Yolanda Castaño impartirá un Obradoiro de poesía no Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa da Coruña (Avenida de Arteixo, 171, s/n).
Terá lugar os mércores 6, 13, 20 de febreiro, 6, 13, 20 de marzo, 3 e 10 de abril de 2013, de 19:30 a 21:30 horas (16 horas presenciais en 8 sesións de 2 horas). O prezo do curso completo, matrícula incluída, será de 90 euros e pagarase por anticipado. As prazas son limitadas (máximo 15 persoas).
Débese encher a folla de inscrición e entregar no momento de efectuar o pagamento en efectivo na recepción do Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa (Avenida de Arteixo, 171), en horario de apertura ao público (martes a sábado de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:30 h., domingos e festivos de 11:00 a 14:00 h.) e antes do 3 de febreiro de 2013.
“Este obradoiro poético de enfoque pragmático e participativo, e estruturado en oito sesións, concibe a escrita de poesía coma un acto de coñecemento e de comunicación, procura o vínculo coas emocións e o pracer da estética literaria. Unha maneira non só de exercer o gusto pola literatura vivido dun xeito activo e en primeira persoa, senón de facelo contando coa ocasión e o espazo, o impulso e o guieiro, a sistematización e a dinámica axeitada para desenvolvelo co mellor dos rendementos. Propoñemos pois un espazo de encontro para aqueles/as aos que lles fascina o misterio da poesía pero que non teñen con quen compartilo nin tampouco a alguén dotado de recursos para encarreiralo. Un obradoiro onde perfeccionar as súas composicións poéticas afeccionadas, baixo a tutela amiga e sempre respectuosa dunha escritora profesional de recoñecido prestixio. Unha actividade estimulante e prestosa que axudará ao crecemento persoal e ó desenvolvemento da creatividade como valor do noso benestar emocional e maduración intelectual.”
Arquivos mensuais: Xaneiro 2013
A edición privada en galego baixa un 26,37 por cento
Desde Cultura Galega:
“As editoras galegas non institucionais publicaron en 2012 un total 2.190 títulos, 800 menos do que no período anterior. O descenso supón tamén unha mingua do peso da edición galega no conxunto do estado, onde pasa de supor un 2,91% ao 2,58%. A edición na nosa lingua é a que sofreu especialmente a mingua, xa que se pasou de editar 1.855 títulos en 2011 a só 1.340 no pasado ano, un 26,37% menos. A cifra supón que dos 800 títulos que se deixaron de editar neste período, 515 foron obras en galego. Medra ademais o peso do libro electrónico, 280 títulos, que supoñen xa o 12,7% da oferta editorial.
Achegamos, coa colaboración do Observatorio da Cultura Galega do Consello da Cultura un resumo das táboas da produción editorial dos últimos anos. (…)”.
Manuscritos: Modesto Hermida
Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.
A Coruña: presentación de Nântia e a Cabrita d’Ouro, de Concha Rousia
A cuarta feira 23 de xaneiro, ás 20:30 horas, na Livraria Suévia (Rúa Vila de Negreira, 32), da Coruña, preséntase Nântia e a Cabrita d’Ouro, de Concha Rousia, publicado en Através Editora. No acto, xunto á autora, participa Manuel Miragaia.
Fina Casalderrey, nova académica electa
Fina Casalderrey foi nomeada membro de número da Real Academia Galega o venres 19 de xaneiro. Segundo informa a Real Academia, a súa incorporación supón, asemade, un recoñecemento da importancia da produción destinada aos máis novos no desenvolvemento e normalización da nosa literatura.
Na mesma sesión do plenario, acordouse nomear académico correspondente ao historiador da ciencia, Xosé Antón Fraga Vázquez.
Marín: presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón
O luns 21 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Casa da Veiguiña (Praza da Veiguiña) de Marín, preséntase o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón, publicado en Xerais.
Vídeo da entrevista a Agustín Agra sobre o seu libro Trampa de luz no IES Porto do Son
Desde Xerais:
“Dous alumnos do IES Porto do Son (Alexandra e Carlos), usuarios da Biblioteca Fraga de Novio, entrevistan nun vídeo o escritor Agustín Agra polo seu libro Trampa de luz.”
Manuscritos: Alberte Momán
Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.
VII Certame de Recolla da Tradición Oral Galego-Portuguesa: Ponte a brincar. O patrimonio lúdico
“A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas ondas! en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca o VII Certame de Recolla da Tradición Oral Galego-Portuguesa co lema Ponte a brincar. O patrimonio lúdico. No interese por descubrirlle ás novas xeracións a existencia dun rico e variado Patrimonio Cultural Común preséntase este Certame que ten unha dupla finalidade:
– Que a existencia deste patrimonio común forme parte da vida escolar nas aulas da Eurorrexión.
– Que o sistema educativo acometa decididamente a tarefa de rescatar esta tradición e poñela en valor nun proceso de transmisión deste patrimonio ás novas xeracións.
O xogo, entendido en sentido amplo como gozo do tempo de lecer, non remata nas idades infantís ás que máis doado nos resulta relacionar con estas actividades, senón que segue a mostrarse, en manifestacións acaídas, en todas as etapas da vida do ser humano.
A mocidade ten para o tempo de lecer un amplo repertorio de actividades de recreo e de xogos, mentres que nas idades adultas do ser humano a necesidade de xogo e brincadeira segue a aparecer e non remata ata que o fai a propia vida dos individuos. Os centros educativos son un espazo apropiado onde é doado transmitir os xogos tradicionais. O alumnado poderá ser o encargado de investigar, recolleitar e divulgar entre os seus compañeiros e compañeiras as prácticas dos xogos que se realizan nos períodos de lecer.
O Certame propón a recolla das formas de lecer tradicionais incluíndo todos os tipos de entretemento: xogos, regras e normas, xoguetes e a súa realización, adiviñas, cantigas, refráns… Trátase de realizar unha gravación das expresións orais e das formas de lecer na voz das “persoas portadoras“ que practican as diferentes actividades lúdicas e de lecer. Pódese acompañar a recolla con ilustracións ou documentación gráfica que aporten achegas á gravación. O xurado valorará o rigor e o interese das recollas realizadas así como os materiais que as acompañen.
O prazo máximo de admisión de traballos será o 1 de xuño de 2013. As bases completas pódense consultar aquí.”
“O best seller como elemento normalizador: fillos dun mar complicado”, reflexión de Pedro Feijoo
“O escritor Pedro Feijoo, autor de Os fillos do mar, pronunciou o pasado mes de decembro unha conferencia na Universitat de Barcelona baixo o título O best seller como elemento normalizador dun sistema literario en crise. A partir daquela conferencia, a revista Galicia 21. Journal of Contemporary Galician Studies publicou unha longa reflexión do autor sobre o mesmo tema e baixo o título: O best seller como elemento normalizador: fillos dun mar complicado. O artigo pode descargarse e lerse en pdf neste enlace.” Desde Xerais.