O sábado 21 de decembro, ás 19:00 horas, na Libraría Nova Colón (Rúa San Andrés, 112) da Coruña, Manuel Rivas asinará exemplares de As voces baixas, publicado en Xerais.
Arquivos mensuais: Decembro 2013
Radiocrítica do 16-12-2013, por Armando Requeixo
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o pasado luns día 16 de decembro en Ames Radio (107.2 FM). Nesta ocasión, falei con Nazaret López sobre a novelística de Manuel Darriba (0’45), os relatos de Antón Riveiro Coello (3’05), a poesía implicada de María Reimóndez (7’15), a Antoloxía de referencia. Etapa de expansión que Xavier Lama e Branca Novoneyra prepararon coas novísimas voces poéticas de Berta Dávila, Cristina Ferreiro, Xurxo Martínez González, Celia Parra, Elías Portela, Ismael Ramos e Helena Salgueiro (9’20), o teatro de Marcos Abalde Covelo (14’45), o ensaio filosófico de Carlos Lema (16’30) e mais a mitoloxía da vella Gallaecia para novos e non tanto de Manuel Gago e Manel Cráneo (18’30).”
Betanzos: sinatura de libros de Xosé Neira Vilas. Memoria gráfica
O luns 23 de decembro, ás 18:00 horas, na Libraría Biblos (Rúa Santiago, 4) de Betanzos, Xosé Neira Vilas asinará exemplares da súa obra Memoria gráfica, publicada por Edicións Bolanda.
Ribadeo: conferencia de Antonio Reigosa
O sábado 21 de decembro, ás 20:00 horas, na Casa das Letras de Ribadeo (Rúa Rodríguez Murias, 8), Antonio Reigosa impartirá a conferencia Simboloxía e significado dos relatos míticos e lendarios asociados ao patrimonio cultural da Mariña lucense. Esa mesma tarde, ás 16h30 realizarase unha visita guiada ao petroglifo podomorfo das Pisadas do Encanto nas Anzas – Ribadeo. Os actos están organizados por Mariña Patrimonio.
Cuestionario Proust: Xosé Vázquez Pintor
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Xosé Vázquez Pintor:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A procesión que vai por dentro.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A lealdade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– As palabras limpas e o tempo en horas de nos ver.
4.– A súa principal eiva?
– O descoido.
5.– A súa ocupación favorita?
– A conversa demorada coa paisaxe.
6.– O seu ideal de felicidade?
– O paraíso do Amor.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– As despedidas.
8.– Que lle gustaría ser?
– Leal e humilde, en feliz casorio cos tempos da vida.
9.– En que país desexaría vivir?
– Na Terramar Noroeste, en feliz xuntanza cos tempos da ledicia e de soñar.
10.– A súa cor favorita?
– O branco das nevaradas.
11. – A flor que máis lle gusta?
– A camelia.
12.– O paxaro que prefire?
– O xílgaro.
13.– A súa devoción na prosa?
– Caballo en el salitral, de Antonio di Benedetto.
14.– E na poesía?
– Toda. Cando Ela é.
15.– Un libro?
– Sería inxusta unha escolla. Teño moitos no meu colo e no meu berce.
16.– Un heroe de ficción?
– Por acaso Sancho, coa súa pousa nas terra de saber e de agardar.
17.– Unha heroína?
– Moitas. Devecín por unha do meu imaxinario: a protagonista da novela Para dicir abril.
18.– A súa música favorita?
– Clásica. Namorei dela cando a procuraba para os espectáculos dos mimos, con Ancoradouro. E agradezo sobremaneira a Franz Liszt.
19.– Na pintura?
– Colmeiro, Laxeiro, Torres: a triloxía vangardista da Gallaecia en pé.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Hai cen. Dicir unha sería inxusto.
21.– O seu nome favorito?
– Adriana, a coprotagonista da miña última novela que está para saír.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O cinismo: que foran tamén os hábitos do “Prestige”.
23.– O que máis odia?
– A traizón.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Uufff, esa nube neghra! Non lles vou dar a oportunidade de persistir.
25.– Un feito militar que admire?
– Non sei. Hai palabras que dan medo e son terror.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A bondade.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Soñando aquela miña infancia na aldea de Quian.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– O tempero.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os físicos.
