Antonio Piñeiro gaña o Certame literario de relato de aventuras Antón Avilés de Taramancos, con A dama fulxente

“O escritor e profesor ribeirense Antonio Piñeiro (1962) gañou a décima edición do Certame literario de relato de aventuras Antón Avilés de Taramancos que convoca o Concello de Noia e organiza o IES Virxe do Mar pola súa obra A dama fulxente. O xurado -formado polas escritoras e profesoras Mariña Pérez Rei –gañadora da anterior edición do premio-, Mercedes Queixas e Vanesa Oliveira, elixiu por “unanimidade” o texto de Antonio Piñeiro entre os 14 orixinais presentados.
Centrado nos albores da Revolución Francesa, A dama fulxente narra a viaxe de curación de Anne Geneviève a través do Camiño de Santiago até Noia. O xurado salientou “a mestría narrativa” do autor mais a súa “linguaxe precisa e evocadora que busca a sorpresa dende o primeiro parágrafo”. A forza “suxestiva” do relato deixa no padal do lector “as ganas de continuar indagando sobre esta convulsa etapa histórica” que rematou coa decapitación de Luis XIV. O xurado destacou tamén a presenza dun salto temporal no relato que “crea dous ambientes temporais na obra e o lector ten que fiar un co outro”. Na súa opinión, o final da obra resulta “imprevisible” e axuda a crear un “halo de misterio ao redor da dicotomía entre ciencia e fe” e que tamén fai referencia “ás intrigas propias da época por alcanzar poder e vanagloria na Corte”. O galardón está dotado con tres mil euros, unha escultura do artista Alfonso Costa e a publicación do relato en Toxosoutos, nunha edición que irá acompañada polas ilustracións de Pío Costa. No acto, celebrado onte na casa de cultura noiesa, tamén participaron o concelleiro en funcións de Facenda, Lino García e Xavier Castro, profesor e secretario do xurado”. Vía Galicia Hoxe.