Xosé Manuel Pacho Blanco: “Na cultura galega hai moita autocensura”

Entrevista a Xosé Manuel Pacho Blanco en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): Pois, volvendo ao tema argumental [de Paraísos, obra gañadora do V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico], que pasou entón coas dúas mulleres que falaban?
– Xosé Manuel Pacho Blanco (XMPB): Pois a xornalista está pensando en deixar a profesión. Volven cortar a obra e un teletipo informa de que o rei non sufriu un atentado senón un accidente de coche mentres estaba en Mallorca co seu Ferrari testarossa. Vólvese cortar e aparece unha segunda historia na que un xornalista entrevista a Roberto Bolaño, o escritor chileno. Empeza cun texto que di: “O mundo está cheo de idiotas e neste sentido non hai unha diferenza de xénero. Tanto homes como mulleres comparten a mesma porcentaxe”. (…)
– GH: E o epílogo?
– XMPB: Todos os feitos e persoas que aparecen nesta peza son inventados froitos da invención do escritor: non existe ningún dos personaxes nin dos narradores; non existe un rei, iso só acontece nos contos, atentaría contra calquera democracia; tampouco existe Ciudad Juárez nin os seus mortos; tampouco Roberto Bolaño; nin a radio; nin a demencia senil; nin a tristeza; nin a felicidade; só a música e as palabras.
– GH: Entre tanta moleza e simulacro dará medrado algún día na sociedade galega o espírito punki ou provocador?
– XMPB: Eu creo que se algún sentido ten a creación é cuestionar a realidade e ser subversiva. Ten que enfrontarse ao que non gusta da sociedade e ser crítico. Penso que na cultura galega e na cultura española hai moita autocensura. É normal. Pode soar grandilocuente, pero se te paras a pensar nas editoras, nos medios de comunicación hai bastante covardía. Que un avogado se autocensure podo entendelo, pero que un artista se autocensure non. A cultura galega e a cultura española son moi condescendentes con elas mesmas.”

Xosé Manuel Pacho Blanco gaña o Premio de Teatro Radiofónico Diario Cultural da Radio Galega con Paraísos

Xosé Manuel Pacho Blanco gañou o Premio de Teatro Radiofónico Diario Cultural da Radio Galega con Paraísos, unha obra da que o xurado (composto por Ana Romaní, Anxo Quintela, Camilo Franco, Ana Vallés, Vanesa Martínez e Ana Rosales) salientou “o carácter aberto do texto, así coma a mestura e dominio de rexistros e modalidades, tanto da lingua oral coma da escrita, e o intelixente uso da tradición radiofónica de programas dramáticos. Tamén o axeitado aproveitamento dos recursos do medio radiofónico e o uso do fragmento, da cita e a suxestión como elementos dramáticos”. O premio entregarase o 3 de maio, nun acto no que se presentará a edición da obra en libro-cd, co texto e a dramatización da peza, da man de Edicións Xerais. Nese volume tamén se publicarán as tres obras finalistas: Como eliminar as manchas de vómito, de Eva Freixeira; Carne de canón, de Rebeca Montero; e Señora Carme, de Manuel Román. Vía A Nosa Terra. Tamén en Cultura Galega.