a preestrea o martes 13 no Auditorio Municipal de Catoira.
“Descubrín o libro a través de Llerena Perozo, quen o recomendaba nas redes sociais. Dicía que debería ser de lectura obrigada nos institutos. Achegueime así ao Invisibles de Montse Fajardo e vin clara a posibilidade de levala a escena. Aí había historias para o teatro”, sinala Sheyla Fariña, a actriz que impulsou un proxecto escénico que, xa na recta final dos seus ensaios no Auditorio de Catoira, define como “unha montaxe que amosa á realidade concreta da violencia de xénero sufrida por sete mulleres, pero que cuestiona ao mesmo tempo a invisibilidade. Pregúntase que é o verdadeiramente invisible nesta lacra social”.
Así, a invisibilidade maniféstase nunha sociedade que tende a autoprotexerse ao agochar, en palabras de Fariña, “o maltrato de base e o machismo imperante”. Unha sociedade, ademais, que durante moito tempo tentou evitar e segue a evitar tratar en público determinadas cuestións, o cal empurra as vítimas “ao sentimento de vergoña, á culpabilidade, á incomprensión e ao silencio”, elementos que se reflicten na obra de Fajardo e que se trasladan á súa adaptación teatral do mesmo xeito que se recolle unha idea fundamental: non hai ninguén que dea o perfil para o maltrato. Non hai un estamento social definido, nin unha profesión, nin un ámbito concreto nin unha franxa de idade propensa. “Por ese motivo, para levala a escena, facía falla contar con tres actrices diferentes que representasen tres xeracións distintas para reflectir esa falta de perfil, que quede clara a idea de que lle acontece a calquera”, destaca Fariña. É dicir, calquera pode ser ra sen decatarse de como a temperatura da auga vai en aumento. Ao cabo, nesa súa transparencia agóchase a invisibilidade. (…)”

Poesía, de Roi Vidal, recibe o XII Premio Abrente de textos teatrais da MIT

Desde Fervenzas Literarias:
“O xurado do 12º Premio Abrente de textos teatrais, formado pola actriz Sheyla Fariña, a directora e actriz Diana Mera, o dramaturgo Ernesto Is (Premio Abrente da edición anterior), a concelleira de Cultura de Ribadavia María Touza e Roberto Pascual, Director da MIT, decidiron por unanimidade premiar co Abrente 2017 o texto titulado Poesía (materiais para montar unha escena de cama), presentado co lema A cova de Lascaux. Unha vez aberta a plica, descóbrese a autoría do texto, que pertence a Roi Vidal Ponte.
En opinión do xurado, a obra gañadora esta orixinal peza “propón un xogo escénico de materiais para montar unha escena de cama a través da ironía no tratamento da linguaxe e das situacións. Poesía propón unha estrutura en tres partes moi interesante de cara a unha posta en escena polas múltiples opcións que formula empregando citas, accións e palabras. É un texto valente, actual, que aborda a sexualidade de forma aberta e sincera, onde os corpos teñen voz e rompen cos estereotipos e roles sexuais asumidos socialmente”.
O xurado destacou, igualmente, o coidado e dedicación á escrita evidenciada neste texto, tanto no coidado da linguaxe coma no traballo documental que nutre á obra dun cúmulo de referencias moi atinadas. (…)”