O
venres 19 de agosto, ás 21:00 horas, na Praza do Cabo da Vila de Muxía (en caso de choiva, a cita trasladaríase ao Salón de Actos), preséntase o libro As crebas, de Miro Villar, publicado en Espiral Maior e premiado co XIII Premio de Poesía Concello de Carral. No acto participan, acompañando ao autor, Félix Porto, Xosé Henrique Rivadulla Corcón e Alexandre Nerium.
Arquivos da etiqueta: Xosé Henrique Rivadulla Corcón
Carril: presentación de Tamén navegar
O
sábado 2 de xullo, ás 19:00 h., dentro do X Encontro de Embarcacións Tradicionais en Carril, preséntase o poemario Tamén navegar, antoloxía de poesía galega dedicada á carpintería de ribeira e ás embarcacións tradicionais, en edición a cargo de Francisco X. Fernández Naval, e publicado en Toxosoutos. Ao rematar o acto haberá un recital poético no que intervirán Marta Dacosta, Miro Villar, Ramón Caride, Xosé María Álvarez Cáccamo, Anxo Angueira, Henrique Rivadulla Corcón, Carlos Arias e Cesáreo Sánchez.
X. H. Rivadulla Corcón: “Baixo a cunca do café”
Entrevista
a X. H. Rivadulla Corcón en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): Que relación tiveches con Uxío Novoneyra? Que recordos tes del e por que te marcou tanto?
– X. H. Rivadulla Corcón (XHRC): Tivemos unha amizade que eu me atrevo a cualificar de intensa. Foi na época dos seus primeiros anos en Compostela, pois eu daquela vivía nesa cidade. Ía moito á súa casa e sobre todo paseabamos moito polo Franco e a Alameda. Creo que aprendín con el moito máis do que podo imaxinar: aprendín que un ten que esforzarse por ser un home bo e fiel á súa idea da vida. Son totalmente debedor da súa poesía, non tanto da forma como do concepto que el tiña da poesía, ese concepto esencial de que a poesía ten que ser sempre verdadeira. Sempre levarei no meu corazón a miña gratitude á súa persoa por permitirme camiñar ao seu lado polas rúas de Compostela. Moitas veces sentíame como se fose o seu escudeiro.
– GH: Por que o libro Memorias dun neno labrego foi unha influencia tan importante para ti e para a túa obra?
– XHRC: Non só Memorias dun neno labrego, tamén No cadeixo de Paco Martín e Os dous de sempre de Castelao. Lin eses tres libros con 14 anos, e supuxeron a miña entrada na literatura galega. Na escola de finais dos sesenta e a principios dos setenta non nos facían ler en galego, pero en Muxía si, porque alí estaba de mestre o escritor Xoán Babarro, e os meus amigos muxiáns foron os que me pasaron eses libros. Eu espertei á realidade do meu pobo a través deses libros, e lembro perfectamente que despois de lelos quixen ser escritor.”
A Coruña: Caruncho, sete momentos. Homenaxe dos poetas a Luís Caruncho
Crónica posterior en Galicia Hoxe.
Muxía: Acto fundacional da Fundación Gonzalo López Abente
O
sábado 29 de xaneiro, ás 11:30 h., no salón de plenos do Concello de Muxía, terá lugar o acto fundacional da Fundación Gonzalo López Abente, que nace co fin de poñer en valor a obra e a figura do escritor Gonzalo López Abente (Muxía 1878-1963), e con vocación de ser un foco de irradiación de actividade cultural para toda a Costa da Morte. Farán a presentación Félix Porto, Alcalde de Muxía e Presidente da Fundación, e X. H. Rivadulla Corcón, Vicepresidente. Logo farase a sinatura da acta fundacional por parte dos representantes das institucións que forman parte do Padroado: Deputación da Coruña, Real Academia Galega, Universidade da Coruña, Universidade de Santiago, Consello da Cultura Galega, Asociación de Escritores en Lingua Galega e PEN Clube de Galicia, tras o que o poeta e escritor Miro Villar, membro da Comisión Executiva da Fundación, fará o laudatorio de López Abente. A continuación os asistentes trasladaranse ao cemiterio para facer unha ofrenda floral -a cargo dos familiares- diante da tumba do poeta nun acto presentado por Xesús Sambade, membro da Comisión Executiva da Fundación, e lectura de poemas de López Abente por: X. H. Rivadulla Corcón, Miro Villar, Luís González Tosar (presidente do PEN Clube de Galicia), Cesáreo Sánchez Iglesias (presidente da AELG) e Xosé Luís Méndez Ferrín (presidente da RAG). Os actos continuarán coa visita á sede da Fundación (Casa das Beiras) onde será interpretado pola Coral Virxe da Barca o himno á Virxe da Barca (obra de López Abente) por primeira vez en galego, xa que nos anos 50 prohibíuselle escribilo en galego, e agora como acto de xustiza fíxose a tradución, rematándose cun ágape de confraternización para os asistentes. Crónica posterior en Galicia Hoxe.
