Entrevista
de Carlos Meixide a Berta Dávila en Praza:
“(…) – Praza (P): Que nos podes avanzar sobre Carrusel?
– Berta Dávila (BD): Carrusel é unha novela que pode inscribirse dentro do que ás veces se chama autoficción. Nese sentido, parte dunha voz narrativa en primeira persoa que, ademais, é unha escritora. En concreto unha escritora que enfronta unha etapa na que non é quen de escribir, que é unha situación complicada para calquera que escribe.
– P: Experimentaches ti mesma esa situación? É certo que hai seis anos xa da túa última novela.
– BD: Experimenteina, si, supoño que é o punto de partida da novela. A escritora protagonista decátase de que ten que encarar as súas sombras persoais para poder escribir, como se dalgún xeito esas sombras se interpuxesen entre ela e a escrita, e iso é o que fai no libro. Ela está afectada por unha doenza mental que se lle impón, e que é unha circunstancia que non tratou nunca nos seus outros libros. Decide facelo neste. A experiencia da maternidade e da doenza, así como a perda de seres queridos importantes, haberá de resignificar a vida que lle resta por vivir e tamén a que xa viviu, e daquela elabora unha reconstrución do seu percurso vital e da súa relación co tío Carlos, afectado pola mesma enfermidade, tratando de tender fíos cara unha historia familiar e persoal que a axude a entender e a entenderse no pasado e no futuro. Pero ningún futuro está escrito e, moito menos, o de quen escribe, e supoño que iso conta a novela.
– P: O xurado destaca o uso na novela “da lóxica das matemáticas como ancoraxe racional do incomprensible”. Faise constante referencia a conceptos ou obxectos como: números perfectos, carruseis, caixas de música, eixes xeográficos de ida e volta que determinan percursos vitais… a propia novela ten en si mesma a necesidade de constituírse nunha sorte de engrenaxe perfecta. A que se debe isto?
– BD: Hai algo moi neurótico no meu xeito de escribir e de medir as palabras e os textos. Non sei se é un rasgo de estilo ou se é o meu xeito de afrontar o traballo ou a vida en xeral. Paréceme precisa a palabra engrenaxe. As matemáticas, os números, as cousas que funcionan cunha lóxica mecánica, como as caixas de música, son conceptos que me fan sentir a salvo de algo que me sobrepasa. Son ancoraxes. Funcionan así na novela, como lugares seguros. (…)”
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Miguel de Lira, Premio de Honra do FETEGA do Carballiño
Desde
Erregueté (foto do autor: Rosinha Rojo):
“A 30ª edición do Festival de Teatro Galego (Fetega), que se celebra dende o día 2 ata o 6 de setembro no Carballiño, entregará o seu premio de honra ao actor e cofundador da compañía Chévere Miguel de Lira, pola súa achega “imprescindible” ao mundo das artes escénicas.
Así o explicou este luns a directora do evento, Josi Lage, durante a rolda de prensa de inauguración do Festival. Na mesma, a actriz volveu a anunciar a súa retirada da dirección do Festival e asegurou o “compromiso total” de que o Fetega continúe celebrándose no Carballiño, como un do requisito que deberá adquirir o seu predecesor ou predecesora no cargo, aínda por coñecer.
Na mesma liña, pediu á Axencia Galega dás Industrias Culturais (AGADIC), o Concello do Carballiño, a Deputación de Ourense e as empresas e establecementos privados que continúen coa súa colaboración para facer posible a continuidade do festival. A este respecto, Lage non puido evitar lembrar que a pasada edición “pasaron un mal momento e o festival resentiuse”, cando Agadic non colaborou co mesmo. Por todo iso, agradeceu a achega de 15.000 euros este ano e pediulles que sigan na mesma liña.
Neste contexto, a xefa territorial de Cultural e Turismo de Ourense, en representación de Agadic, recolleu a testemuña despois de destacar que se trata dunha “cita obrigada para os amantes das artes escénicas” e un “reclamo para que a cidadanía consuma cultura”.
Durante a convocatoria tamén estiveron presentes varios membros do xurado que entregará os premios do Festival. Un “xurado de altura”, como os definiu Josi Lage, cunha “tarefa complicada”.“Os grupos e compañías participantes son do mellor do noso teatro galego”, explicou Mariana Carballal, para a continuación agradecer o traballo de Josi Lage para converter ao festival xa “maduro” en todo un “referente”, con “moitas posibilidades para ser viable”.”
Parlamento das Letras: Manuel Núñez Singala
Entrevista
de Armando Requeixo a Manuel Núñez Singala no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Tes algún hábito singular ou manía á hora de escribir?
