Arquivos mensuais: Xuño 2014
A revista Journal of Galician Contemporary Studies dedícalle un monográfico ao “planeta” literario de Xavier Queipo
Desde Sermos Galiza:
“Co título xenérico de Espazos naturais, mobilidades textuais: novas perspectivas críticas sobre a obra de Xavier Queipo a revista Journal of Galician Contemporany Studies reúne varios traballos arredor da obra do escritor nun monográfico con estudos de Martín Veiga, Enrique Santos Unamuno, Margarita García Candeira e David Miranda-Barreiro ademais dunha entrevista co autor e unha antoloxía de textos inéditos.
O escritor Martín Veiga é o autor da longa conversa con Queipo ademais do texto introdutorio que fai a primeira achega a súa obra titulado Benvida ao planeta Queipo: mobilidade, outredade e viaxe interior en “Nos dominios de Leviatán”.
A Xenealoxía dun imaxinario boreal é o tema ao que se achega Enrique Santos Unamuno mentres Margarita García Candeira afonda na súa poesía desde a ecolingüística co título A natureza, refuxio e abismo. Pola súa parte, David Miranda-Barreiro, aproximarase a outros dos grandes temas da narrativa de Xavier Queipo, o da viaxe. En “Extramunde”: a narrativa da viaxe e o paradoxo da alteridade volverá sobre a escrita dun autor que construíu moitas das súas historias en terras lonxanas. (…)”
Ourense: actividades destacadas do sábado 7 e domingo 8 na Feira do Libro
O sábado 7 e domingo 8 de xuño finaliza a Feira do Libro de Ourense (na Alameda), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para eses dous días:
Sábado 7
– 19:30 h. Presentación do libro disco Brinca vai!, de Paco Nogueiras, con ilustracións de David Pintor, publicado por Kalandraka.
Domingo 8
– 18:30 h. O soño de Esther. Contacontos a cargo de Miguel Ángel Alonso Diz. Actividade promovida por Nova Galicia Edicións.
– 19:30 h. Presentación do libro Como ser reintegracionista sen que a familia saiba, do escritor Eduardo Sanches Maragoto, publicado por Edicións do Cumio.
Tres poetas da Galiza recitarán no ciclo Voces paralelas das letras catalás, so 29 de xuño ao 6 de xullo
Desde Sermos Galiza:
“Chus Pato, Gonzalo Hermo e Estíbaliz Espinosa serán as voces galegas que partillarán coas catalás de Sebastià Perelló, Susanna Lliberós, e Adrià Targa o ciclo Voces paralelas que levará o encontro poético galego-catalán a diversas localidades de Cataluña, Valencia e Mallorca. De Fisterra ao Cap de Creus é o lema que acompaña á xira literaria.
Desta volta, o ciclo reúne a tres poetas cataláns de xeracións diferentes con tres voces convidadas desde Galiza. Será a actriz Mireia Chalamanch a que guiará o espectáculo e recitará en catalán a obra galega nas distintas citas que se desenvolverán en Cataluña, Valencia e Mallorca desde o 29 de xuño ao 6 de xullo. Espazos singulares acollerán o espectáculo poético que ten Galiza desta volta como país convidado. O claustro de Sant Francisco de Vilafranca del Penedès, o claustro Sant Pau do Centre Tarraconense, o Centro de Cultura Contemporánea de Valencia, o Convento, espazo de arte de Vila-real, a Llibreria Quars de Palma ou El Born Centre Cultural de Barcelona son algúns escenarios nos que terá lugar o encontro Voces paralelas, Veus Paral-leles na súa 12 edición. (…)”
Betanzos: recital de poesía musicada por Xardín desordenado
Muxía: presentación de Expansión, de Suso Bahamonde
A Coruña: presentación de Onde nunca é mañá, de Manuel Álvarez Torneiro
Ourense: actividades destacadas do venres 6 na Feira do Libro
O venres 6 de xuño continúa a Feira do Libro de Ourense (na Alameda), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para ese día:
– 19:00 h. Charla coloquio de Xoán Doldán e Afonso Fernández sobre o libro Guía para o descenso enerxético, publicada pola Asociación Véspera de Nada, por unha Galiza sen Petróleo.
– 20:00 h. Presentación do libro Um pouco acima da miséria, de Amadeu Baptista, gañador do XXIX Premio de Poesía Cidade de Ourense.
– 20:00 h. O escritor e xornalista Pemón Bouzas asinará exemplares da súa novela A voz do vento, publicada en Xerais, e do resto da súa obra, na caseta da Libraría Pedreira.
– 21:00 h. Presentación do libro O sol do pasado, de Jorge Emilio Bóveda, publicado por Urco Editora.
Camariñas: presentación de Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez
O venres 6 de xuño, ás 19:30 horas, no Auditorio do Faro do Cabo Vilán (Camariñas), preséntase Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez, publicada en Xerais. No acto, coorganizado pola editora e a Asociación de Empresarios e de Promoción Turística de Camariñas, participa, xunto ao autor, Carmen Pérez.
Entrevista a Helena Villar Janeiro que fala do poemario Remontar o río