Arquivos mensuais: Decembro 2018
Nace o selo Guindastre Edicións de álbum ilustrado e audio-libros para cativos
Desde Cultura Galega:
“Un novo selo editorial bota a andar neste outono coa vocación de dar a coñecer e difundir para o público familiar albumes ilustrados, audiolibros de narración ou música e adaptacións de teatro de monicreques. Guindastre Edicións presentouse o mércores 5 de decembro na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago. A editorial, dirixida por Celtia Figueiras e Luis Vallecillo, está radicada na localidade coruñesa de Brión e xorde con dúas coleccións diferentes que ademais comezan cada unha cunha produción propia de cada un dos editores.
A primeira delas, baixo o nome de “Lui Son”, céntrase na música familiar e ábrese con Cantamos? como primeiro título. Trátase dunha obra educativa e lúdica do propio Vallecillo, que inclúe un CD de música e audio-contos, ademais de pictogramas para facilitar a lectura a persoas con necesidades especiais e prelectores.
Pola súa banda, a colección “A Xanela do Maxín”, dirixida por Figueiras, adaptará textos de monicreques a contos, procedentes da compañía que leva o mesmo nome, con letra manuscrita e ideados para primeiras lecturas. Iníciase este camiño coa obra Ula Lúa?, da propia Celtia Figueiras que está ilustrada por Marcelo P. Fernández.”
A Estrada: presentación de Contiños da terra, de Santiago Cortegoso
Compostela: presentación de As ramonas, de Ana Cabaleiro
Betanzos: presentación de A gran travesía de Chiruca Macallás, de Xurxo Souto
Pontevedra: presentación de O puño e a letra, de Yolanda Castaño
Lugo: presentación de The Making of, de Xavier Alcalá
Bueu: presentación de A música no faiado, de Miguel Ángel Alonso Diz
Carlos Penela gaña o XXXI Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón
“O 15 de decembro fallouse na Casa da Cultura de Dodro o XXXI Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, do que resultou gañador Carlos Penela Martín, quen xa fora gañador deste mesmo galardón no ano 2000.
O xurado, composto por Luís Valle, Mario Regueira, Elvira Ribeiro e Branca Vilela, destaca a voz literaria consolidada da obra, que atravesa moitos valores da poesía de calquera tradición. Síntese, depuración ascensional e unha contida e selecta escolma de imaxes e metáforas, artellan un poemario merecente desta XXXI Edición.
O premio entregarase o vindeiro sábado as 17:30 h no CPI Eusebio Lorenzo Baleirón.”
María Xesús Lama e Emilio Ínsua reciben ‘ex aequo’ o I premio de investigación Ramón Baltar
Desde Cultura Galega e a Fundación Rosalía:
“A obra Cantos de independencia e liberdade (Galaxia, 2017), da profesora María Xesús Lama, e A nosa terra é nosa: a xeira das Irmandades da Fala 1916-1931 (Baía Ensaio, 2016), de Emilio Insua, foron as gañadoras, ‘ex aequo’, do I premio de Investigación e Ensaio Ramón Baltar Feijoo que convoca a Fundación Rosalía de Castro. O premio, que é honorífico, ten por sentido “contribuír ao fomento do estudo do período histórico relativo ao fondo documental Ramón Baltar Feijoo, e convócase cada dous anos.
O xurado destacou a alta calidade dos traballos presentados e salientou a á “relevancia do traballo” destas dúas obras premiadas. Está formado por Xosé Luís Axeitos, membro da RAG; Xosé Ramón Barreiro Fernández, historiador e ex presidente da RAG; María Xesús Pato, escritora; Alba Nogueira, profesora da USC; Ernesto Baltar, membro da familia Baltar Feijoo; ademais de Anxo Angueira e Xosé Carlos Beiró, presidente e secretario da Fundación Rosalía respectivamente.”