Toda a información aquí.
Arquivos da etiqueta: Zënzar
Santiago de Albá, Palas de Rei: estrea da curta musical Cortina, de Zënzar, con letra baseada no poema de Xosé María Díaz Castro, o mércores 29 de outubro
O mércores 29 de outubro, ás 17:00 horas, en Arqueixal (Santiago de Albá, Palas de Rei), estréase a curta musical Cortina, do grupo de rock Zënzar, con letra de Xosé María Díaz Castro e dirixida por Paco Gallego. No acto participan:
– Paco Gallego, director e guionista da curta.
– María Cajaraville, actriz protagonista.
– Juan Luís Rúa, foto fixa e iluminación.
– Luís Carrera, fundador de Arqueixal (ecoagroturismo).
– Afonso Blanco Torrado, profesor, amigo personal de Díaz Castro e fundador de A. C. Xermolos.
– Bocixa, Realizador e membro de Zënzar.
– Membros de Zënzar.
Degustaranse petiscos elaborados por O Milmañas, con produtos da aldea ecolóxicos e saudables: Caldo Pobre, Pataca rechea de horta de outono, tosta de pan de centeo, mazá e queixo, iogur con marmelada de amorodos e crocante de pan vello.
Prégase confirmar asistencia no correo electrónico x.bocixa@gmail.com ou no teléfono 620599007.
As novidades da cultura danse cita en Culturgal
Desde Sermos Galiza:
“O 29 e 30 de novembro máis o 1 de decembro, o Culturgal desenvolverase en Pontevedra e nel daranse cita a presentación de proxectos e iniciativas que o mundo da cultura depara para este remate do ano. En papel chegará ao recinto feiral do Pazo da Cultura a Revista Luzes con Manolo Rivas e Xosé Manuel Pereiro na dirección ou a revista Oink e proxectos infantís como CoraSons de Kalandraka ou Toc Toc de Galaxia. Ademais, a feira acollerá importantes novidades discográficas como o agardado disco de Caxade ou o de Mónica de Nut ademais da presentación en exclusiva o 30 de novembro do disco Galiza de Kepa Junkera acompañado dun grupo de músicos galegos colaboradores do proxecto.
No marco do Culturgal, mais na sala Karma, celebrarase o concerto de 25 aniversario de Zënzar nun programa que inclúe tamén o singular concerto para 111 bicicletas ideado polo Taller Atlántico Contemporáneo (TAC), recente gañador do Premio da Crítica, no que son as buguinas de ciclistas as encargadas de poñer o son.
O programa de Culturgal 2013 foi presentado en Pontevedra por parte de representantes institucionais e dos gremios que participan na organización da feira, coordinada por vez primeira por Xosé Manuel Aldea. O novo coordinador defendeu a “corresponsabilidade” como lema desta edición que incorpora a posibilidade de pagamento dunha entrada con carácter voluntario. Un 25% do programa resérvase para propostas emerxentes.
Como novidades da presente edición defínense os distintos espazos como Espazo libro, Espazo carpa, Espazo infantil, Espazo libro, Espazo tecnoloxía e Espazo cinema. A sala de cinema e unha carpa externa para espectáculos son dous dos principais cambios con respecto a anos anteriores en canto articulación do espazo.”