Pilar García Negro: “A virtude do xenio rosaliano é quen de converter estes primeiros ensaios e tentativas en obra feita e dereita”

Entrevista de Xoán Costa a Pilar García Negro en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Cantares gallegos é a obra fundacional da literatura galega contemporánea. Obviamente non nace do nada…
– Pilar García Negro (PGN): Os denominados séculos escuros (que cada vez o son menos, por novos achados que dan fe da permanencia dun fío de galego como lingua escrita) coñecen a súa ruptura co uso propositado do galego desde os primeiros anos do século XIX: literatura histórica, utilitaria, poética…, en verso e en prosa. Son as primeiras tentativas de emerxencia da lingua na letra escrita e publicada, ao calor dun despertar da conciencia patriótica que, no ecuador do século (1846; 1856) contará con fitos significativos que adquiren grande valor simbólico (Mártires de Carral; Banquete de Conxo). Con todo, a norma e o paradigma son os do español. Rosalía de Castro practica unha fusión extraordinaria: reivindicación patriótica-uso da lingua galega ao servizo dun libro unitario-elaboración dunha literatura culta, que beneficia toda a riqueza e especificidade da literatura popular, celebrándoa mais reintepretándoa para liberala do corsé etnográfico, e elevala, co máis depurado estilo, á altura dunha cultura viva e merecente de ser coñecida e respeitada, sen deixar de marcar sempre a súa pegada autorial, como muller e galega consciente das necesidades e problemas da súa nación.
– ND: Cais son os precedentes?
– PGN: Os antecedentes máis importantes son: Proezas de Galicia (1810), de Xosé Fernández Neira; a publicación do Álbum de la Caridad (1862) derivada dos Xogos Florais da cidade da Coruña do ano anterior (colección onde ela figura con seis poemas, cinco dos cais pasarán a Cantares…); a fundamental obra de Xoán Manuel Pintos A gaita gallega (1853) e, desde logo, poemas de Francisco Añón, Alberto Camino ou a estrea de Eduardo Pondal: “A campana de Anllóns” (1858). Como xa indiquei, a virtude do xenio rosaliano é quen de converter estes primeiros ensaios e tentativas en obra feita e dereita: independente, non complementar da literatura española.
– ND: A quen se dirixe a obra e con que pretensións?
– PGN: Loxicamente, a quen podía lela, en primeiro lugar, visto o elevadísimo analfabetismo reinante, isto é, ao público letrado galego para o animar ao coñecemento e defensa do seu país; ao público español, como antídoto firme contra a galegofobia. A partir da 2ª edición (1872), circulou como un maná sobre todo entre galegos emigrados en Madrid e en Ultramar. Chegan a circular copias ou recitados, segundo lembra Murguía, dando poemas por anónimos populares, tal era a mestría en captar a práctica social, psicolóxica e cultural do seu povo. (…)”