Alberte Momán: “Vattene! é unha metáfora da desaparición da clase media”

Entrevista a Alberte Momán en Diario de Ferrol:
“O escritor ferrolán Alberte Momán vén de editar Vattene!, a súa terceira obra narrativa, na colección Q de Vian Cadernos (do colectivo A Porta Verde do Sétimo Andar). O venres presentábao no Ateneo Ferrolán e en vindeiros días farao en Arteixo e tamén no museo Marco, en Vigo. “É unha novela curta, un relato longo, no que se descrebe a viaxe dunha persoa que, por motivos alleos a ela, pérdeo todo e pasa dunha situación de comodidade a ter que experimentar unha realidade totalmente nova, partindo de cero”, explica Momán sobre o texto.
A nivel persoal, é a metáfora “dunha persoa que recupera a vista despois dunha cegueira prolongada”. Ten tamén unha lectura relacionada coa situación actual, vencellada “ó que chaman desaparición da clase media, que vivía nun aparente equilibrio e que, polo neoliberalismo, comeza a perdelo e vese nunha situación nova. Caeu esa espada de Damocles que ameazaba con que podía perdelo todo en calquera momento”.
Esa situación na que o protagonista ten que descubrir dunha maneira diferente o que o rodea, esa crise vital, pode ter un resultado construtivo, “pero para iso temos que empezar a tomar decisións”, comenta o autor. “Pode ser unha oportunidade de transformación se somos capaces de tomar as sendas adecuadas, pero é moi difícil saber por que camiño ir”.
En Vattene!, que “é unha expresión italiana que significa arrédate, vai de aí”, hai influencias do surrealismo de Eugenio Granell, un autor que influíu de forma moi directa a Alberte Momán. La novela del indio Tupinamba foi un descubrimento importante que me marcou”, asegura.
Momán, que se sente máis cómodo na escrita poética, decantouse nesta ocasión pola narrativa para poder desenvolver do xeito que necesitaba as ideas que agroman neste traballo. “Pero sempre con matices poéticos”. (…)”

Ferrol: presentación de Vattene!, de Alberte Momán

A sexta feira, 14 de xuño, ás 20:30 horas, no Ateneo de Ferrol (Rúa Magdalena, 202-204), preséntase Vattene!, de Alberte Momán, publicado por A Porta Verde do Sétimo Andar, coa presenza do autor, acompañado por Verónica Martínez Delgado.