Tabela dos Libros de febreiro de 2015, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Como cada comezo de mes, na Tabela dos Libros danse a coñecer os volumes que Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

2015_febreiro_tabela

Xente ao lonxe regresa ás librerías coas pasaxes mutiladas pola censura

ReportaxeEduardo Blanco Amor de Xesús Fraga en La Voz de Galicia:
“Dende a súa primeira publicación en 1972, Xente ao lonxe foi reeditada en arredor de quince edicións, mais en todas o texto estaba «non pouco esfolado», segundo a advertencia do propio Eduardo Blanco Amor (1897-1979) no libro. O escritor facía así referencia sutil ás tesoiras da censura, que mutilaran un texto que consideraba un «exercicio de lingoaxe» para escribir do seu tempo: non en van a novela tivera que superar no segundo intento as reticencias dos censores franquistas, que deixaran fóra significativas pasaxes por cuestións políticas, morais e relixiosas.
Agora, máis de corenta anos despois, chega ás librerías a versión restaurada de Xente ao lonxe (Galaxia) nunha edición a cargo de Xosé Manuel Dasilva, quen tamén se ocupou de devolver o espírito orixinal a outra das grandes obras de Blanco Amor, A esmorga. Dasilva asina ademais un esclarecedor e minucioso epílogo que relata as vicisitudes da novela ante a censura e dá a clave de por que agora ve a luz esta «versión verdadeira», a diferenza do caso de A esmorga, no que se restituíu a primeira edición arxentina sen censura: «A descuberta venturosa dunha copia orixinal mecanografada, á que nos conduciu o expediente de censura da obra, onde está o texto que Blanco Amor desexou tirar do prelo e, por imperativo da censura, non puido». Hoxe en mans privadas, esta versión do orixinal foi considerada polo escritor como testamentaria, como proba a anotación autógrafa no folio de cuberta: «Original total. Tachadas nil as ouxecións da censura». (…)
A censura encargou un terceiro informe, que, malia destacar os seus «interesantes valores literarios en cuanto al enriquecimiento del idioma gallego y a la descripción de su carácter y costumbres», a consideraba «no autorizable, aunque fácilmente el autor podría revisarla». Dende Galaxia, Francisco Fernández del Riego comunícalle «con fonda mágoa e disgusto» a noticia a Blanco Amor, quen se laia do que considera unha discriminación inxusta, que exemplifica, entre outras obras, co San Camilo de Cela: «Por lo visto cuenta con bula». Aconsellado por Del Riego e Paz Andrade, un reticente Blanco Amor reformulou o texto, que acadou en decembro de 1971 a autorización da censura, malia conter aínda «blasfemias, palabras y frases obscenas, conversaciones eróticas entre muchachos sumamente atrevidas…». O censor admitía a súa benevolencia porque «la obra está en gallego y su difusión será escasa». Aparecería por fin en 1972. Dende entón, leva vendidos milleiros de exemplares. Agora, restaurada, inicia unha nova xeira.”