As axudas á tradución chegan a 74 proxectos

“O Diario Oficial publicou o venres 26 de outubro a listaxe de proxectos que se benefician das axudas para tradución da Consellaría de Cultura, que contaron nesta xeira cun total de 167.999 euros. A liña afecta tanto a versións en galego de obras foráneas (92.429 euros) como a traslación a outras linguas desde a nosa (75.565 euros). Á hora de publicar novas obras para o galego, destaca a contía acadada por Editorial Danu, que con 41.180 euros de axuda verterá para a nosa lingua obras clásicas como Utopía de Tomás Moro, A través do espello de Lewis Carroll, de Pessoa ou traballos de Dostoievski, Pushkin ou Joyce entre outros. Tamén aposta por Joyce a editorial Galaxia, que lanzará a versión na nosa lingua do celebérrimo Ulises, ademais de publicar Mr. Gwyn, novo título de Alessandro Baricco ou A cea, de Herman Koch. Desde Positivas veremos as Iluminacións de Rimbaud mentres Urco Editora achegará un bo feixe de traducións de Lovecraft entre os seus lanzamentos.
No campo da tradución desde o galego destaca a aposta de Rinoceronte editora, que con 24.676 euros levará ao castelán dez obras de autores como Eva Moreda, Diego Ameixeiras ou Fran Alonso entre outros, ademais de abordar traducións para alemán, italano, xaponés e catalán. Galaxia aposta tamén por autores actuais para a exportación, e incorpora obras de Riveiro Coello, Begoña Caamaño e Xulia Alonso no seu catálogo en castelán. Destaca como curiosidade na listaxe as versións en búlgaro que Small Stations Press propón da Poesía completa de Lois Pereiro e de Aire negro de Agustín Fernández Paz.” Desde Cultura Galega.

“Primeiros Cantares gallegos en inglés”

“Ás portas de celebrarse o 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos, editada en 1863, a editorial británica Small Stations Press vai lanzar o próximo mes de novembro a edición en inglés da emblemática obra de Rosalía de Castro co título Galician songs. A tradución vén da man da poetisa e tradutora canadense Erin Moure (Calgary, 1955) e será publicada na colección Galicia Classics. (…)” Vía Galicia Confidencial.

Santiago: presentada Folks from here and there, versión en inglés de Xentes de aquí e de acolá, de Cunqueiro

“A profesora Kathleen March asina a tradución para o inglés do libro Xente de aquí e de acolá de Álvaro Cunqueiro. A Consellería de Cultura presentou o venres 30 de setembro Folks from here and there na biblioteca da Cidade da Cultura nun acto no que tamén estaba presente Jonathan Dunne, responsable de Small Stations Press, coeditora do volume canda á Xunta. Esta versión é a primeira en inglés do autor mindoniense nos últimos quince anos, e pode consultarse un fragmento da mesma no web da editora.” Vía Cultura Galega. Reseñado tamén en Galiciaé e La Voz de Galicia.