Aderyn, poesía noise pop

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“Os poemas de Fase de trema (Espiral Maior, 2012) son de vocación escura. Abismáticos. Intimistas e con certa desolación como medio ambiente. Destes materiais partiron a súa autora, Lorena Souto, e o músico David Miranda para crear Aderyn, proxecto noise pop nado na diáspora galesa. Fractura é o seu primeiro disco.
“Foi un xeito de darlle pulo ás nosas inquedanzas artísticas e un xeito de sentirse en conexión, mesmo estando lonxe, co noso contexto cultural”, explica a Sermos nun correo electrónico a propia Souto. A situación concreta e un punto de eclosión: a adaptación que Miranda fixera pola súa conta dun poema do mencionado libro, “que deu pé a un diálogo poético musical que ao longo do tempo se fixo máis fluído”.
Escritora e músico traballaban na Universidade de Bangor, no País de Gales. Ela regresou á Galiza, el continúa alí, onde leva máis de dez anos. “Foi un proceso lento e meditado que deu lugar ao disco”, considera Miranda. O resultado son oito cancións de textura lenemente ruidosa, en que ecoan Cocteau Twins ou os My Bloody Valentine menos salvaxes, dispoñíbeis en bandcamp, e que enlazan con algunhas prácticas anteriores do músico, por caso a banda Nouvelle Cuisine.
“Os poemas foron o punto de partida. Busquei darlles unha interpretación sonora. Máis que en melodías, a miña busca centrouse nas texturas. Lorena tivo unha achega fundamental nese sentido”, di Miranda, quen pon como exemplo do método Levedar. “Vén, entra no cuarto / o mar medra para asolagarnos / e vivimos como cetáceos xigantes”, afirma unha canción máis “acuática” que a media de Fractura.
Ás teimas “electrónicas e orientadas cara ao post-rock” de Souto engadiu o músico unha obsesión: a do disco maldito de Lou Reed Metal Machine Music (1975), ruído branco, masas informes de guitarras distorsionadas. “Conforme avanza a obra, a textura vaise abrandando e as melodías teñen maior protagonismo”, autoanaliza, “se cadra pasan do noise pop ao dream pop. Este desenvolvemento é un reflexo do que está a suceder nas letras”. (…)”

A revista Journal of Galician Contemporary Studies dedícalle un monográfico ao “planeta” literario de Xavier Queipo

Desde Sermos Galiza:
“Co título xenérico de Espazos naturais, mobilidades textuais: novas perspectivas críticas sobre a obra de Xavier Queipo a revista Journal of Galician Contemporany Studies reúne varios traballos arredor da obra do escritor nun monográfico con estudos de Martín Veiga, Enrique Santos Unamuno, Margarita García Candeira e David Miranda-Barreiro ademais dunha entrevista co autor e unha antoloxía de textos inéditos.
O escritor Martín Veiga é o autor da longa conversa con Queipo ademais do texto introdutorio que fai a primeira achega a súa obra titulado Benvida ao planeta Queipo: mobilidade, outredade e viaxe interior en “Nos dominios de Leviatán”.
A Xenealoxía dun imaxinario boreal é o tema ao que se achega Enrique Santos Unamuno mentres Margarita García Candeira afonda na súa poesía desde a ecolingüística co título A natureza, refuxio e abismo. Pola súa parte, David Miranda-Barreiro, aproximarase a outros dos grandes temas da narrativa de Xavier Queipo, o da viaxe. En “Extramunde”: a narrativa da viaxe e o paradoxo da alteridade volverá sobre a escrita dun autor que construíu moitas das súas historias en terras lonxanas. (…)”