Castro de Rei: EntoleARTE. Proxecto de creación artística multidisciplinar no antigo manicomio de Castro

Este sábado, 14 de abril de 2012, entre as 12:00 e as 19:00 horas vaise desenvolver no Hospital Psiquiátrico San Rafael, en Castro Ribeiras do Lea, Castro de Rei (Lugo) a derradeira fase do Proxecto EntoleARTE. Con esta xornada de portas abertas ponse o ramo a este proxecto efémero de creación artística multidisciplinar que denominamos EntoleARTE, promovido pola Rede Museística da Deputación de Lugo, xunto coas áreas de Cultura e Turismo e Benestar Social. O que comezou a súa andaina o 10 de marzo, remata este sábado, 14 de abril de 2012, coas exposicións, intervencións e actuacións programadas no edificio do antigo Hospital Psiquiátrico San Rafael, nunha xornada de intercomunicación dos creadores e das súas obras co público nun espazo tan singular, radical e telúrico coma este vello edificio do manicomio de Castro. O programa é o seguinte:

12:00 h.- Recepción por parte do comité organizador e apertura das instalacións ao público, ao que se lle facilitará un programa co itineraio para visitar as exposicións e co horario de cada unha das actuacións e intervencións previstas.
12:20 h.- Representación de Visitas guiadas, a cargo da Asociación Teatral do Miolo e Cía.
13:30 h.- Aparentemente de manicomio, performance de Paco Pestana.
14:00 h.- Representación dun fragmento de Na túa cara, in your face (baseada na vida e obra de Sarah Kane), a cargo da Compañía de Teatro USC-Lugo dirixida por Paloma Lugilde. Lugar: comedor.
15:45 h.- Representación de Metamorfose do señor López (fragmento) de Rubén Pérez Pombo (Palimoco Teatro). Lugar: corredor.
16:00 h.- Representación de Vacío de Alba Fernández (Palimoco Teatro) (creación a partir de 4.48 Psicosis, de Sarah Kane). Lugar: comedor.
16:15 h.- Emoción mutante, performance de Lomarti.
17:00 h.- Lectura de Identidade na Natureza, a cargo de Adela Figueroa.
17:10 h.- Danza. Representación de La maga (coreografía e interpretación a cargo de Marcela Aldavez). Lugar: Capela.
17:30 h.- Actuación musical a cargo de Os Minhotos por distintas dependencias do edificio.
17:50 h.- Danza. Representación de Pena Tirana, a cargo de Marcela Aldavez, coa asistencia coreográfica de Cristina Sánchez (Compañía Casa Bochinche). Lugar: Capela.
18:00 h.- Representación de A escoita do corpo, a cargo da Compañía de de Danza da USC-Lugo dirixida por Juan Carlos Zahera. Lugar: Cafetería.
18:25 h.- Actuación musical a cargo de Folgueada por distintas dependencias do edificio.
18:40 h.- Danza Butoh. Representación do Grupo Danza Butoh de Lugo. Lugar: Escaleiras, estancias e galería da planta primeira, con acceso desde o hall.
19:00 h.- Valoración, conclusións e clausura de EntoleARTE por parte do vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, e do deputado delegado da área de Cultura e Turismo, Mario Outeiro.

Proxección: durante toda a xornada proxectarase no salón de actos o documental Entre Marbella e Torremolinos (imaxes de manicomio) de Xosé Reigosa.

– Servizo de autocar. Nesta xornada haberá servizo de autocar gratuíto desde Lugo (Praza de Santo Domingo) ata o Hospital Psiquiátrico San Rafael, en Castro de Rei (Lugo), ida e volta, para todas as persoas e cos seguintes horarios:
Saídas desde Lugo: 11:15, 12:30 e 16:00 horas.
Regreso a Lugo: 13:00, 17:00 e 19:30 horas.

Lugo: conferencia Rosalía de Castro: a creación da identidade, por Francisco Rodríguez

O venres 23 de marzo, ás 20:00 horas, na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos (sede da Deputación de Lugo), e dentro das actividades de A arte de ser muller nun mundo por compartir 4.0, organizada pola Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, Francisco Rodríguez pronunciará a conferencia Rosalía de Castro: a creación da identidade.

Lugo: recital poético de Susana Sánchez Arins

O xoves 15 de marzo, ás 19:30 horas, na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos (sede da Deputación de Lugo), e dentro das actividades de A arte de ser muller nun mundo por compartir 4.0, organizada pola Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, terá lugar un recital poético a cargo de Susana Sánchez Arins.

