A Coruña: palestra A música folk na Galiza, con Baldomero Iglesias (Mero) e Xosé Luís Rivas (Mini)

A sexta feira 7 de abril, ás 19:30 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo), na Coruña, Baldomero Iglesias (Mero) e Xosé Luís Rivas (Mini) falarán, dentro do ciclo Língua, Literatura e Naçom, sobre A música folk na Galiza.

Lugo: actividades destacadas dos días 16 e 17 na Feira do Libro

A Feira do Libro de Lugo continúa as súas actividades (na Praza Maior, de 11:30 a 14:00 horas e de 17:30 a 21:00 h.), cos seguintes actos literarios destacados nestes dous días:

Xoves 16
19:00 h. Presentación do libro+cd+dvd De roda en roda. Música e danzas do mundo, de Suso Cancela, Pilar Sampil e Javier Jurado, publicado por Galaxia. Participarán no acto Francisco Castro e Pilar Sampil. Ao remate, haberá unha demostración de danzas do mundo a cargo de bailadores e bailadoras á que poderá sumarse todo o público que o desexe.
20:00 h. Presentación do libro As lambetadas dos Larpeiros, publicado por Galaxia, coa participación de Merche Rodal, autora do libro, Xosé Cermeño e Francisco Castro, representante da editorial.

Mércores 17
18:00 h. Festa poética Xistral. Recitado de poemas e lecturas de Roberto Vidal Bolaño a cargo de poetas colaboradores da revista Xistral e outros poetas lugueses. O acto terá lugar no Salón de Plenos do Concello, co acompañamento musical de zanfona, a cargo de Mini.
18:00 h. Actividade infantil. Ana Carreira representa Touporroutou, baseado na obra de teatro infantil de Roberto Vidal Bolaño.
19:00 h. O escritor Antonio Reigosa, presenta o seu libro O aprendiz de home do saco, publicado por Xerais. Xunto co autor, participará no acto Manuel Bragado, director xeral da editorial.
20:00 h. Presentación do libro Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, do escritor Ramón Nicolás, publicado por Xerais. Participarán no acto Luís Ferreiro, fillo do escritor, María Reimóndez, Manuel Bragado e o autor do libro.

Santiago: presentación de No papel que mudo escoita, de Baldomero Iglesias, Mero

O xoves 31 de maio, ás 20:00 horas, na Libraría Pedreira (Rúa do Home Santo) de Santiago de Compostela, preséntase o libro No papel que mudo escoita, de Baldomero Iglesias, Mero, publicado pola Irmandade Manuel María. No acto, xunto ao autor, participan Xosé Lois García, Mini Rivas, Xulio Xiz, Alfonso Blanco, David Otero e Sabela Arias, contando coa participación musical de Raúl Galego.

Mini e Mero reciben o Premio Ramón Piñeiro-Facer País

Mini e Mero, músicos, poetas, mestres e investigadores do patrimonio cultural galego, foron galardoados co Premio Ramón Piñeiro-Facer País na súa décima edición. Xosé Luís Rivas Cruz, Mini, e Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero, actuais compoñentes do grupo A Quenlla, formaron parte tamén de Fuxan os ventos. O xurado, integrado por representantes de 18 asociacións culturais da comarca de Sarria (Lugo) analizou e considerou 29 propostas. O premio foi instituído en 2002 pola Asociación Cultural Val de Láncara para recoñecer o labor senlleiro de persoas e entidades a prol de Galicia. O acto de entrega terá lugar en Láncara (Lugo) o vindeiro 15 de outubro. Os 18 membros do xurado, representantes doutras tantas asociacións culturais da comarca de Sarria, avaliaron o constante labor dos premiados, Mini e Mero, “a prol da creación e recreación do cancioneiro galego e de diferentes manifestacións do noso patrimonio inmaterial, participando de modo individual ou con diferentes grupos no proceso de dignificación e recuperación das máis diversas facetas da expresión musical, incoporando ao seu repertorio creacións de poetas clásicos e modernos xunto con obras propias que gozan de xeral aceptación”. Recoñeceron asemade “o compromiso profesional de Mini e Mero como educadores a prol da galeguización do ensino e dunha escola creadora e non alleante no medio rural” e salientaron “a constante e desinteresada colaboración que os premiados prestan a colectivos culturais tanto de Galicia como da diáspora, levando a mensaxe de loita e solidariedade coas xustas reivindicacións do noso pobo”. Subliñaron por último “a súa activa participación nas actividades de recuperación da memoria histórica”. Nesta décima edición a candidatura de Mini e Mero competiu con outras 28, propostas polas distintas asociacións que colaboran con “Val de Láncara” na organización e concesión do Premio Ramón Piñeiro-Facer País. Reseñado en Xornal, La Voz de Galicia, Cultura Galega.

Santiago: presentación dun libro de David Otero

O libro de David Otero Nun bambán de non virar baldo preséntase este venres 12 de marzo ás oito da tarde na Libraría Couceiro de Santiago (Praza de Cervantes, 6). No acto intervirán Avelino Pousa Antelo –mestre galeguista e presidente da Fundación Castelao–, Xoán Xosé Fernández Abella –mestre e poeta–, Mini e Mero –mestres, do grupo musical A Quenlla–, X. Amancio Liñares Giraut –director editorial de 3C3– e o propio autor.

Outeiro de Rei: xornada en lembranza de Manuel María

O vindeiro 8 de setembro en Outeiro de Rei celebrarase unha xornada baixo o título Memoria da Chaira enteira no cabodano de Manuel María. Ás 15:00 haberá un xantar, seguido ás 17:00 por un recital en Penas de Rodas e unha hora despois unha ofrenda floral no cemiterio. No campo de Santa Sabela, a carón no Miño, farase entrega da navalla ofrecida pola Fundación Manuel María e Xermolos a Xulio Xiz. En Santa Sabela haberá tamén un recital de poesía e música coa interpretación da obra de Manuel María por Miro Casabella, Mini e Mero e Tino Baz, entre outros. Para apuntarse ao xantar cómpre chamar ao teléfono 646413890.

Mini e Mero recibirán o Pedrón de Ouro o 24 de maio

O domingo 24 de maio ás 12:00 na Casa de Rosalía en Padrón terá lugar o acto de entrega do Pedrón de Ouro aos músicos e musicólogos Xosé Luís Rivas e Baldomero Iglesias, máis coñecidos como Mini e Mero. O galardón recoñece o traballo que levan realizando dende 1972 para recuperar e transmitir o patrimonio oral de Galicia.