Henrique Rivadulla Corcón: “A parálise do audiovisual é dramática”
Entrevista
a Henrique Rivadulla Corcón no Xornal de Galicia:
“Xornal (X): Que nos achega Rivadulla Corcón neste nova obra (Os papeis do vagabundo)?
Henrique Rivadulla Corcón (HRC): É un libro que continúa a mesma liña dos anteriores en dúas constantes. A primeira é o mundo mariñeiro e a segunda é ese concepto de vagabundo que tanto me atrae, xa que ese mariñeiro é ao mesmo tempo un vagabundo. É unha obra cun carácter moi narrativo, aínda que esteamos ante un feixe de poemas. Neste libro atopamos, por outra banda, unha diferenza cos anteriores. Normalmente, eu ambiento as miñas obras en Muxía, pero nesta ocasión regreso ao meu barrio natal, ao barrio de Monte Alto. (…)
X: O libro escribiuse cando o debate da memoria histórica estaba en pleno apoxeo. Os autores sérvense deste tema por pura atracción literaria ou segue a conservar un valor reivindicativo?
HRC: Ten un pouco das dúas cousas, pero o poso reivindicativo é moi importante. Falamos de ficción, pero hai unha realidade que truncou moitas vidas e que segue a afectar as persoas que a viviron, os seus fillos e os seus netos. Nós posicionámonos contra iso e escribimos para que se lembre o que pasou e como pasou. É unha forma de achegar algo a que iso non se volva repetir. Iso é moi importante cando hai sectores sociais que están a dicir sempre cousas como que iso xa está cerrado, que non se pode volver o pasado ou que non se debe falar diso. Non estamos de acordo con iso, por ese motivo escribimos esa historia.”
Santiago: presentación de Os papeis do vagabundo, de Xosé Henrique Rivadulla Corcón
O mércores
1 de decembro, a partir das 20:00 h., na Libraría Pedreira (Rúa do Home Santo, 55) de Santiago de Compostela, preséntase o poemario Os papeis do vagabundo, de Xosé Henrique Rivadulla Corcón, publicado en Espiral Maior. No acto, ademais do autor, participan Miguel Anxo Fernán-Vello e Teresa Moure.
A Coruña: presentación de Os papeis do vagabundo, de Xosé Henrique Rivadulla Corcón
O martes
30 de novembro, a partir das 20:00 h., no local da Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, preséntase o poemario Os papeis do vagabundo, de Xosé Henrique Rivadulla Corcón, publicado en Espiral Maior. No acto, ademais do autor, participan Miguel Anxo Fernán-Vello e Xavier Seoane.
Santiago: recital poético-musical Camiños de amor e lúa, no CGAC
O venres 2 de xullo, ás 22:45 h., no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), terá lugar o acto de clausura do espectáculo poético Camiños de amor e lúa, que visitou 30 concellos dos distintos camiños de Santiago en Galiza. No acto recitaran os poetas: Xosé Carlos Caneiro, María Canosa, Olalla Cociña, María Lado, e X. H. Rivadulla Corcón. Acompañados polos músicos: Bernardo Martinez, Willy Mondeja, Xosé Manuel Salgado, Miguel Seoane e Franky Valencia. Camiños de amor e lúa é unha experiencia poética patrocinada pola Sociedade de Xestión Xacobeo 2010, e encadrada dentro do programa do Ano da Lectura desenvolvido pola Dirección Xeral de Promoción e Difusión Cultural, coa que se buscou que no ano xacobeo a poesía tamén fose protagonista. Máis información aquí.
Santiago: presentación de Camiño ao mar, de X. H. Rivadulla Corcón
Este martes 22 de xuño, ás 21:30 horas, presentarase o libro de X. H. Rivadulla Corcón, Camiño ao mar, no marco do I Encontro internacional sobre literatura de Viaxes (LITVI 2010). O acto terá lugar nunha carpa instalada no paseo central da Alameda, en Santiago de Compostela. A presentación correrá a cargo da escritora Anxos Sumai, e o autor dará un recital poético acompañado polo trompetista Franky Valencia.
Camiño ao mar de X. H. Rivadulla Corcón, é un poemario narrativo, no que un mariñeiro que vive de vagabundo en Compostela, atopa unha gaivota morta na Quintana dos Mortos, e este feito motívao para iniciar a viaxe de regreso ao seu mundo, o mar, coa intención de enterrar unha pluma desa gaivota nunha praia da Costa da Morte. A viaxe transcorre a través do Camiño Xacobeo de Santiago-Fisterra-Muxía. En realidade trátase dunha viaxe na procura da verdade interior do vagabundo.
O poemario está estruturado en cinco partes, compostas cada unha delas por un poema longo de 126 versos cada un. A primeira parte refírese a cidade de Compostela, e as outras catro aluden cada unha as catro etapas que tradicionalmente configuran a rota Xacobea a Fisterra e Muxía.