Castro de Rei: EntoleARTE. Proxecto de creación artística multidisciplinar no antigo manicomio de Castro

Desde a Rede Museística, a Área de Cultura e Turismo e a de Benestar Social e Deporte da Deputación de Lugo, convocamos a todos os creadores que desde as diferentes artes, técnicas e ideas (nas diferentes modalidades de plástica, música, literatura e artes escénicas) desexen participar neste proxecto de creación artística multidisciplinar denominado ENTOLEARTE e que se vai desenvolver no edificio do antigo Hospital Psiquiátrico San Rafael, en Castro de Rei (Lugo).  Este edificio, agora baleiro de residentes, o antigo manicomio de Castro, que aínda conserva a memoria da súa propia historia e a dos que durante case sesenta anos foron os seus ocupantes ben merece unha reflexión e unha posta en común desde a óptica das diferentes sensibilidades artísticas. Por iso, desde a Rede Museística da Deputación de Lugo convocamos aos creadores que desexen intervir neste experimento fugaz antes de que o edificio se dedique a outros usos. O proxecto vaise desenvolver entre o sábado 10 de marzo e o sábado 14 de abril de 2012, de acordo co programa que se anexa en PDF.
NOTA IMPORTANTE: Todos/as os/as interesados/as en participar activamente neste proxecto deben inscribirse previamente no Museo Provincial de Lugo ou chamando ao teléfono: 982 242 300 /982 242112 (atenden: Raquel e Paula). Máis información: info@museolugo.org
Servizo de autocar gratuíto desde Lugo: Todas as persoas interesadas en facer uso deste servizo deben comunicalo á hora de realizar a inscrición. Saída desde Lugo (Museo Provincial): 11:15 horas / Hora regreso a Lugo: 18:00 horas.

Lugo: inauguración da exposición Colmeiro. Paisaxe que sabe a pan

O venres 9 de marzo, ás 20:00 horas, no Salón Rexio do Círculo das Artes de Lugo (Praza Maior, 23), e co apoio da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo e da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, inaugúrase a exposición Colmeiro. Paisaxe que sabe a pan, comisariada por Carlos López Bernárdez. A mostra, que estará aberta ao público entre os días 9 ao sábado 24 de marzo, en horario de 15:00 a 22:00 h. complétase coa publicación dun catálogo con textos de Aurelia Balseiro, Antonio Bonet Correa e Carlos L. Bernárdez.

Lugo: conferencia de Teresa Moure na inauguración de A arte de ser muller nun mundo por compartir 4.0

O xoves 8 de marzo, Día Internacional da Muller, inaugúrase ás 20:00 h., na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos (sede da Deputación de Lugo) A arte de ser muller nun mundo por compartir 4.0, que baixo a organización da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, e até o 8 de abril, desenvolverán un amplo programa de actividades artísticas multidisciplinares nos catro museos que conforman a Rede Museística Provincial de Lugo. Trinta e unha mulleres e un home, artistas, compartindo un obxectivo a prol da igualdade de xéneros: facer máis visíbel a muller dentro do mundo da arte. Dentro dos actos previos á inauguración, terá lugar, ás 19:00 horas, unha conferencia de Teresa Moure no Refectorio do Museo Provincial de Lugo, baixo o título Muller e literatura.

Lugo: presentación de Muller pra lonxe, de Uxío Novoneyra

O martes 10 de xaneiro, ás 20:00 horas, no Salón da Deputación de Lugo, preséntase Muller pra lonxe, de Uxío Novoneyra, unha reedición do Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo. No acto participan Luís Cochón, Claudio Rodríguez Fer e Isidro Novo.
Crónica posterior en El Progreso.

Santiago: presentación da reedición de Muller pra lonxe, de Uxío Novoneyra

O xoves 22 de decembro, ás 20:30 horas, no Modus Vivendi (Praza de Feixoo) de Santiago de Compostela preséntase Muller pra lonxe, de Uxío Novoneyra, unha reedición do Servizo de Publicacións da Excma. Deputación de Lugo, con Luís Cochón e Olga Novo. Este poemario recolle unha autoescolma da súa poesía amorosa entre os anos 1955 e 1985 ilustrada polo pintor Carlos Pardo Teijeiro.

Mondoñedo: estrea de Menciñeiros, de Volta e Dálle Teatro, sobre a obra de Cunqueiro

O venres 18 de novembro, ás 21:00 horas, no Audiotorio Municipal Pascual Veiga de Mondoñedo, estréase o espectáculo Menciñeiros, do grupo Volta e dálle Teatro, adaptación de Escola de menciñeiros, de Álvaro Cunqueiro. O acto está organizado pola Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo e o Concello de Mondoñedo.