Entrevista de Sergio Álvarez a Mercedes Queixas

Entrevista de Sergio Álvarez a Mercedes Queixas no seu blog:
“(…) – Sergio Álvarez (SA): Como surxiu o teu interese polo que fas?
– Mercedes Queixas (MQ): A curiosidade ten un papel moi importante en todo o que facemos. O encontro con persoas referentes tamén. A miña vocación como docente naceu xa no instituto precisamente grazas a profesorado referente para min. Á literatura e á escrita tamén cheguei por convite de persoas referentes que sempre me animaron a superar as miñas inseguridades.
– SA: Algún novo proxecto en mente?
– MQ: Nesta altura comeza a campaña de presentacións do último libro que asino en coautoría co poeta Xoán Carlos Domínguez Alberte, publicado por Edicións Laiovento, un poemario que naceu, sen prevelo inicialmente, ao longo dunha conversa de varios anos que fomos mantendo os dous a través do correo electrónico e que quere ser lembranza do joc partit das nosas cantigas medievais.
En mente e en gabetas e arquivos sempre hai proxectos, mais dos que, por pudor, nunca gusto de falar até que están ben concretos e avanzados.
– SA: Cal foi teu proxecto mais destacado?
– MQ: O máis destacado para min a nivel persoal e creativo foron dous. O primeiro, a biografía da poeta viguesa María do Carme Kruckenberg Sanjurjo, Vivir, unha aventura irrepetíbel, que escribín a partir de múltiples conversas con ela propia e viu a luz na editorial Galaxia. O segundo, o relato infantil Xandra, a landra que quería voar, editado en Urco, que me permitiu partillar ilusións e soños de novo co público infantil.”

Entrevista sobre Partituras con Xoán Carlos Domínguez Alberte e Mercedes Queixas

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Entrevista con Xoán Carlos Domínguez Alberte e Mercedes Queixas arredor do seu libro Partituras, publicado por Laiovento. Pode escoitarse aquí.”

Feira do Libro da Coruña 2019: actividades literarias destacadas do 10 e 11 de agosto

O 11 de agosto finaliza a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes días:

Sábado 10
13:00 h. “A diversidade sexual na literatura escrita por mulleres”. Conversan Eli Ríos, Emma Pedreira, María Reimóndez e Andrea Nunes. Modera Bárbara G. Vilariño.
18:00 h. Presentación de Os tempos e o clima de Galicia, de Alberto Martí, Juan José Taboada, Dominic Royé e Xavier Fonseca, publicado por Xerais.
19:00 h. Inma López Silva asina Chámame señora, pero trátame coma a un señor, na caseta de Moito Conto.
19:00 h. Presentación de Aprende Banda Deseñada con Fiz, de Kiko da Silva, publicado por Xerais. Ao remate sinatura de exemplares.
19:00 h. Ana Pillado Vega asina En efecto bolboreta, publicado por Fervenza, na caseta da Libraría Pedreira.
19:00 h. Miguelanxo Lar asina Latinoeuropa, na caseta do Consorcio.
19:00 h. “Os contos de Pablísimo” (3-10 anos). Contacontos da tradición oral con O Paroleiro.
19:30 h. Antonio Manuel Fraga asina O bestiario científico de Anxos Nogueirosa, na caseta de Moito Conto.
19:30 h. Narciso de Gabriel asina Elisa e Marcela, na caseta da Libraría Lume.
19:30 h. Paco Nogueiras asina Radio Bule Bule e Brinca vai! na caseta da Libraría Cartabón.
19:30 h. David Rubín asina O salón de te oso malaio, na caseta da Libraría Kómic.
20:30 h. Cantos de traballo das mulleres do mar, banda sonora da novela A gran travesía de Chiruca Macallás, de Xurxo Souto, publicado por Xerais. Ao remate sinatura de exemplares.

Domingo 11
12:00 h. Juana de Ibarbourou, O Doce Miragre, un poema que rega Rosalía de Castro? Espazo ArteAcción pola Deputación da Coruña.
13:00 h. Presentación de Partituras, de Xoán Carlos Domínguez Alberte e Mercedes Queixas, publicado por Laiovento.
18:00 h. Presentación de Na patria dos días, libro de homenaxe a Xulio López Valcárcel, publicado por Espiral Maior. Interveñen o autor, Diana Varela, Luciano Rodríguez e Miguel Anxo Fernán-Vello.
18:00 h. “Superando os nosos medos con Augusta”. Obradoiro literario con Sabela Fernández Trelles.
19:00 h. Ledicia Costas asina na caseta da Libraría Moito Conto.
19:30 h. Isabel Villanueva asina O galego mola na caseta de Hércules de Edicións.
19:45 h. Presentación de Pinturas de guerra, de Ángel de la Calle, traducido por Isabel Soto, publicado por Retranca, coa participación de Kiko da Silva.
20:00 h. Manuel Rivas asina na caseta da Libraría Moito Conto.