– Manuel Núñez Singala (MNS): A verdade é que non. E se os teño van cambiando ao longo do tempo. Por exemplo: hai moitos anos escribía a lapis, para poder corrixir con maior facilidade, hai xa moito tempo que uso directamente o ordenador o que me permite ter sempre un texto limpo. Normalmente escribo na casa, pero tamén aproveito o tempo en viaxes, vacacións e en lugares diversos. Podo escribir case en calquera sitio, cun mínimo de tempo e comodidade. (…)
– AR: ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– MNS: Creo que lle faltan lectores. O índice de lectura en Galicia é aínda baixo en comparación coa contorna europea na que estamos, e a lectura en lingua galega máis aínda. Fáltalle tamén visibilidade; abonda con mirar os escaparates das librarías nas que con frecuencia está ausente ou recluído nun gueto. E tamén, o que ten moito que ver co exposto, un impulso institucional moito máis decidido.
Sóbralle complexo de inferioridade. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– MNS: É incuestionable que o momento é magnífico. Nunca houbo tantos autores nin tanto recoñecemento, tantos lectores nin tantos títulos publicados, tantas bibliotecas nin tantos clubs de lectura. E todo iso malia unhas institucións que parecen empeñadas en poñer paus nas rodas a todo o sistema literario.(…)”
Morre Rosario Albán, impulsora do Centro de Estudos Galegos da Bahia
Desde
Sermos Galiza:
“Rosario Albán era docente xa retirada do Instituto de Letras da Universidade Federal da Bahia, no Brasil. Foi alí onde, en 1995, fundou o Centro de Estudos da Lingua e Cultura Galegas. Tamén ela estivo detrás do congreso Língua e inmigração na América Latina, organizado en 1996. Albán morreu esta semana.
“A Asociación Internacional de Estudos Galegos expresa o seu fondo pesar polo pasamento da profesora María del Rosario Suárez Albán”, di un comunicado, “queremos recoñecer a súa tarefa académica e a dinamización dos estudos culturais galegos no Brasil”. A asociación tamén lembra a homenaxe que, en 2015, lle rendeu a súa universidade. Celebraban os 40 anos da creación do primeiro Centro de Estudos Galegos na Bahia, antecesor do que a propia Albán puxo en marcha dúas décadas despois.
As súas investigacións inclúen ensaios como Ser galego na Bahia: onte e hoxe (1998), Os galegos baianos em Salvador (1998), A inmigración galega na Bahía (1989) ou A presença do Galego na Bahia (1989).
Galega de nación, graduada en letras vernáculas e mestre en portugués pola Universidade da Bahia -da que foi docente xa desde 1974-, a Asociación Internacional de Estudos Galegos salienta ademais “a súa dedicación constante ao fomento da Galiza no Brasil a partir tanto da actividade universitaria como da colaboración con institucións da colectividade galega”. “Desexamos que todo o seu esforzo teña continuidade polo ben da cultura e da lingua de Galiza”, conclúe.”
Comezou a XXXIV Semana de Teatro do Valadouro
Desde
Erregueté:
“Onte comezou a XXXIV edición da Semana de Teatro do Valadouro coa actuación do grupo Os pícaros da Lagoa, que representou Asilo por compasión. Seis días de actuacións (do 1 ao 6 de setembro) coa participación de grupos locais de recente creación e grupos da bisbarra xa ben consolidados.
O ciclo continúará hoxe co grupo de teatro Lume Escénico, da Pontenova, coa obra O achado do castro, de Manuel Núñez Singala. Mañá, martes día 3, será a quenda do grupo Axóuxeres de Vilaronte coa peza Un divorcio no pobo, de Tito Casado. O mércores 4 será o grupo O Bordelo, de Cervo, o que represente Toluras de proveito, de Francisco Piñeiro. O xoves 5, Touporroutou, de Foz, chegará ao Valadouro con Comedia bífida, de Núñez Singala. E, para rematar, o venres 6, A Adala de Fazouro representará a obra O que armou unha zoca.
Todas as representacións son as 22:00 no salón de actos da Casa da Cultura e, como novidade este ano, a apertura da billeteira para a retirada das entradas, de balde, será ás 21:00.
A entrada é gratuíta ata completar o aforo disposto na sala.”
Salvaterra: 33 edición do Festival da Poesía no Condado
Monforte: actos destacados da Feira do Libro 2019 para o 31 de agosto
O
31 de agosto finaliza a Feira do Libro de Monforte (na Rúa do Cardeal), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 19:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:
– 13:00 h. Presentación de Actrices secundarias, de Clara do Roxo, publicado pola Editorial Elvira, con Xabier Romero.
– 19:00 h. Concerto-presentación de Cantamos, de Luís Vallecillo, publicado por Guindastre Edicións.
– 20:00 h. Presentación de Soños de chicolate, de Antón Valcarce, publicado por Agrasar Editores.





