Entrevista de Sergio Casal a Inés Mosquera Calvo en Nós Diario (foto da autora, de Nós Diario):
“(…) – Nós Diario (ND): A ave é un poderoso símbolo de liberdade na literatura. Que significa para vostede falar a través da voz dunha bubela neste poemario?
– Inés Mosquera (IM): O propio título, que é Upupú, é a transcrición fonética do canto da Bubela, que é o paxaro que toma as páxinas do poemario. Quixen concibir este libro como un canto, como unha sorte de cartografía dunha voz en diferentes momentos vitais nos que vai transitando a dualidade entre a muller e o paxaro. Dábame moito xogo facer isto a través do canto dun paxaro e quixen escoller a bubela. Ademais, os paxariños levan formando parte da miña vida desde hai moito tempo como observadora da natureza que son ao criarme nun ambiente rural, aínda que agora viva nunha cidade.
– ND: O libro móvese entre a dor, a enfermidade ou a vergonza. Que parte de Upupú lle resultou máis complicada de escribir e cal máis liberadora?
– IM: No poemario fálase de dor, de cansazo, de doenza, de fastío… O proceso da escrita deste libro foi duro, pero ao mesmo tempo foi moi gratificante. Non creo que poida primar unha sensación sobre a outra, xa que as dúas son moi importantes. (…)”
Arquivos da etiqueta: Upupú
Inés Mosquera Calvo gaña o XXXVIII Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón
“O Concello de Dodro celebrou o acto de deliberación do xurado da trixésima oitava edición do Certame de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, convocado por esta entidade e coordinado pola poeta Silvia Penas.
O xurado, composto polas poetas María Lado Lariño, Noelia Gómez Calvo e Miguel Cavadas Docampo, xunto co alcalde e o concelleiro de Cultura de Dodro, acordou por maioría outorgar o premio á poeta Inés Mosquera Calvo pola súa obra Upupú, presentada baixo o lema A ditadura da bubela.
A elección realizouse entre corenta e dúas obras candidatas e na acta os membros do tribunal destacaron da obra galardoada o seguinte:
Entre o poema e o corpo dun paxaro constrúese este libro. Unha poética concibida dende a linguaxe do animal, coa súa mesma axilidade e instinto. Hai salvaxismo neste canto. O upupú soa ao longo dos poemas como unha oración, e álzase por riba de todo: da dor, da enfermidade, da vergonza. Dividido en cinco partes: Lingua de xirín, Ás de pardal, A vergonza de amá, Bubela e a Ditadura da bubela. O poemario contén diversas citas de poetas (case todas mulleres) que acompañan no niño que a muller/paxaro artella, un voo preciso. Versos fragmentados e que entran directos nos ollos da lectora como un disparo. “Lonxe de ser miña ruliña/ son bubela”, escribe. “Terei unha enfermidade de incómodo nome/ pero fun aprendendo a falar cos paxaros”. A través da figura do paxaro hai un afán de liberdade. Ter o dereito a ser mala muller, mala filla, mala amante. “Dos meus poemas/ canto que son mala ditadora/ mala bubela/ mala muller/ mala filla// mala amante tamén”. Upupú.
A gañadora do XXXVIII Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, Inés Mosquera Calvo, naceu en Carcacía (Padrón), en 1992. Graduada en Educación Primaria especializada na docencia de linguas estranxeiras e cun Mestrado en Lingüística Aplicada pola Universidade de Vigo.
Na actualidade exerce como tradutora. Iniciou a súa traxectoria no ámbito da creación poética no ano 2022, coa publicación de Papoulas Amarelas (Medulia Editorial). No 2023, saíu do prelo o segundo libro de poemas, Nonmesquezas. En paralelo, foron publicándose outros textos poéticos en volumes colaborativos como Dorna ou Domingo das Mozas.
O acto oficial de entrega deste premio terá lugar o vindeiro 13 de decembro, no CPI Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro, ás 17.30 h. O poemario gañador será publicado no ano 2026, nunha editorial de recoñecido prestixio.”