Entrevista a Xosé Neira Vilas en El Progreso:
“- El Progreso (EP): Considera que a súa carreira está eclipsada pola figura de Balbino?
– Xosé Neira Vilas (XNV): Non. Desde logo teño outros moitos libros, posiblemente de elaboración máis completa, e a figura de Balbino non eclipsou esas obras, aínda que dalgunha maneira este libro destaca sobre os outros, porque se segue reeditando. (…)
– EP: Vostede dixo nalgunha ocasión que non coñeceu realmente Galicia ata estar na emigración…
– XNV: A Galicia inmediata si, pero non tiña a noción histórica e cultural de Galicia, o que eu descubrín en Buenos Aires. Tomei conciencia de Galicia en América Latina, co contacto cos exiliados e emigrantes. Alí había moita cultura; exposicións de pintura, concertos, emisoras de radio, libros, periódicos, revistas… E incluso en Buenos Aires empecei a tomarme en serio a miña carreira como escritor e como periodista. Escribín en cantas publicacións galegas había alí. Tiñamos unha actividade moi intensa, e o meu coñecemento de Galicia ven asociado á miña vocación. Polo tanto, desde ese momento escribo sempre e únicamente en idioma galego. Dos 43 anos que estiven en América non escribín ningún libro nin ningún artigo que non fora en idioma galego, a non ser nalgunha ocasión que colaborei coa prensa latinoamericana. (…)
– EP: Que futuro lle augura ao galego?
– XNV: O idioma consolídase cada vez máis. Temos unha serie de obras fundamentais que o van consolidando e axudan a que se fale máis, porque a fala é máis importante que todos os libros.
– EP: Que consello lle daría aos mozos que se inician nas letras galegas?
– XNV: Primeiro, que lean moito. Segundo, que lean ben, xa que non é só ler e pasar a correr. E por último, que escriban moito sen preocuparse por publicar. Eu levaba once anos escribindo ata que publiquei a primeira obra.”
Arquivos anuais: 2011
Santiago: presentación de Amigos e sodomitas, de Carlos Callón
O martes 28 de xuño, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media, de Carlos Callón, Premio Vicente Risco de Ensaio 2011, e publicado en Sotelo Blanco. A Libraría será tamén o punto de partida para facer un roteiro pola cidade vella percorrendo algúns espazos da homosexualidade na Idade Media compostelá. O acto faise no Día do Orgullo, Gai, Lésbico, Bisexual e Transexual. Máis información aquí: Amigos e sodomitas Santiago 2011 xuño.
A Coruña: actuación do proxecto de fusión artística Fuso Negro
O martes 28 de xuño, ás 20:30 horas, no Fórum Metropolitano (Rúa Río Monelos, 1) da Coruña, terá lugar unha nova actuación do proxecto de fusión artística Fuso Negro, no que Xoán Abeleira (voz e percusión), Karlos Barral (percusión), Bruno Couceiro (batería), Julio Cuns (guitarra) e Kale Thunström (baixo) e Tono Galán (obras, escenografía, fotos, vídeos…), fusionan música, teatro e poesía de vangarda.
Allariz: mesa redonda Lembrando a don Paco del Riego
O 28 de xuño, ás 20:30 horas, na Fundación Vicente Risco (Rúa San Lorenzo, 3, Allariz):
Vigo: Moita poesía, pouca diversión, con Lucía Aldao e María Lado
O luns 27 de xuño, ás 20:00 horas, dentro da programación dos Vasos Comunicantes do festival Vigo Transforma, no Novo Tinglado, Lucía Aldao e María Lado achegarán o seu espectáculo Moita poesía, pouca diversión.
