Santiago: presentación da nova edición de Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas

O mércores 26 de xaneiro, ás 20:00 h., no Centro Social Novacaixagalicia (Praza de Cervantes, 17) de Santiago de Compostela, terá lugar a presentación da nova edición de Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, acto co que o Concello da cidade e a Editorial Galaxia conmemoran o 50 aniversario da publicación desta obra.  No acto participan Guadalupe Rodríguez Silva, Víctor F. Freixanes e o propio autor, contando tamén coa presenza do actor e director Cándido Pazó, quen fará un breve apuntamento escénico sobre o seu espectáculo baseado no libro, que se estreará no Salón Teatro de Santiago o 28 de xaneiro ás 20:30 h., onde permanecerá durante tres días. Aquí se pode descargar a presentación do espectáculo: Dossier Memoria das Memorias dun neno labrego. Crónica posterior en Galicia Hoxe e La Voz de Galicia.

Vilaboa, Culleredo: presentación do libro Mazás vermellas

O mércores 26 de xaneiro, ás 20:00 h., na Biblioteca de Poesía “Uxío Novoneyra” de Vila Melania (Vilaboa, Culleredo), preséntase o libro Mazás vermellas, editado por Espiral Maior e a Concellaría de Cultura de Culleredo, froito do II Taller de Poesía dirixido en 2010 por Miguel Anxo Fernán-Vello. No acto, que contará coa participación de Celestino Poza e o director do Taller, haberá un recital dos poemas recollidos na publicación, acompañado do Dúo de Guitarra e Voz do Conservatorio de Música de Culleredo.

Sotelo Blanco publica as obras premiadas no Premio Manuel Lueiro Rey de novela curta do 2010

A Editorial Sotelo Blanco publica os libros premiados na edición do 2010 do Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey: As horas rotas, de Chelo Suárez Muíños, e A pregunta perfecta (O caso Aira-Bolaño), de Juan Tallón, finalista do Premio.

Concursos para o manifesto e de banda deseñada para o Correlingua 2011

– Concurso para o Manifesto Correlingua 2011. A partir do lema Somos galego, o alumnado de Secundaria, en grupos, poderá elaborar o manifesto para o Correlingua 2011. Descargar aquí as bases.

– Concurso de Banda Deseñada Correlingua 2011. Os/as alumnos/as de Infantil e Primaria poden participar, en grupo, neste concurso de banda deseñada, tamén a partir do lema Somos galego. Descargar aquí as bases.

Nos dous casos, o prazo remata o 1 de febreiro de 2011.