Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia 2018

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia presenta o programa da súa 34ª edición, cun total de 21 representacións e un reforzo de espectáculos de rúa.
O espectáculo de inauguración será Commedia, un xoguete para Goldoni, estrea absoluta e coprodución entre a MIT e a compañía de Cándido Pazó, para despois xirar por outros festivais de verán e teatros do país. O de clausura será a estrea en Galicia do espectáculo inglés The Table, de Blind Summit, premio do Festival Fringe de Edimburgo e un dos mellores espectáculos do mundo segundo varios medios como The Guardian, Sunday Telegraph ou Chicago Sun Tribune, entre outros galardóns.
A comedia musical, as linguaxes híbridas da escena actual e a diversidade son as liñas mestras que conforman o programa desta 31ª edición da MIT.
A inauguración terá lugar o sábado 14 de xullo ás 21:00 horas, no Patio do Xulgado de Ribadavia (Praza Maior, s/n).
Aquí pode consultarse o programa completo.

Sanxenxo: actos destacados na Feira do Libro 2018 para os 14 e 15 de xullo

O 15 de xullo finaliza a Feira do Libro de Sanxenxo (na Praza dos Barcos), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:30 h. e de 18:00 a 23:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes dous días:

Sábado 14
19:30 h. Contacontos e presentación de O cociñeiro Martiño e as cenorias desaparecidas, de Iago López, publicado por Xerais.
20:00 h. Miguel García Seoane asina Galicia inmaterial, Galicia máxica, na caseta da Libraría Pedreira.

Domingo 15
19:30 h. Concerto espectáculo As parábolas de Pakolas, de Paco Cerdeira.

Parlamento das Letras: Teresa Moure

Entrevista de Armando Requeixo a Teresa Moure no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Teresa Moure (TM): Com as nossas circunstâncias sociolinguísticas, inevitavelmente falta normalidade. Com frequência, publicam-se textos para termos um exemplo de tal o qual género ou material para o ensino e isso implica obedecer o mercado e, aliás, um mercado minoritário e sujeito a uma competência feroz. Se a literatura for também arte, como eu penso, devemos aceitar que o ato artístico é irreverente, provocador e diverso. Eu diria que o importante não é que tenhamos obras de que gostemos; o ideal seria que tivéssemos muitas obras de que não gostássemos, mas não por serem pobres em qualidade, mas por não coincidirem com os nossos gostos. Isso seria um indicador de normalidade. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– TM: Sempre é difícil valorar o momento histórico em que estamos envolvidas. Demasiado. A literatura galega tem sido, e ainda é, um território de resistência, com muitas vozes interessantes e grande dificuldade para chegarem, para se fazerem eco. Acho que corresponde à crítica literária responder essas perguntas; as/os autoras/es temos a obriga ética e estética de contornarmos o imediato, de não opinarmos assim muito para simplesmente escrever, escrever, escrever. Daí, da conviccão nas próprias forças, do impulso criativo é que pode sair algo. Ou talvez não. Mas vale a pena tentar. (…)”

Antón Cortizas: “O importante é o que nos fai mellores persoas”

