Camiño ao mar é o titulo do novo libro de poesía de X. H. Rivadulla Corcón, que edita Auga Editora, e serve como base para o espectáculo poético do mesmo título, onde o poeta estará acompañado polo trompetista cubano Franky Valencia. Será próximo sábado 29, no Salón de Actos do Voluntariado de Muxía.
Camiño ao mar de X. H. Rivadulla Corcón, é un poemario narrativo, no que un mariñeiro que vive de vagabundo en Compostela, atopa unha gaivota morta na Quintana dos Mortos, e este feito motívao para iniciar a viaxe de regreso ao seu mundo, o mar, coa intención de enterrar unha pluma desa gaivota nunha praia da Costa da Morte. A viaxe transcorre a través do Camiño Xacobeo de Santiago-Fisterra-Muxía. En realidade trátase dunha viaxe na procura da verdade interior do vagabundo.
O poemario está estruturado en cinco partes, compostas cada unha delas por un poema longo de 126 versos cada un. A primeira parte refírese a cidade de Compostela, e as outras catro aluden cada unha as catro etapas que tradicionalmente configuran a rota Xacobea a Fisterra e Muxía.

«Durante tres sábados, entre o 7 e o 21 de xuño de 2008, o proxecto didáctico «Ven coidar a nosa natureza con Claudia», organizado pola Fundación Sotelo Blanco, en colaboración coa Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia e Área Central, buscará promover entre os máis pequenos a necesidade de coidar e respetar o medio natural a través dun programa de teatro, contacontos e outras animacións baseados no libro do autor X. H. Rivadulla Corcón O sorriso de Claudia.