30.– Un lema na súa vida?
– Quérovos moito, nai-pai.”
O 31 de decembro remata o prazo para presentar orixinais ao II Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey
O Concello de Fornelos de Montes e a Asociación de Veciños O Cruceiro da Laxe, para honrar a memoria do seu ilustre poeta e contribuír á promoción da poesía galega, convoca a II edición do Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey. O prazo remata o 31 de decembro de 2013. As bases completas poden descargase aquí.
Vilagarcía: presentación de A porta de Europa, de Sabela Muñiz
Parlamento das Letras: Xosé María Vila Ribadomar
Entrevista de Armando Requeixo a Xosé María Vila Ribadomar no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo: ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Xosé María Vila Ribadomar (XMVR): O que lle sobran aos posibles lectores son prexuízos e o que falta, máis xeralmente, é unha formación galeguista, nun sentido mesmo enciclopédico, da lingua como posibilidade social e vivencial. Nada lle sobra, non, fáltanlle lectores. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– XMVR: Talvez non haxa presente na literatura, só pasado e futuro —sonche un chisco peliculeiro, no bo sentido tamén. (…)”
Cuestionario Proust: Mercedes Queixas
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Mercedes Queixas:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A observación para a reflexión.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A coherencia, a honestidade e a seguridade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– O respecto polas diferenzas.
4.– A súa principal eiva?
– A inseguridade e a autoesixencia.
5.– A súa ocupación favorita?
– Dar aulas, ler e escribir, ademais de reencontrarme ao redor dunha mesa coa familia e coas amizades.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Pensar que é tan real que pode acompañarnos por momentos ou ausentarse de cando en vez.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Verme na obriga de renunciar aos meus principios ou asistir á quebra da lei de vida.
8.– Que lle gustaría ser?
– Unha persoa útil aos seres próximos e á sociedade.
9.– En que país desexaría vivir?
– Neste, no meu, no que vivo e co que me identifico, aínda que ás veces me custe comprendelo.
10.– A súa cor favorita?
– Fico co lila, o branco e o negro.
11. – A flor que máis lle gusta?
– A mimosa.
12.– O paxaro que prefire?
– A lavandeira esvelta e sempre de andar elegante.
13.– A súa devoción na prosa?
– Contar o que sempre se silenciou.
14.– E na poesía?
– Revolver o corpo para renovar as emocións.
15. Un libro?
– Memorias dun neno labrego, por ser o primeiro que lin en galego de nena e porque me descubriu que esta lingua tamén se podía escribir.
16.– Un heroe de ficción?
– Non reparo en heroes, prefiro as imperfeccións da realidade.
17.– Unha heroína?
– Tampouco reparo en heroínas mediáticas, senón nas reais que loitan por sobreviviren ao silenciamento e á invisibilidade.
18.– A súa música favorita?
– Teño gustos musicais moi eclécticos. Dependendo do momento e do estado de ánimo, podo procurar unha sonata de Mozart, a forza rockeira de Tina Turner ou The Boss, algunha escolma dos clásicos do jazz que con bo criterio me descubre meu irmán músico, os sons máis próximos de Aline Frazão e Mariza ou as voces cálidas da casa coas de Guadi Galego e Xabier Díaz.
19.– Na pintura?
– Maruxa Mallo e Urbano Lugrís.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Todas as persoas que, desde o anonimato e acreditando no compromiso colectivo, contribúen para o avance e a mellora do benestar social.
21.– O seu nome favorito?
– Andrea e Mariña.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A capacidade para mentir intencionadamente e con intereses espurios.
23.– O que máis odia?
– O conformismo, a resignación e o autoritarismo.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– A de todos os ditadores do mundo.
25.– Un feito militar que admire?
– Ningún.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A música e a pintura.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– En paz comigo mesma e sen dor.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Reilusionándome sempre.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– As escusas do alumnado.
30.– Un lema na súa vida?
– Vive e deixa vivir.”
A Coruña: presentación de Historia de Galicia, de Anselmo López Carreira
O venres 20 de decembro, ás 20:00 horas, na Livraria Suévia (Rúa Vila de Negreira, 32, baixo) da Coruña, preséntase Historia de Galicia, de Anselmo López Carreira, publicado en Xerais, nun acto que contará coa presenza do autor.