Compostela: actividades destacadas dos 20 e 21 de xuño na Feira do Libro 2020

O 21 de xuño finaliza a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:30 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este fin de semana:

Sábado 20
12:00 h. Claudia Castro asina Galicia, o país das marabillas, ilustrado por Emanuel Lomeña, publicado por Galaxia.
13:00 h. Paula Carballeira asina Carabela, ilustrado por Abi Castillo, publicado por Galaxia.
18:00 h. Marcos Viso asina O meu baleiro, publicado por Hércules de Edicións.
19:00 h. Manuel Monge asina Os restos do franquismo en Galiza, publicado por Laiovento.
20:00 h. Berta Dávila asina Carrusel, publicado por Galaxia.

Domingo 21
13:00 h. Héctor Cajaraville asina Ricardo Carvalho Calero. A pegada do compromiso, publicado por Xerais.
18:00 h. Juan Bello Sánchez asina Casa, traducido por Berta Dávila, e publicado por Tulipa.
19:00 h. Rosa Enríquez asina Vacastras, publicado por Urutau.
20:00 h. Carlos Meixide asina Camiño de paixóns, publicado por Galaxia.

Entrevista con Rosa Enríquez

Entrevista de Silvia Penas Estévez a Rosa Enríquez, desde Urutau:
“(…) – Urutau (U): A poesía é unha forma de ver o mundo?
– Rosa Enríquez (RE): Creo, máis ben, que a poesía está aí fóra. É anterior. Pensar que somos nós quen podemos mirar desta maneira, e, coa nosa ollada, facela existir, é concedernos demasiada importancia. A poesía non existe porque nós a contemplemos nos detalles, nas manifestacións do amor ou na potencia da natureza. Nós estamos aquí porque ela nos mira.
– U: Cando escribes pensas nunha lectora/lector imaxinaria/o? O que escribes vese afectado por iso?
– RE: Cando era máis nova si que me inquietaba un pouco como podía ser recibido o que escribo, pero agora mesmo non. Penso que preocuparse por isto, deixar que me condicione, limita a potencia do que intento expresar. Segundo eu o vexo, a poesía non entende de límites, é unha transgresión da orde, do sentido común. Pode ser entón considerado o acto de escribir un acto egoísta? Talvez si, pero non me importa. Querer agradar a posíbeis lectoras ou lectores é como querer compracer a todo o mundo. Simplemente non se pode. Cómpre aceptar e asumir isto cando decidimos publicar un texto e dedicarnos ao que verdeiramente importa: vivir. Non ser vividas polos demais. (…)
– U: Este libro, Vacastras, en concreto como xurdiu? Onde ou en que dirías que ten o seu xermolo?
– RE: Xurdiu co texto que aparece ao inicio de “RABIA”. O xermolo é o instinto, esa afluencia de pensamentos caóticos aos que resulta díficil darlle forma. A idea de que a linguaxe deturpa o significado do que realmente sentimos levoume a pensar que nada hai tan interesante nun poema como aquilo que se oculta no escrito, o que fica fóra, o que non conseguimos expresar. Escribir un poema é un intento de tradución do inefábel, e, en tanto que “intento”, implica certa imperfección. Interésame esa imperfección. (…)”