Agustín Fernández Paz: “A xeración dos 50 volve a Monteverde”
Entrevista a Agustín Fernández Paz en Xornal:
‘”Esta novela [Non hai noite tan longa] é un axuste de contas comigo mesmo e coa miña xeración”, recoñece o escritor., recoñece o escritor. “Eu non son Gabriel Lamas. Non escapei, coma el, dunha situación que o afogaba, e por iso non experimento a súa carraxe. Pero si que teño a sensación de ter sido estafado. Vólveme cada vez que vexo unha película e comprobo que hai moitas imaxes que foran censuradas, ou cando consigo ver por fin algunhas que sabía de memoria polas revistas de cine e que xa non me serven agora. Pasoume hai uns anos con If…, a de Lindsay Anderson. Eu sabíao todo desa película por Triunfo, que lía todas as semanas, e por Film Ideal e Nuestro cine. Devecía por vela, pero era imposíbel. Cando a vin, despois de tantos anos, xa non me fixo graza. Pasáralle o momento”. (…)
Monteverde é Vilalba, pero tamén outras vilas nas que viviu Fernández Paz ao longo da súa vida, como Betanzos, Pontedeume ou Guitiriz. “Se quixese que o lector identificase o que conto con Vilalba, chamaríalle Vilalba. Non o fixen porque estas cousas acontecían en calquera vila galega –e creo que española– da época, talvez de maneira algo menos acusada na costa”. Os antagonistas cos que bate Lamas, como sucedería tamén en calquera outro lugar do estado español, son os mesmos que torturaran o seu pai. Descendentes sociolóxicos ou de sangue dos que se levantaran contra as aspiracións dos seus antepasados, de tradición anarquista. “Esa é a outra estafa. Repasa a lista dos altos cargos das institucións e dos consellos de administración das empresas e compáraa coa dos xerarcas do franquismo, a ver que pasa. Están todos os apelidos, seguen no poder. O das fosas comúns é o síntoma máis evidente, pero hai outras fosas, simbólicas, que tampouco queren abrir”.’
Tui: recital poético no 120 aniversario dos Xogos Florais de Galicia
“A concellería
de Cultura do Concello de Tui conmemora o 120 aniversario da celebración na cidade dos Xogos Florais de Galicia, que tiveron lugar do 24 ao 26 de xuño do ano 1891 e que marcan un singular fito na historia de Galicia, ao ser o primeiro acto público celebrado integramente na nosa lingua. O programa destes actos comeza hoxe, venres 24 de xuño, cun recital poético que terá lugar ás 20:30 horas na igrexa de San Domingos de Tui e que contará cun recital poético de Alfonso Pexegueiro e no que se realizará a lectura de poemas do libro A cidade sen roupa ao sol, de Marga do Val, en recoñecemento ao seu recente Premio da Crítica, e contará coa actuación musical dos tudenses Fofinski the Chinaski.” Vía Galicia Hoxe.
Entrevista a Carlos Callón, nos Premios Xerais 2011
Entrevista a Carlos Callón, no marco dos Premios Xerais 2011 (Illa de San Simón, 11 de xuño de 2011).
Xosé Neira Vilas recibe a Medalla Alejo Carpentier
‘O Consello de Estado da República de Cuba outorgoulle ao escritor e membro da Real Academia Galega (RAG) Xosé Neira Vilas (Gres, 1928) a medalla Alejo Carpentier, que recoñece os “relevantes méritos alcanzados” polo autor e o seu “labor no enriquecemento da cultura” nacional cubana e galega. Así o expresou onte o cónsul de Cuba, Alejandro Fuentes, quen entregou a insignia ao escritor galego nun acto celebrado na facultade de Historia da Universidade de Santiago de Compostela, ao que tamén asistiron o reitor da institución, Juan Casares Long, e a directora da Cátedra de Cultura Cubana Alejo Carpentier, Ana Chouciño. Neste escenario, emocionado, Neira Vilas dedicou este recoñecemento á súa muller, Anisia Miranda –falecida hai ano e medio–, e destacou os “lazos” que unen Galicia e o país que cualificou como a súa “patria paralela” e que fan posible a “existencia” dunha “simbiose cultural” presente en todas as disciplinas de saber. Deste modo, coincidindo coa celebración do 50 aniversario da publicación de Memorias dun neno labrego, a Universidade de Santiago (USC), a través de cátedra de cultura cubana Alejo Carpentier, tamén se sumou ao recoñecemento a “unha das plumas máis relevantes” da literatura galega que “pasou grande parte da súa vida na illa americana”, como expresou a directora do departamento, Ana Chouciño.’ Vía Xornal.
Ángel de la Cruz dirixirá a adaptación audiovisual das historias do detective Frank Soutelo
“O director Ángel de la Cruz
adaptará para as pantallas coa súa produtora Artemática, a novela Lume de cobiza, a recente entrega do detective Frank Soutelo na súa primeira aventura en Galicia, obra do escritor e crítico cinematográfico Miguel Anxo Fernández, editada por Galaxia e actualmente nas librarías. (…) Na presentación da obra en Santiago, proxectouse un teaser do proxecto audiovisual da obra e a presentación da web de Frank Soutelo.” Vía Galaxia.