Carlos Callón: “E pensar que nos conventos medievais se copiaban historias que trogloditas con poder do ano 2025 quererían queimar”

Entrevista de Ana G. Liste a Carlos Callón en Praza:
“(…) – Praza (P): A publicación deste libro foi tristemente acompañada dun movemento de moita agresividade e odio. Podías esperar algo así?
– Carlos Callón (CC): Son os tempos que vivimos, é verdade que non é a primeira vez que me acontece algo semellante, co Libro negro houbo moito negacionismo e con Amigos e sodomitas no ano 2011 saíu unha reseña no Faro de Vigo tres meses antes de que o libro se publicase. Mais de calquera xeito, aínda que teña esas experiencias, nunca coma esta. Nunca. O feito de que se pida queimar a miña obra, que se pida que me maten son auténticos despropósitos que hai uns anos serían eliminados inmediatamente nas redes sociais. É un disparate, pero xunto con todo iso teño que agradecer todo o apoio recibido. Temos que remar para que o mundo sexa outra cousa, non podemos habituarnos a este rexeitamento da existencia do outro.
– P: Das personaxes das que falas do Reino de Galicia, que é o que máis che sorprendeu?
– CC: É que ao final o combustible principal destas investigacións é o entusiasmo. Entón, claro, cada vez que me ía encontrando cunha cousa ese entusiasmo aumentaba. Están Sancha Pêrez e Maria Leve, que haxa unha parella de mulleres que saibamos a rúa de Santiago na que viviron, ou pensaron en vivir, iso xa ten un grande valor non só a nivel do Reino de Galiza, senón a nivel europeo porque non hai información semellante. O caso do adiantado maior do Reino de Galiza e a súa relación co adiantado maior do Reino de León é moi valioso porque ten unha dimensión literaria moi forte, con sátiras moi traballadas que sabemos que tiñan música aínda que non a conservemos; e que ademais ten unha dimensión política e sabemos que ten relación da revolta contra Afonso o sabio. É moi difícil escoller porque tamén está a cantiga de amiga lésbica, moi interesante tanto polo que di como por como a intentaron modificar diferentes editores, que son os primeiros en mostrar que a identificaron como lésbica ao mudaren os pronomes de feminino para masculino. Só iso xa é interesante, mais ver esa cantiga é contexto tamén o é. E non esquezo os santos trans, pensar que nos conventos medievais se copiaban historias que trogloditas con poder do ano 2025 quererían poder queimar.
– P: Cómpre preguntarte tamén pola situación do galego, tanto polos datos do seu uso entre a poboación como por todo o que rodea á “renovación” do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e esa nova manifestación que convoca Queremos Galego para o 23 de febreiro en Santiago.
– CC: En primeiro lugar, moito orgullo polo traballo d’A Mesa e de Queremos Galego, se eu non fose socio d’A Mesa a día de hoxe, que o son, afiliaríame inmediatamente e animo á xente a que se afilie porque no paripé que organizou a Xunta sobre o plan de Normalización, cando Marcos Maceira e Celia Armas se ergueron para falar non é só que polas súas gorxas saísen as voces das persoas que amamos o galego, é que dalgún xeito o que dixeron podemos resumilo en catro palabras: o rei vai nu.
Que plan de normalización é se se está impondo unilateralmente sen contar co resto das forzas políticas e sociais? Iso que seriedade ten? Se houbese unha mínima vontade de mudar as cousas, o primeiro é escoitar os diferentes axentes sociais e forzas políticas, e estar disposto ou disposta a dialogar e conversas, e a escoitar tamén aos técnicos e técnicas. Nada disto se está facendo. De feito, están lexislando contra o galego. Se por vez primeira na historia non é preciso o coñecemento do galego nin para opositar na compañía pública dos nosos medios de comunicación que existe por algo. O conselleiro podería dicir, como Groucho Marx, aquilo de ‘a quen vas crer: a min ou aos teus ollos?’. Creamos aos nosos ollos. Merece unha reflexión que haxa persoas dispostas a lavarlle a cara aos verdugos do galego. Nestes momentos nos que están desprotexendo a nosa lingua nos diferentes ambientes sociais o que temos que facer é reclamar igualdade de oportunidades, que se garantan os nosos dereitos e que se cumpra coa lexislación, co Estatuto de Autonomía e cos tratados internacionais. Non temos que ser fatalistas, pero hai que constatar que estamos ante o desmantelamento da oficialidade da nosa lingua. (…)”

