Desde a Real Academia Galega:
“No ano 2003, no Teatro Coliseo de Noia, Xohana Torres interveu na homenaxe a Antón Avilés de Taramancos no Día das Letras Galegas dedicado ao escritor. Ambos compartiron infancia á beira do mar, os dous souberon escoitar como poetas, e tamén o fixeron nos programas de radio que gravaron alén e aquén mar. Case dezaseis anos despois daquel 17 de maio, volveron estar presentes no mesmo auditorio, no discurso de ingreso na Real Academia Galega doutra creadora da poesía e da radio: Ana Romaní. A poeta e xornalista, natural desta localidade, convocou estes dous referentes no seu espertar poético, xunto a outras autoras das letras galegas, nunha intervención que foi unha ollada ao mundo desde o feminismo e o comunal e colectivo. E desde ela, fronte á “xordeira”, reivindicou a dignidade da escoita no literario e no xornalismo.
A académica de número Margarita Ledo foi a encargada de lle dar resposta nunha intervención na que repasou a traxectoria literaria e xornalística da nova compañeira de plenario, inzada de recoñecementos, o último deles o Premio Nacional de Periodismo Cultural que concede o Ministerio de Cultura. Da obra literaria de Ana Romaní salientou, entre outros trazos, ese “desexo de comunidade” tan patente no propio discurso que pronunciou hoxe, un “devezo polo común que tamén colle corpo na súa actividade profesional” .
“Hoxe é un día feliz para a Real Academia Galega polo ingreso na institución de Ana Romaní e por estar en Noia, que é unha maneira de levar a RAG polo país. Cando os académicos falamos da súa entrada pensamos na poeta, na activista cultural que leva moito tempo comprometida co país, e tamén na comunicadora”, salientou pola súa banda o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, tras facerlle entrega da medalla e o diploma de académica de número.
Ana Romaní ocupa desde este sábado a cadeira que quedou vacante tras o pasamento de Xohana Torres, (Ferrol, 1929 – Vigo, 2017), “símbolo de decidida navegación e ousadas travesías”. Con ela estableceu o diálogo inicial do discurso titulado Táctil resonancia. Da derrota dun esplendoroso veleiro, as voces flotantes e os cantos das baleas, a bordo dunha nave na que tamén rescatou a voz do poeta noiés Avilés de Taramancos, outra figura decisiva no seu “tear do poético”. A viaxe arrincou sucando o mesmo mar no que a súa predecesora puxera a navegar a Penélope no célebre poema que publicara por primeira vez na Festa da Palabra Silenciada (1987). (…)”