O martes 24 de abril, a partir das 21:00 horas, no Modus Vivendi (Praza de Feixoo) de Santiago de Compostela, chega outra edición do ciclo de lecturas poéticas Picaversos, baixo o título Nocturnos, coa participación de Manuel Darriba, Clara Gayo e Celso Fernández Sanmartín.
Arquivos mensuais: Abril 2012
A Coruña: presentación de Ruínas ao espertar, de Manuel Vilariño
O mércores 25 de abril, ás 19:30 horas, na FNAC (Praza de Lugo) da Coruña, preséntase o libro Ruínas ao espertar, de Manuel Vilariño, publicado en Espiral Maior. No acto, xunto ao autor, participan César Antonio Molina e Miguel Anxo Fernán-Vello.
Redondela: IV Semana do Libro. A festa das palabras, até o 29 de abril
Ribadeo: presentación de Tres mulleres galegas de armas tomar
O martes 24 de abril, ás 20:00 horas, na Casa das Letras (Rúa Rodríguez Murias, 8) de Ribadeo, o Observatorio da Mariña pola Igualdade organiza a presentación do libro Tres mulleres galegas de armas tomar: María Balteira, María Castaña e María Soliña, de Guillermina Domínguez e Felicia Estévez, publicado en Baía Edicións.
Premios da Crítica 2011: Olga Novo e Antón Riveiro Coello
En representación
da Sección da Crítica da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Laura Caveiro envíanos a noticia oficial sobre os galardoados de 2011 en lingua galega:
Poesía: Cráter, de Olga Novo, poemario publicado en Toxosoutos en 2011. “Cinza, lava, pedra e rocha son fenómenos que acompañan a erupción dun volcán ou o choque dun meteoro, e no poemario Cráter representan as “emanacións vitais” da autora, aquí poetizadas”.
Narrativa: Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello, novela publicada en Editorial Galaxia. “A partir de datos reais, como a vida de Mercedes Núñez, presa no cárcere de Ventas e confinada no campo nazi de Ravensbrück, o autor compón con mestría varias historias arredor do sentimento de culpa en situacións de inferno colectivo, con distintos narradores e escenarios: Pobra do Caramiñal, Compostela, Carcassone, Nova York e Berlín.”
Entregados os Premios Irmandade do Libro 2012
“A Federación de Libreiros de Galicia entregou en Lalín os Premios Irmandade do Libro. Resultou galardoada na modalidade de institución, a Real Academia Galega, a Biblioteca Central Rialeda do Concello de Oleiros, polo fomento da lectura, a obra Mitoloxía de Galiza, de Vítor Vaqueiro, na modalidade editorial do ano 2011, o CEIP de Riomaior (Pontevedra), centro de ensino do ano, Non hai noite tan longa, de Agustín Fernández Paz, Libro do Ano 2011. A Libraría Cartabón de Vigo foi recoñecida na modalidade das librerías. No apartado de autor o recoñecido foi Gonzalo Navaza.” Vía Galaxia.
Agustín Fernández Paz e Xesús Alonso Montero gañan os Premios Losada Diéguez
Agustín Fernández Paz fíxose co premio Antón Losada Diéguez de creación literaria pola súa novela Non hai noite tan longa. Pola súa banda, Xesús Alonso Montero levou o galardón no ámbito da investigación polo seu estudo Aníbal Otero. Lingüística e política. Os dous gañadores levarán un premio de 6.000 euros e recollerán o seus galardóns o vindeiro 9 de xuño nun acto que se celebrará no propio pazo do galeguista en Moldes, concello de Boborás.
Madrid: recital do Grupo Bilbao de poetas de expresión galega
O martes 24 de abril, ás 18:30 horas, na Biblioteca María Zambrano (rúa Profesor Aranguren s/n) de Madrid, e dentro da Semana das Letras Complutenses, terá lugar un recital do Grupo Bilbao de poetas de expresión galega, coa participación de Vicente Araguas, Fermín Bouza, Ana Cibeira, Xavier Frías Conde, Luís Luna, Manuel Pereira e Natalia Regueiro.
Chantada: presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón
O luns 23 de abril, ás 18:30 horas, na Casa da Cultura de Chantada, preséntase Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, organizado pola Mesa pola Normalización Lingüística, intervirá, xunto ao autor, André Sánchez Labandeira.
De viaxe con Paz Andrade
“Tal día coma hoxe, en 1898, nacía Valentín Paz Andrade. O ilustre polígrafo e empresario caracterizouse, entre moitas outras cousas, pola súa faceta de incansable viaxeiro. Ben sexa polos intereses das súas empresas, ben pola representación en cargos internacionais ou chamado polos emigrantes, Paz Andrade viaxou con moita frecuencia ás Américas e deixounos unhas saborosas crónicas nas que se revela o seu curioso espírito.” Vía Cultura Galega.