A Conferencia de Asociacións de Escritoras e Escritores expresa a súa solidariedade e o seu apoio ao escritor en lingua galega Carlos Callón ante as ameazas recibidas

A Conferencia de Asociacións de Escritoras e Escritores, composta por entidades autorais de todo o Estado que representan a case 9.000 escritoras/es e tradutoras/es, quere expresar o seu pleno apoio á Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega na defensa do escritor e activista Carlos Callón ante os ataques á súa persoa e a unha das súas obras nas redes sociais galegas.

A Conferencia fai súa a actitude da AELG, debido á gravidade das ameazas, nas que se manifesta, entre outras cousas, que o seu ensaio Vidas e Historias LGBT da Idade Media non poderá ser presentado.

A Conferencia de Asociacións de Escritoras e Escritores manifesta o seu apoio ao acto creativo e tamén ás achegas realizadas para a análise da diversidade e as identidades de xénero. Os posíbeis desacordos nunca poden conter ameazas, e as opinións diversas nunca poden buscar o silencio e a uniformidade.

A liberdade de expresión e de creación é un ben esencial das sociedades democráticas e está consagrada no artigo 20 da Constitución actual.

A celebración das diversidades e das identidades disidentes é algo que fortalece os nosos sistemas literarios. O achegamento á historia, intentando iluminar o esquecido, o oculto e o prohibido, será sempre motivo de alegría e debate para as nosas letras.

Desde a Conferencia saudamos un texto que quere investigar a diversidade e a identidade de xénero na historia e expresamos a nosa máis rotunda condena a quen buscan o silencio e o medo como instrumentos de debate, facendo uso da confrontación, a descualificación e o acoso.

Fan parte da Conferencia as seguintes entidades:
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Asociación Colegial de Escritores de España (ACE), Asociación de Escritores de Euskadi – Euskadito Idazleen Elkartea (AEE-EIE), Asociación Valenciana de Escritores y Críticos Literarios (CLAVE), Asociación de Escritores y Escritoras de Extremadura (AEEX), Asociación Aragonesa de Escritores (AAE), Asociación Colegial de Escritores de Cataluña (ACEC), Asociación de Escritores de Castilla La Mancha (AECLM), Asociación Navarra de Escritores/as – Nafar Idazleen Elkartea (ANE-NIE), Sociedad Cántabra de Escritores (SCE), Nueva Asociación Canaria de Escritores (NACE), Asociación de Escritores y Escritoras de Asturias (AEA), Asociación Riojana de Escritores (ARE), Associació d’Escriptors en Llengua Catalana (AELC).

Carlos Callón, autor de Vidas e historias LGBT da Idade Media: “O pasado tamén fala do presente, e iso incomoda”

Entrevista de Alba A. Freixanes a Carlos Callón en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Que podemos descubrir sobre a historia da Galiza con este libro?
– Carlos Callón (CC): A obra achega ángulos sorprendentes sobre a historia da Galiza. Amósase documentación que non estaba oculta mais na que normalmente non se repara; de maneira que rompe cos esquemas do que podemos pensar sobre a Idade Media puritana e exclusivamente cristiá.
Cando se publicou un adianto do libro no Sermos Galiza, a resposta que se recibiu foi moi… “intensa”. Isto demostra que cando falamos do pasado en realidade tamén estamos a falar do presente e do futuro; iso é o que realmente incomoda a moita xente. Trátase de persoas que pensan que a dimensión LGBT do ser humano é algo que só se dá no presente e hai que “soportar”, mais que non existía onte, ao contrario do que mostran as imaxes e documentos escritos que nos achegan esa visión plural do pasado, rompendo os prexuízos de quen queren ler e atender o que di a documentación. A ignorancia é libre.
– ND: Por que decidiu embarcarse nun proxecto como este?
– CC: Cando estaba rematando os estudos na universidade comecei a investigar sobre estes temas, mais nun inicio pensaba que só atoparía os clásicos textos condenatorios. A miña sorpresa foi que me acabei atopando cunha avalancha de documentación con textos lésbicos, da historia da transexualidade, sobre a homosexualidade masculina… mais con visións completamente distintas do que entendemos hoxe como a mentalidade propia da Idade Media. (…)”

