Santiago: actividades do mércores 4 na Feira do Libro

Continúa a Feira do Libro de Santiago (no Paseo Central da Alameda) até o vindeiro domingo 8 de maio, con horarios de 11:30 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h., salvo no fin de semana, en que estará aberta de 11:30 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:30 h.
As actividades do mércores 4 son as seguintes:
– 18:00 h. Actividades para nenos. Contacontos a cargo de Brétema Animación.
– 19:00 h. Actuación do actor e humorista Cándido Pazó co seu monólogo Cunqueiradas.
– 20:00 h. Presentación do libro A palabra exacta. Biografía de Lois Pereiro, do escritor Antón Lopo, publicado por Galaxia. Xunto co autor, participan no acto Carlos Lema, director de edicións de Galaxia e o xornalista Xosé Manuel Pereiro.

– 21:15 h. Sorteo dun lote de libros.

A Coruña: Cita a dous, encontro de danza e poesía con Rut Balbís e Dores Tembrás

O mércores 4 de maio, ás 20:00 h., en Normal (Paseo de Ronda, 47) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, terá lugar o encontro entre dous creadores chegados de diferentes disciplinas artísticas, Cita a dous, a partir dun pequeno manual de instrucións, que pretende buscar un verdadeiro diálogo a partir do coñecemento artístico e persoal. Para iso a parella convidada, na que unha das partes convidadas pertencerá sempre ao mundo da literatura, contará cun tempo previo á data sinalada para bucear na obra do outro, para entrar nela e facela súa… permitindo que unha vez chegado o día da cita, non só xurda o encontro senón tamén o diálogo, o feedback e a experiencia compartida. Por iso as posibilidades son infinitas e cada proposta é un mundo. Esta primeira cita contará cunha parella formada pola danza e a poesía: Rut Balbís e Dores Tembrás porán voz, diálogo, proceso compartido, vivencias e experiencias a este encontro íntimo que busca, non só falar da obras finais que se mostran, senón da relación que estas teñen con outras artes e daqueles diálogos e procesos compartidos que, a maior parte das veces, quedan ocultos. Cita a dous está coordinado por Antía Otero.

Cangas: presentación de Dragal II, de Elena Gallego

O mércores 4 de maio, ás 20:00 h., na sede da Federación de Comerciantes do Morrazo FECIMO (Avenida de Vigo, 91 baixo) de Cangas, preséntase o libro Dragal II. A metamorfose do dragón, de Elena Gallego Abad, publicado en Xerais. No acto acompañarán á autora Xosé Bangueses e Helena Pérez.

Santiago: Coloquio con Rosa Aneiros sobre o seu libro Sol de inverno

O mércores 4 de maio, ás 19:00 h., no Centro Sociocultural das Fontiñas (Rúa Berlín, nº 13), en Santiago de Compostela, terá lugar un encontro con Rosa Aneiros, no que os Clubs de lectura de Fontiñas, Ensanche, Vite, Conxo e o do IES Antonio Fraguas conversarán con ela sobre o seu libro Sol de inverno.

Andrés Pociña e Aurora López galardoados co Premio Pedrón de Honra

“A Fundación Pedrón de Ouro otorgou o premio homónimo á sindicalista galega, Lidia Senra, na edición deste ano pola súa traxectoria a favor da defensa e promoción da cutura galega. Pero nesta 48 edición tamén foron designados como Pedrón de Honra aos profesores da Universidade de Granada Andrés Pociña e Aurora López, polas súas iniciativas en favor da lingua e cultura galegas, sobre todo no que a traballos sobre obra e pensamento de Rosalía de Castro se refire. En concreto, a fundación valorou os traballos de López e Pociña titulados Rosalía de Castro. Documentación biográfica e bibliográfica crítica así como Rosalía de Castro. Estudios sobre a vida e a obra, ademais das diversas achegas a través de distintos xornais e revistas. Pociña é tamén autor dunha célebre tradución de poesía grega ao galego. (…)
Desde a Fundación Pedrón de Ouro explican que o Premio Pedrón de Ouro concédese a unha “personalidade ou entidade viva e residente en Galicia que máis destacou na defensa e promoción das diversas facetas da cultura nacional ao longo do ano ou nunha traxectoria vital”. Pola súa banda, o Premio Pedrón de Honra entrégase a residentes foráneos “que destacasen coas súas achegas ao engrandecimiento da nación e da cultura”. Vía Galiciaé e Galicia Hoxe.