Entrevista de Ramón Loureiro a Antón Cortizas en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Bota de menos o ensino?
– Antón Cortizas (AC): Eu non diría que boto de menos o ensino, porque o certo é que me sigo considerando un ensinante. Sigo aí. Esa foi a miña vocación, foi o camiño que elixín na vida, e dese camiño non me desviei. Pero o que si boto de menos é a rapazada. Para min, encontrarme pola rúa con antigos alumnos meus, e que me falen e me conten como lles vai e que é o que están facendo agora, é unha gran felicidade.
– LVG: Para vostede nunca foi difícil traballar cos alumnos.
– AC: Nunca. Xamais. É que, mira, para ensinar tes que ter moi claro que é o que estás facendo. As cousas nunca pasan porque si. Se a ti un rapaz se che comporta mal en clase, o primeiro que tes que pensar é que se un alumno ten un compartamento dese tipo é porque na súa vida hai algo que o leva a comportarse así. Os nenos nunca son culpables, porque eles non elixen a súa vida. Teñen a vida que lles damos os adultos. Non son responsables das súas circunstancias. Os rapaces reproducen o que acontece arredor deles. Non hai nenos malos, iso non existe. E precisamente por iso a responsabilidade é sempre nosa. Se te dedicas ao ensino, unha das túas obrigas é facer canto estea na túa man para lograr que o mundo dos rapaces sexa un mundo mellor. Porque, no fon, o importante, o verdadeiramente importante, é o que nos fai mellores persoas. E moitas veces non é tan importante o que sabes, como que de verdade saibas contalo.
– LVG: Vostede é un namorado do libro como obxecto, do libro de tinta e de papel. ¿Que opina do auxe das novas tecnoloxías?
– AC: Evidentemente, as novas tecnoloxías son unha ferramenta utilísima. Ofrecen mil posibilidades. Pero, ¡ollo!, deberiamos recordar que só son iso: ferramentas. Non outra cousa. Non podemos estar todo o día pegados a unha pantalla. A vida non está aí. Eu penso que a nosa sociedade xa está sendo demasiado dependente das pantallas, e iso vai traer problemas graves. Iso xa está aí. Parece que hai xente que non se dá conta de que se apagas o móbil non ocorre absolutamente nada. E iso é algo que me preocupa moito máis, aínda, se falamos dos nenos e da relación que na súa maioría teñen cos seus teléfonos.
– LVG: ¿Está todo dito en materia de educación?
– AC: ¡Non, non…! Por suposto que non. Nin moitísimo menos. A educación ten que estar evolucionando sen parar. E sempre haberá cousas novas. Pero insisto: o obxectivo ten que ser sempre que melloremos como persoas.”

Sanxenxo: actos destacados na Feira do Libro 2018 para o 13 de xullo

O 13 de xullo continúa a Feira do Libro de Sanxenxo (na Praza dos Barcos), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 23:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

19:30 h. Ánxela Gracián presenta Doce cartas a María Victoria Moreno, publicado por Hércules de Edicións. No acto participan, xunto á autora, Antonio Seijas e Laura Rodríguez.
21:30 h. Siro López presenta Castelao na arte europea, publicado por Garañón.

Casa-Museo Manuel María: V edición do Convivio da Cultura Galega, o sábado 14 de xullo

Desde a Fundación Manuel María:
“Outeiro de Rei, vila natal de Manuel María, acollerá o sábado, 14 de xullo, o Convivio da Cultura Galega, que chega xa á súa quinta edición. Esta xornada lúdica e festiva, de convivencia, de recuperación do espírito comunitario da tradicional romaría de Santa Isabel de Outeiro de Rei, está aberta a todas as persoas e a todo o asociacionismo cultural de base que se move en Galiza. A Casa-Museo Manuel María vén de presentar o programa e o cartaz da súa Vª edición. A programación será a seguinte:

11:30 h. Acollida na horta da Casa-Museo Manuel María. Actuación do grupo de música tradicional Untia e do coro da Asociación Cultural e Musical Solfa.
12:30 h. Ofrenda floral a Manuel María no cemiterio de Outeiro.
13:00 h. Concerto da Banda Municipal de Música “Sons e Soños” de Rábade-Begonte-Outeiro, dirixida por Armando Morales Blanco, na Carballeira de Santa Isabel.
14:00 h. Xantar na carballeira (cada quen trae a súa comida).
16:30 h. Títeres. O grupo de teatro Pereira de Lobos representa Berenguela. Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo.
17:00 h. Foliada, para cantar e bailar, con distintos grupos de música tradicional (Untia, Treboada, Birloque Gaiteiros, Coitelo de pau, Parabéns, Reviravolta, Cantareir@s.comTigo…). Anima Xurxo Souto.