María Canosa: “Sempre me chamou a atención o que a sociedade intenta converter en uniforme”

Entrevista de Laura Veiga a María Canosa en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como foi saber que gañara o Premio Carlos Mosteiro?
– María Canosa (MC): Chamáronme cando eu comezaba a actuar nunha obra, polo que non atendín o teléfono en dúas horas. Foi moi especial porque estaba alí a miña familia, a da casa e a do teatro, polo que en canto me puxen en contacto co xurado e me comunicaron que fora a gañadora puidemos celebralo no momento. Penso que foi mellor así, igual se tivese collido o teléfono antes de comezar teríamos que ter agardado para que eu puidese actuar.
Un premio sempre axuda a que sigas, porque o oficio da escrita non sempre é sinxelo e fai moita ilusión que se recoñeza que, cando menos, o que estou facendo está ben. Penso que é especialmente importante con esta obra, non só por tratar un tema delicado, senón tamén porque eu buscaba transmitir unha historia realista, que non se dulcificase en exceso.
Aínda que eu en parte escribo porque me gusta, por outra parte tamén penso que teño que facelo e síntome cunha certa responsabilidade de contarlle á rapazada historias que se teñen que contar, que mostran as arestas da realidade. Que o xurado destacara precisamente o realismo faime moita ilusión. Ás veces unha intenta transmitir algo, mais non sabe se a persoa que le a historia está entendendo xustamente iso.
– ND: Como xurdiu a historia de Teño un volcán dentro?
– MC: Eu teño dúas nenas e cando es nai observas as crianzas dunha maneira moito máis minuciosa, tanto as túas como o comportamento que teñen as da súa contorna. Sempre me chamou a atención os comportamentos das persoas e o que a sociedade etiqueta e intenta converter en uniforme. É algo que sempre levei bastante mal, precisamente porque eu mesma tamén me sentín diferente en moitas ocasións en diferentes aspectos e etapas da miña vida.
Intentando protexer as miñas rapazas e explicarlles desde moi novas que a diversidade sempre suma e que temos que aprender dela e entendela como algo positivo, esta era unha historia que tiña ganas de escribir. Ao final é a historia dun rapaz que ten unha diferenza con respecto a outras persoas e quería explorar como se sentiría el e como o farían sentir as persoas da súa contorna.
De feito, cando estou en grupos con moita diversidade, preocúpame moito máis como me comporto eu que como se comportan as persoas que teñen estas diversidades. O que ocorre é que ás veces tardas en informarte, en recoller textos e valoracións de persoas entendidas no tema, entón é algo que eu precisaba repousar para sentirme preparada para contar esta historia. (…)”

María Canosa gaña o V Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro

Desde Galaxia:
“O 29 de decembro, no Concello da Pobra do Caramiñal, o xurado do V Premio de Literatura Carlos Mosteiro, composto por Encarna Pego, profesora, Xosé Antonio Neira Cruz, escritor, gañador da anterior edición, e Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia; decidiu por maioría outorgar o premio a obra presentada baixo o título de Teño un volcán dentro, que, unha vez aberta a plica, resultou da autoría de María Canosa Blanco, autora de recoñecida e longa traxectoria na LIX galega e gañadora de numerosos premios.
O xurado valora desta obra o orixinal tratamento, nada maniqueo, dun protagonista con Asperger, e a súa relación coa súa irmá, así como co seu entorno familiar e educativo. Das dificultades de integración e adaptación a todo ese mundo novo polo que comeza a camiñar. (…)”