Arquivos da etiqueta: Xosé Luís Regueira Fernández
Ledicia Costas e Xosé Fernández gañan o premio Antón Losada Diéguez 2016
Desde Faro de Vigo:
“Ledicia Costas foi a gañadora do Premio Antón Losada Diéguez, coa súa obra Un animal chamado néboa, no apartado de creación literaria. No de investigación e ensaio correspondeu a Xosé Fernández Fernández, polo seu libro Vicente Risco. Mestre de mestres. A decisión foi adoptada por unanimidade, no primeiro caso, e por maioría no segundo, despois dun intenso debate, debido á alta calidade das obras presentadas.
O xurado considera que os relatos de Un animal chamado néboa “conseguen demostrar a condición global da memoria dos traumas da nosa historia recente, grazas a un uso de innumerables fontes documentais. A autora ofrece unha crónica do mellor e do peor da condición humana”. E destaca que as historias que forman este libro “suscitan en nós un abano de emocións que chegan a deixarnos case sen alento”. (…)
O xurado reuniuse na Casa do Concello de Boborás para proceder ao fallo da XXXI Edición do Premio Antón Losada Diéguez. Estaba integrado por Ana Patricia Torres Madureira, Diego Fernández Nogueira, Xosé Luís Regueira Fernández, Pegerto Saavedra Fernández, Francisco Calo Lourido, Manuel Doval Soto, Dolores Vilavedra e Xosé Ramón Freixeiro Mato, como vogais. Actuou como secretario Fernando Torre Comesaña. Non puido asistir á reunión Xosé Henrique Costas González.”