Carlos Callón denuncia unha “forte campaña de acoso”

Desde Nós Diario:
“Xa está nas librarías Vidas e historias LGBT da Idade Media (Edicións Xerais), o último ensaio publicado por Carlos Callón, profesor no instituto San Clemente e na Universidade de Santiago de Compostela. Antes da súa publicación, apareceu xa como “un libro que incomoda”, pois recibiu unha “forte campaña de acoso” nas redes sociais, só con anunciar o título e adiantar un capítulo (sobre historias santas trans copiadas en galego-portugués) no semanario Sermos Galiza.
O autor valorou esta segunda feira en conferencia de imprensa que “recibir todos estes insultos antes de que o libro saíse e se puidese ler é a mellor proba da súa necesidade”, mais “a intimidación e a censura non van vencer”. Asegurou que “recuperar as voces esquecidas da historia incomoda a quen prefire o silencio e a distorsión”.
Para Callón, “compróbase moi ben aquí que, cando falamos do pasado, falamos do presente” e “este libro é tamén un espello que amosa que aínda temos que avanzar contra a intolerancia e a censura”. Como resposta aos ataques, a primeira presentación deste libro vai ser esta quinta feira ás 20 horas na libraría Couceiro de de Compostela. “Será un acto en que intervirá tamén Daniela Ferrández, profesora de Historia na USC, e que está pensado non só para lanzar o volume, senón tamén como un evento de defensa da liberdade de investigación e de expresión”.
A pesar dos ataques, Carlos Callón pediu “que o odio non eclipse a convivencia” e agradeceu os “centos de persoas e entidades” que se posicionaron publicamente en apoio. Entre elas, citou a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), o movemento LGBT galego, Avante LGBT, a Rede Galega de Estudos Queer, Amnistía Internacional de Vigo, o Bloque Nacionalista Galego, dirixentes do PSdeG e a revista Andaina–Asociación Galega da Muller.
Carlos Callón comezou a investigar sobre o tema cando aínda era un estudante e, de feito, publicou o primeiro artigo académico sobre a cuestión a finais do século pasado, en 1999. Desde aquela, “a miña sorpresa ao encontrar documentos sobre os que nunca escoitara falar levaron a que quixese saber máis, e funme atopando con libros e arquivos que quebraban os esquemas sobre a Idade Media puritana e só guiada pola relixión, que tanto nos furabolaron na cabeza”. (…)”

Comunicado da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) en apoio a Carlos Callón

O Consello Directivo da AELG quere facer público o seu apoio e amparo ao escritor e activista Carlos Callón ante os ataques cara á súa persoa e unha das súas obras nas redes sociais.

A AELG toma esta decisión ante a gravidade das ameazas nas que se manifesta, entre outras cousas, que o seu ensaio Vidas e historias LGBT da Idade Media non vai poder ser presentado.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega fai constar o seu apoio ao acto creador e tamén ás achegas que se fagan a prol da análise das diversidades e das identidades de xénero. As posíbeis discrepancias xamais poden conter ameazas e as visións diversas nunca poden procurar o silencio e a uniformidade.

A celebración das diversidades e das identidades disidentes é algo que fai máis forte o noso sistema literario. A aproximación á nosa historia, tentando iluminar o esquecido, o oculto e o proscrito, será sempre motivo de ledicia e de debate para as nosas letras.

Desde a AELG damos a benvida a un texto que quere indagar sobre a diversidade e a identidade de xénero ao longo da nosa historia e expresamos a nosa máis enérxica repulsa a quen procure o silencio e o medo como instrumentos de debate.

Esta situación está xa en mans da asesoría xurídica da nosa entidade, para que poida apoiar o autor tamén desde ese punto de vista.