Crónica videográfica do Parlamento de Escritoras-es (III)

O Parlamento de Escritoras-es. Identidade e dereitos civís desde a escrita foi unha actividade da AELG, co apoio do Concello de Pontevedra e CEDRO, que tivo lugar os 15 e 16 de marzo de 2019, en Pontevedra.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:

Presentación das conclusións das mesas redondas e grupos de traballo:

Debate sobre as conclusións das mesas redondas e grupos de traballo:

Pontevedra: Parlamento de Escritoras-es. Identidade e dereitos civís desde a escrita, os 15 e 16 de marzo

O Parlamento de Escritoras-es. Identidade e dereitos civís desde a escrita é unha actividade da AELG, co apoio do Concello de Pontevedra e CEDRO, que terá lugar os 15 e 16 de marzo de 2019, en Pontevedra.

Con esta actividade preténdese reflexionar, nun momento de especial gravidade no relativo á vulneración na Galiza e no Estado español de dereitos culturais, sociais, políticos, etc., sobre a vinculación entre a escrita literaria e a defensa dos dereitos civís e identitarios, da xustiza social e da liberdade de expresión nas súas máis diversas formas. A defensa destes dereitos humanos é a cerna dos valores irrenunciábeis, que guiarán este parlamento na súa temática e convocatoria, así como nas súas reivindicacións e pronunciamentos.

PROGRAMA

Venres 15 de marzo no Pazo Mugartegui (Praza da Pedreira). Entrada libre e gratuíta até completar o aforo.

Tarde

16:30 Mesa redonda. Liberdades civís e dereitos nacionais. Moderador: Cesáreo Sánchez Iglesias (presidente da AELG).
– Relatoras-es: Carme Adán (ensaísta e filósofa), Laura Mintegi (narradora vasca) e Clàudia Pujol (novelista e historiadora catalá, da directiva do Òmnium Cultural).

18:30 Mesa redonda. Violencia institucional, violencia estrutural na sociedade. Moderadora: Mercedes Queixas (secretaria xeral da AELG).
– Relatoras-es: Joan Elies Adell Pitarch (poeta, tradutor, filólogo e director da Institució de les Lletres Catalanes), Ana Luísa Amaral (poeta portuguesa) e Suso de Toro (narrador e ensaísta).

Sábado 16 de marzo

Mañá. Pazo da Cultura. Seminarios 2 e 3. (Rúa Alexandre Bóveda, s/n.).

10:30 a 12:00. Grupo de traballo Feminismos. Identidades. Coordinadora: Marta Dacosta.
– Relatoras-es: Daniel Asorey, María Reimóndez e Antía Yáñez.

10:30 a 12:00. Grupo de traballo Desposesión da terra e da identidade. As migracións de hoxe. A emigración galega no século XXI. Coordinador: Xoán Carlos Domínguez Alberte.
– Relatoras-es: Ana Acuña, Vicente Araguas e Afonso Becerra. Incluiranse comunicacións escritas de varias persoas residentes fóra de Galiza, para completar a perspectiva deste grupo de traballo (María Alonso Alonso e Helena Miguélez-Carballeira).

12:30 a 14:00. Grupo de traballo Lingua e patrimonio cultural. Papel do/a creador/a na sociedade actual e exercicio de dereitos nacionais. Coordinador: Antonio Reigosa.
– Relatoras-es: Pilar García Negro, David Otero e Diana Varela Puñal.

12:30 a 14:00. Grupo de traballo Cultura, medios de comunicación e poderes. A literatura e a creación/expresión literaria como ferramenta construtora dunha sociedade libre. Coordinadora: Rosalía Fernández Rial.
– Relatoras-es: Manuel Bragado, Camilo Franco e Ana Romaní.

Tarde. Teatro Principal (Rúa Paio Gómez Chariño, 6). Entrada libre e gratuíta até completar o aforo.

17:00 a 19:00 Lectura e debate das achegas das mesas e grupos de traballo anteriores. Cesáreo Sánchez, Mercedes Queixas, e as/os coordinadoras/es dos grupos de traballo da mañá.

19:30 Acto literario e musical. Con Xosé María Álvarez Cáccamo, Tamara Andrés, Marica Campo, Berta Dávila, Estíbaliz Espinosa, Antonio García Teijeiro, Antía Otero, Eli Ríos, Manuel Rivas, Xavier Seoane e Rafa Vilar. Conducen: Aldaolado (Lucía Aldao e María Lado).