Concedidos en Cornellá os premios do Certame Literario Rosalía de Castro 2014

DesdeAsociación Cultural Rosalía de Castro Cornellà Galicia en el Mundo:
“O sábado 29 de novembro, tivo lugar o acto de concesión dos premios do Certame Literario Rosalía de Castro 2014, organizado pola Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellá (Barcelona), que este ano acada a súa 28ª edición na modalidade de poesía en lingua Galega e a 11ª na de narrativa, e no que foron galardoados cos primeiros premios: Miriam Ferradáns, en poesía, e Alba Sánchez, na modalidade de narrativa.
O acto de concesión dos premios foi precedido dunha charla-coloquio a cargo da escritora Elí Ríos, filla de pais emigrantes galegos en Londres e residente en Galicia, que presentou o seu ultimo libro, Anamnese, un poemario co que ven de gañar o II premio de poesía Manuel Lueiro Rey. (…)
O presidente do xurado do certame, Jordi García Guitart (Rexedor delegado da Cidade da Lectura e Política Lingüística do Concello de Cornellà), e composto por persoas relevantes da cultura galega, deu a coñecer aos gañadores da edición deste ano 2014.
Na modalidade de poesía, na 28ª edición do Certame de Poesía en Lingua Galega Rosalía de Castro, os gañadores foron os seguintes:
– Primeiro premio: Miriam Ferradáns, de Bueu, polo seu poema titulado O sangue que corre polas rúas. Dotación, 500 euros.
– Segundo premio: Verónica Martínez e Alberte Momán, de Lugo, polo poema Test de embarazo positivo. Dotación, 300 euros.
– Terceiro premio: Xosé Otero Canto, de Lugo, polo seu traballo Rolando o vento para o Nordés. Dotación, 200 euros.
Na modalidade de narrativa o mesmo xurado concedeu o premio da 11ª edición do Certame de Narrativa Rosa Reboredo, ao traballo en Galego presentado por Alba Sánchez Ares, de Santiago, polo seu traballo Querida Lola. Dotación 500 euros.”