Entrevista de Laura Veiga a Xosé Luís Mosquera Camba en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Cal foi o xerme de Trece maneiras de mirar un almanaque?
– Xosé Luís Mosquera Camba (XLMC): É unha pregunta complicada porque, supoño, a meirande parte da xente que escribimos acabamos por vérmonos metidos en algo que non sabemos como comezou. É algo que te arrastra e que vai tirando mentres sexas quen de seguir.
O que xera que escribas sobre algo adoita ser azaroso, ás veces é algo que ves ou que escoitas, outras veces é unha idea, algo que te atrae ou unha irritación. Este texto está vinculado a un poema do autor norteamericano, Wallace Stevens, titulado Trece maneiras de mirar un merlo. É un poema que sempre me pareceu moi fondo e interesante para volver sobre el. Reflexiona sobre o paso do tempo, o efémero, o amor… E nun momento determinado acendeuse un camiño por aí e acabou sendo este texto. É o único que podo dicir.
– ND: En moitas ocasións, dese xerme orixinal ao que acaba sendo hai moita evolución.
-XLMC: Evidentemente. É un tópico entre autores e autoras que falan dos seus procesos creativos: contan como é o propio texto o que te arrastra e que ti vas descubrindo. Ti es como o primeiro lector dese texto que se vai descubrindo. Tamén che fai dar voltas e voltas e por iso todo acaba mudando. (…)”
Arquivos da etiqueta: Trece maneiras de mirar un almanaque
Xosé Luís Mosquera Camba e Lois Pérez gañan os Premios Johan Carballeira do Concello de Bueu
Desde o Concello de Bueu:
“Xosé Luís Mosquera e Lois Pérez Díaz son os gañadores dos Premios Johan Carballeira convocados polo Concello de Bueu. Os xurados, reunidos este luns pola tarde, acordaron conceder o premio na categoría de poesía a Xosé Luís Mosquera coa obra Trece maneiras de mirar un almanaque; e a Lois Pérez Díaz coa reportaxe Eloxio do apenovismo, publicada orixinalmente na revista Luzes.
O xurado do premio na modalidade de poesía compuxérono Manuel López, poeta e gañador da edición anterior, Oriana Méndez, poeta e crítica literaria, e Xosé Henrique Costas, profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo e escritor. Da lectura dos 55 poemarios presentados, o galardón concedeuse á obra de Mosquera, da que se sobranceou “a madurez literaria e contemporaneidade que se amosa na fluída integración de múltiples rexistros textuais e culturais no propio devir do poemario”. Ademais, o xurado considerouna “unha proposta poética que destaca por combinar con habelencia múltiples rexistros dende o culto ao popular, con imaxes inesperadas e fragmentos de maior narratividade”. Todo iso leva a que “o poemario acade un resultado exitoso que contribúe a consolidar o panaroma poético das nosas Letras”.
Pola súa banda, o xurado na categoría de xornalismo estivo composto por Héctor Pena, xornalista do Nós Diario e gañador da anterior edición, Carolina Sertal, xornalista de Faro de Vigo, e Manuel A. Mosteiro, presidente da Asociación de Amigos de Johan Carballeira. De entre os vinte e tres traballos presentados ao certame, o gañador foi a reportaxe de Lois Pérez, de cuxo traballo o xurado valorou “a interrelación entre cultura e construción da AP-9”. Ademais saliéntase “a orixinalidade á hora de abordar unha temática árida como as infraestruturas e capta a atención do lector/a dende o primeiro momento, facendo atractiva este tipo de información”. Así mesmo, “é moi interesante o percorrido de Norte a Sur que fai ou autor recollendo espazos e momentos históricos moi ben imputados co trazado da AP-9”.
A entrega dos premios vai ter lugar nun acto público que se celebrará arredor das Letras Galegas. (…)”