Crónica videográfica da Gala Premios Mestras e Mestres da Memoria (I)

O 27 de maio tivo lugar en Lugo a Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria, actividade que contou co apoio das Áreas de Cultura do Concello e da Deputación de Lugo. Estes Premios concédense a informantes de literatura popular, por toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional. A proposta da Sección de Literatura de Tradición Oral, coordinada por Antonio Reigosa, a asemblea xeral de Socios-as da AELG acordou outorgárllelos ás Pandeireteiras da Alén (Orosia e Alsira Gil Ramos e Ólida Diz Ramos) e a Serafín Mourelle Bugallo.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:

Apertura da Gala. Antonio Reigosa, coordinador da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG:

Introdución ao discurso da presidencia da AELG, por Antonio Reigosa:

Discurso da presidencia da AELG, por Cesáreo Sánchez:

Diana Varela Puñal: “A propia lingua é un personaxe do libro”

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“”A propia lingua é un personaxe do libro”. Diana Varela Puñal fálanos da segunda edición ampliada de Fin de Festa que publica Edicións Laiovento. Entre os novos contidos un glosario de cormelanismos e de topónimos do profesor Luís Giadás. Pode escoitarse a entrevista aquí.”

Elena Gallego Abad fálanos do seu último libro O xogo de Babel

Desde a Televisión de Galicia:
“A xornalista e escritora Elena Gallego Abad conta as horas para que a súa nova novela chegue ás librarías. A autora da saga Dragal deixa a un lado o último dragón galego, e despois da novela de misterio Sete caveiras presenta O xogo de Babel. Témola hoxe con nós para falarnos deste libro. Pode accederse á entrevista aquí.”

Entrevista a Olalla Cociña sobre Vestir a noite no Diario Cultural

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“O impacto dun cambio social acelerado. Unha linguaxe rota. Que facemos con esta herdanza? Olalla Cociña Lozano publica Vestir a noite, a obra coa que gañou o XIV Premio de poesía Afundación. Pode escoitarse a entrevista aquí.”

Pedro Ferriol: “María Victoria Moreno é unha das moitas escritoras galegas que foron esquecidas”

Entrevista a Pedro Ferriol (viúvo de María Victoria Moreno) en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Para a súa familia que significa este recoñecemento?
– Pedro Ferriol (PF): Realmente para nós, para min e a súa filla, é unha honra, porque é unha das moitas escritoras galegas que foron esquecidas, porque faleceu en 2005 e ninguén se acordou dela até a iniciativa d’A Sega coa homenaxe que lle fixeron en 2015. E agora, despois de 12 anos, estase a promover o seu recoñecemento para as Letras. Para nós sería un orgullo tremendo participar en todas as actividades que se fagan, porque María Victoria foi unha gran muller, pioneira da LIX galega. (…)
– SG: Que é o que nos queda por descubrir dela?
– PF: Ela recibiu no ano 2005 unha mención no premio Xoán Manuel Pintos. Aí eu explicaba que ela foi moi prolífica na súa traxectoria, aínda que probablemente lle faltaran anos de vida. A súa carreira como escritora non obtivo moitos premios, aínda que non cría nos premios literarios. Aínda así, recibiu varios… e, sobre todo, figura na lista de honra da IBBY por Anagnórise, e tamén o White Raven por Guedellas de seda e liño.
– SG: De que libro se sentía máis orgullosa?
– PF: Ela sentíase satisfeita de todo o que escribiu, pero houbo algúns que a marcaron. O seu libro máis famoso, que se mal non recordo ten 14 edicións, é Anagnórise, pero hai outro moi especial para ela, Leonardo e os fontaneiros. Pero eu creo que o libro que destaca mellor o carácter dela foi o Diario da luz e a sombra, unha especie de biografía do que ela sufrira co cáncer. Aí destácanse unha serie de cualidades morais e cívicas que a retratan. Aínda que tamén escribiu ensaios, libros de texto, poesía… Se non lembro mal creo que publicou 47 libros, tanto de forma individual como colectiva. (…)”